EnergyLab celebra os seus 15 anos como un dos referentes nacionais en materia de gases renovables
O centro tecnolóxico aposta pola dixitalización e a economía circular, ademais de ser unha ligazón estratéxica para integrar a innovación no tecido empresarial de Galicia
EnergyLab cumpre 15 anos como un dos referentes nacionais en materia de gases renovables, con laboratorios que son os eixos principais no desenvolvemento dos seus proxectos de I+D+i. A súa presidenta e delegada de Desenvolvemento de Renovables de Naturgy Galicia, María Landeira Suárez, e o seu director xeral, Fernando Val López, presentaron un balance dos fitos conseguidos desde a súa constitución en 2008.
María destacou a importancia do seu papel como centro tecnolóxico co que levaron a innovación ás empresas, transformaron a investigación aplicada e o desenvolvemento tecnolóxico en valor para o mercado, ademais de ser claves no proceso de transferencia de tecnoloxía no ecosistema de I+D+i.
A presidenta resaltou a relevancia do equipo que forman a empresa, que é un persoal novo e altamente cualificado, ademais de agradecer a implicación das entidades que conforman o padroado. “Quero agradecervos a todas por facernos partícipes dos vosos proxectos pioneiros, moitos dos cales poderiamos cualificar de emblemáticos, que contribuíron a crear valor e coñecemento cunha única finalidade: a innovación e a visión a futuro”, detallou María.
O director xeral destacou que mobilizaron máis de 22 millóns de euros en 200 proxectos nos que se involucraron máis de 150 clientes; un 10 % destes proxectos son de ámbito internacional e o 60 %, aproximadamente, proceden de financiamento privado. “Somos o centro tecnolóxico de referencia nacional no ámbito dos gases renovables, destacando a posta en marcha dun laboratorio pioneiro en biogás e biometano nas nosas instalacións, que foi clave para o noso desenvolvemento como centro tecnolóxico, o desenvolvemento e posta en marcha da primeira planta de metanación biolóxica en España para a xeración de biometano. Fomos pioneiros na produción de hidróxeno verde nunha EDAR en Galicia, e na actualidade, estamos a desenvolver novas liñas de investigación en torno ao hidróxeno verde non só pola vía biolóxica senón tamén pola electroquímica (electrolisis) e a termoquímica (gasificación de biomasa)”, resumiu Fernando.
Cara ao futuro, o centro seguirá apostando pola economía circular en sectores chave como a industria e polos gases renovables, profundarán en distintas tecnoloxías de xeración de hidróxeno verde e nas súas posibles aplicacións, tanto en mobilidade como no sector naval.
Sobre o Centro Tecnolóxico EnergyLab
EnergyLab nace no 2008 nun contexto cunha necesidade crecente de mellora da eficiencia enerxética e de redución de emisións de Gases efecto invernadoiro asociadas aos diferentes sectores de actividade, para cuxa consecución se fai imprescindible a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico. Na súa constitución conta co apoio empresarial de diversos patróns fundadores, o da Xunta de Galicia e o das tres Universidades galegas, que se implicaron ata o día de hoxe no presente e futuro do centro.
No 2014 convértese en Centro Tecnolóxico Nacional, sendo este fito unha panca crave de competitividade para Galicia, e desde 2015 é integrante de ATIGA, a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia, xunto cos outros 6 centros tecnolóxicos galegos.
As liñas estratéxicas de EnergyLab céntranse nas seguintes cuestións: os edificios e distritos de enerxía positiva; as Comunidades Enerxéticas e os Sistemas Intelixentes de Xestión (SGE); a optimización de sistemas de xeración térmica renovable; sistemas de acumulación térmica; industria dixital (Big Data e Intelixencia Artificial); simulación e modelado matemático avanzado aplicado ao medioambiente; eficiencia térmica industrial; dixestión anaerobia e fermentación escura (biogás e biohidróxeno); gasificación e valorización termoquímica (syngas e hidróxeno); tratamento e valorización das correntes gasosas; produción de hidróxeno por ruta electroquímica; almacenamento, transporte, distribución de hidróxeno e outros gases renovables; usos do hidróxeno, metanol, amoníaco e outros gases renovables como combustibles alternativos e integración en sistemas de propulsión híbridos; e no ámbito da economía circular, a análise de ciclo de vida e ecodiseño; a dixitalización de procesos e desenvolvemento de ferramentas de xestión ambiental, e a innovación en modelos produtivos, estratexias circulares e simbiose industrial.
Un aspecto relevante en Energylab constitúeo a capacitación dos profesionais do sector enerxético. Nestes 15 anos formaron a máis de 1.700 alumnos, dos cales 1.000 foron a través dos cursos de Certificación Profesional do Protocolo Internacional de Medida e Verificación (IPMVP®) desenvolto por EVO (Efficiency Valuation Organization), organización con sede en USA e implantación a nivel mundial da que son representantes exclusivos en España.