A Misión Biolóxica de Galicia coordina un proxecto estatal sobre recursos xenéticos gandeiros, agrícolas e forestais
A Misión Biolóxica de Galicia coordina dende Pontevedra a rede “Conexión Recursos Xenéticos do CSIC”
A Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) coordina dende a súa sede en Pontevedra “Conexión Recursos Xenéticos (REGEN)”, unha das 15 redes de colaboración científica promovidas desde 2023 polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) como “Conexións CSIC”.
A finalidade é establecer un nexo de unión entre persoal de investigación de diferentes centros ao redor de temáticas prioritarias de actualidade, contan co respaldo pola Vicepresidencia de Investigación Científica e Técnica (VICYT) do CSIC. Orientan a súa actuación á formulación e coordinación de programas, proxectos, propostas e actividades conxuntas, así como á internacionalización e especialización dos seus membros.
Participan máis de 170 científicos de diferentes institutos de investigación do CSIC en toda España, universidades e departamentos ministeriais. “España é un centro de biodiversidade e o CSIC, con centros de investigación dedicados aos recursos xenéticos, un dos principais organismos científicos de apoio ás políticas sectoriais sobre recursos xenéticos. Neste contexto xorde REGEN, para xerar sinerxias entre investigadores que traballan con gran número de coleccións e organismos, e que abarcan todos os campos relevantes para a conservación e xestión dos recursos xenéticos”, explica Pedro Revilla Temiño, coordinador de REGEN.
Está a traballarse na identificación das coleccións de recursos xenéticos existentes, reunindo información sobre a institución responsable de cada colección
A Rede organízase a través dos seguintes grupos de traballo: Coordinación e integración da actividade científica, Implicación da Administración na conservación de recursos xenéticos e na súa sustentabilidade, Impacto en políticas públicas, Atracción e retención de talento e Internacionalización e Coordinación. “A nosa principal ambición pasa por posicionar ao CSIC como centro de referencia da Administración Xeral do Estado, provedor de servizos científico-técnicos e interlocutor científico nacional e internacional na conservación e caracterización de recursos xenéticos”, avanzan Pedro Revilla Temiño, da MBG-CSIC,l e Delphine Grivert, de ICIFOR-INIA, CSIC.
Polo momento, está a traballarse na identificación das coleccións de recursos xenéticos existentes, reunindo información sobre a institución responsable de cada colección, a persoa de contacto, o material que se conserva, o método de conservación, os recursos dispoñibles e os problemas que existen. Esta información publicarase e utilizarase para a elaboración de protocolos e de documentos científicos sobre novas tecnoloxías de fenotipado e genotipado, manexo de coleccións ex situ, estratexias de conservación in situ e adaptación dos recursos xenéticos ao cambio climático. Tamén se está elaborando un libro de divulgación para dar a coñecer á sociedade esta información e o valor dos recursos xenéticos.