A Fundación Juana de Vega impulsa a transición enerxética limpa no rural a través de EC4RURAL
O proxecto ten por finalidade evitar a pobreza enerxética das comunidades locais que atopan nunha situación desfavorecida a pesar da súa riqueza de recursos
O proxecto EC4RURAL ten por obxectivo transformar as relacións entre entidades locais, rexionais e as comunidades rurais para contribuír á transición cara ao consumo consciente da enerxía limpa, garantindo que non se queden atrás nun cambio de modelo imprescindible no actual escenario climático. Outra das finalidades é evitar a pobreza enerxética das comunidades locais que atopan nunha situación desfavorecida a pesar da súa riqueza de recursos.
EC4RURAL conta cun presuposto de 1,6 millóns de euros e está cofinanciado polo programa LIFE da Unión Europea, dentro do subprograma Clean Energy Transition, que foi aprobado tras un proceso moi competitivo. O proxecto deu comezo o 1 de setembro e terá unha duración de 48 meses.
A Universidade de Vigo lidera este consorcio multidisciplinar, formado por outras nove entidades de España, Bélxica e Estonia, entre as que se atopa a Fundación Juana de Vega ou a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), entre outras.
Galicia acolle 22 casos de estudo e un proxecto piloto
Os 22 concellos participantes de Galicia ocupan case 2.700 hectáreas, sumando unha poboación de 94.000 habitantes. Estes municipios son: Mazaricos, Moeche, Monterroso, Ordes, Outes, Tordoia, Vedra, Vilasantar, Avión, Entrimo, Muíños, Becerreá, Muras, Ourol, Palas de Rei, A Pobra de Brollón, Sober, O Valadouro, O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda e Tomiño. Pola parte de Estonia participan 12 concellos nos que viven máis de 125.00 habitantes e ocupan unha superficie total de máis de 9.000 hectáreas.
Neste período xa tivo lugar a primeira reunión no Edificio Redeiras da UVigo, na que participaron representantes dos socios xunto coa asesora de Proxectos da Axencia Executiva Europea sobre Clima, Infraestruturas e Medio Ambiente, para tratar as diferentes expectativas do proxecto e recomendacións sobre a xestión do mesmo no marco político da UE.
Con este proxecto preténdese abrir novos camiños a cambios no comportamento dos consumidores e das empresas, así como facilitar un maior diálogo e inversións conxuntas dos axentes públicos e privados, tal e como establece o Pacto Verde Europeo. Tamén contribuirá ao desenvolvemento rural dentro da nova Política Agraria Común, así como ao Pacto Rural Europeo e á Política de Cohesión Territorial.