Multi-Forest: un modelo de xestión multifuncional para montes galegos resilientes, sostibles e rendibles
Comunidade de Montes de Baroña, laboratorio dun modelo extrapolable: o reto de aproveitar o potencial do monte galego

O Grupo Operativo Multi-Forest pechou o pasado 17 de setembro tres anos de traballo cun modelo de análise satelital para a planificación forestal, dúas certificacións PEFC pioneiras en mel e carne de cabalo, e unha cuantificación dos servizos ecosistémicos do monte veciñal en mancomún de Baroña (Porto do Son, A Coruña).
O 17 de setembro concluíu oficialmente o proxecto do Grupo Operativo Multi-Forest, unha iniciativa de innovación agroforestal financiada con preto de 180.000 euros -un 80% procedentes da Unión Europea, un 14% da Xunta de Galicia e un 6% do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación- enmarcada no Plan Estratéxico da PAC. O evento final, celebrado na Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún de Baroña, reuniu os catro socios: a propia comunidade, a Universidade de Vigo (grupo Hidroforest), PEFC Galicia e FEUGA, coordinadora e responsable da divulgación.
Un consorcio multidisciplinar para un monte multifuncional
Gabriel Santos, xestor de proxectos de FEUGA, explicou que os grupos operativos son “unha das ferramentas que pon á nosa disposición a Unión Europea para acadar os obxectivos da Política Agraria Común”, e que permiten “formar consorcios multidisciplinares nos que entidades con diferente perfil se unen para resolver un proxecto relevante”.
O proxecto partiu dun diagnóstico compartido: os montes galegos afrontan retos encadeados -cambio climático, despoboamento rural, incendios, perda de biodiversidade e abandono- que se retroalimentan. Multi-Forest formulou “unha xestión multifuncional do monte que permita garantir o seu futuro”, con catro obxectivos: analizar a idoneidade dos usos do solo, implantar novos cultivos (froitos do bosque e cogomelos shiitake), obter produtos autóctonos certificados mediante a cadea de custodia, e cuantificar os impactos sociais, económicos e ambientais do modelo. Os seus obxectivos aliñanse cos ODS 13 (Acción polo Clima) e 15 (Vida de Ecosistemas Terrestres).
Baroña: un laboratorio vivo de multifuncionalidade
A Comunidade de Montes de Baroña xestiona 878 hectáreas de monte veciñal en mancomún, das cales 690 están arboradas. O seu presidente, Ovidio Queiruga, describiu a evolución histórica do monte: desde unha economía de subsistencia na que xa era “realmente multifuncional” -leña, piñas, batume e gandería extensiva- ata as reforestacións masivas dos anos cincuenta impulsadas polo Patrimonio Forestal do Estado e o ICONA, que consideraban estes terreos “infrautilizados” e priorizaron o monocultivo madeireiro. Naquelas plantacións, recordou, “os propios veciños non sabiamos xestionar dentro do noso terreo”, e supuxeron a perda dos aproveitamentos tradicionais: “Esa gandería que iamos ao monte ou ese recurso que extraiamos directamente do monte xa non podiamos facelo, porque eses montes quedaron como privatizados”. O resultado foi o abandono do monte e do sistema agrario tradicional, cun incremento continuado da biomasa sen xestionar. “Os incendios son un dos grandes problemas que temos hoxe en día, por iso, pola falta de xestión dos montes”, afirmou.
“Tivemos que repensar; en Baroña non o queriamos así”, relatou. No ano 2000 a comunidade rompeu os convenios coa administración e asumiu a xestión directa. Conseguiron a certificación forestal e, no último plan de ordenación, decidiron “romper a exclusividade de producir madeira” para incorporar biodiversidade, recreo e protección das aldeas fronte aos incendios. “Hoxe estamos nunha zona que chaman O Carballal e hai dez anos isto estaba todo cuberto de piñeiros. Se o nome é O Carballal, estanos a dicir a toponimia que aquí no seu día houbo carballos”.
A comunidade diversificou o seu modelo produtivo. Ante a constatación de que a madeira era de baixa calidade, apostaron pola resina, con transición do sistema tradicional ao de bolsa para obter un produto “máis puro e de alta calidade”. En gandería manteñen 150 cabalos de raza galega de monte -cun acordo coa Universidade de Vigo para a conservación do cabalo galego de monte e os seus hábitats-, ademais de cabras, vacas e ovellas en sistema rotacional con valado virtual. “A nosa primeira premisa era a xestión forestal, é dicir, aforrar custos de desbroce”, explicou, xa que os custos anuais de desbroce mecánico -uns 10.000 a 12.000 euros en gasóleo, avarías e reparacións- resultaban “inasumibles”; os animais, en cambio, realizan un mantemento continuado.
Completan a actividade a apicultura, o aproveitamento micolóxico en 100 hectáreas reguladas, froitos do bosque, dous parques eólicos, unha comunidade enerxética con fotovoltaica, un pequeno serradoiro e un centro de transformación cárnico colaborativo en fase de posta en marcha, aberto a outras explotacións. A comunidade emprega a dez persoas ao ano: “É unha forma de asentar dez familias aquí na nosa parroquia”. “O monte ten que ser xerador de diñeiro, pero que facemos con ese diñeiro? Non só a Panorama e París de Noia para as festas patronais. Os veciños decidiron que non está mal a parte social, pero que debiamos empezar a traballar na creación de emprego”.
Queiruga recoñeceu as limitacións que motivaron a súa incorporación ao proxecto: “Estabamos facendo moitísimas cousas, pero non sabiamos se estabamos facendo ben”. A colaboración coa universidade permitiu instalar estacións meteorolóxicas para analizar o territorio con imaxes satelitais e “buscar a idoneidade do que temos e de como podemos melloralo”. “Nós debemos ser ese pequeno laboratorio no que vos axudemos, no que colaboremos con vós para que eses datos, eses coñecementos que tedes, sexan implementados no territorio”, afirmou.
Certificación pioneira: mel e carne de cabalo baixo selo PEFC
Elsa Grille, xerente de PEFC Galicia, presentou os resultados da súa entidade. PEFC é unha organización internacional sen ánimo de lucro que promove a xestión forestal sostible mediante a certificación, garantindo a trazabilidade desde o monte ata o consumidor final a través da norma de cadea de custodia.
O proxecto coincidiu coa revisión do sistema PEFC España e da norma UNE de xestión forestal sostible, polo que a primeira fase consistiu en adaptar o proxecto de ordenación de Baroña á nova normativa. A segunda fase centrouse no mel: desenvolveuse un estudo do asentamento apícola e un procedemento de control con responsabilidades, funcións e trazabilidade. A auditoría de AENOR celebrouse en novembro e a certificación concedéuselle en decembro. “É a primeira propiedade en Galicia que conta coa certificación PEFC nesta cadea de custodia”, destacou Grille.
A terceira fase abordou a carne de cabalo, máis complexa pola saída a matadoiro, resolta mediante subcontrata auditada. A auditoría realizouse en agosto e o 8 de setembro obtívose a certificación, ampliada o 2 de decembro. “Creo que é a primeira cadea de custodia a nivel mundial de carne de cabalo”, afirmou Grille, quen subliñou que conleva seguimento anual por unha entidade acreditada. Queiruga engadiu sobre isto que: “Hay que incrementar o seu valor”. Cunha pequena transformación en embutidos, a carne de potro pasou dun euro por quilo a 40, e “hai xente disposta a pagar un pouco máis” se se lle garante un produto de monte xestionado de forma sostible.
Teledetección, pegada de carbono e servizos ecosistémicos
Xana Álvarez Bermúdez, responsable do grupo Hidroforest da Universidade de Vigo, presentou os resultados científicos. “Nós viñemos un pouco a aproveitarnos para aprender, para darlle posibilidades aos nosos alumnos de coñecer, como futuros enxeñeiros forestais, que é unha xestión real e que é un monte”, sinalou, reivindicando que a enxeñaría forestal “non só é madeira, é moitas cousas máis”.
Mediante imaxes do satélite Sentinel-2 comparadas entre 2015 e 2024, o equipo identificou cambios na cobertura do solo, clasificándoas en coníferas, eucaliptais, frondosas, matogueira e pasto, e zonas sen vexetación. Os resultados confirmaron un aumento da superficie arborada, a substitución paulatina de eucaliptais por frondosas e piñeiros, e ecosistemas máis ricos en especies. “Pódese comprobar que realmente está a ter lugar esa transformación da comunidade cara a un modelo de monte moito máis sostible e resiliente”, concluíu.
A pegada de carbono estimouse co modelo InVEST para o conxunto da comunidade, a partir dos datos recollidos en parcelas piloto representativas de cada tipo de cobertura: sete de coníferas, catro de eucaliptais e tres de frondosas. En conxunto, estímase que a comunidade almacenou máis de 180.000 toneladas de carbono en 2024.
O terceiro bloque valorou economicamente os servizos ecosistémicos, sendo o abastecemento de auga o de maior valor. Álvarez subliñou que estas cifras “non son ingresos” para a comunidade, senón “beneficios que reportan á sociedade en xeral e que non estamos a devolver”. A análise de custo-beneficio confirmou a viabilidade: “Baroña é un proxecto rendible tal e como ten esa configuración multifuncional”.
Un modelo extrapolable
Tras as exposicións, as persoas asistentes realizaron unha visita aos terreos do monte comunal para comprobar sobre o terreo os aproveitamentos presentados durante a xornada.
O proxecto deixa como legado un modelo de xestión multifuncional documentado e auditado, dúas certificacións PEFC pioneiras, unha metodoloxía de análise satelital aplicable a grandes superficies e unha cuantificación rigorosa dos servizos ecosistémicos do monte veciñal. Como resumiu Ovidio Queiruga, “os montes son terreos que teñen un potencial altísimo e que por desgraza non somos capaces de aproveitar”. A experiencia de Baroña demostra que a colaboración entre comunidades, universidades, certificadoras e fundacións pode transformar ese potencial nun monte vivo, resiliente e xerador de valor ambiental, social e económico.
_
Este proxecto está financiado polas axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas nun 80% co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027 con fondos propios da Xunta de Galicia nun 14% e con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 6%. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega á que lle corresponde propor e executar as directrices xerais no ámbito rural, e engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais. Orzamento total do proxecto: 179.980,81 € | Subvención: 179.980,81 €




