Curso en Santiago sobre tecnoloxías de monitorización en gandería e agricultura
Celebrarase do 4 ao 18 de xullo nas instalacións de AGACA, organizado por DIH Datalife

Imaxe de arquivo.
O Digital Innovation Hub Datalife organiza un curso presencial titulado “Aplicación da IoT á industria agropecuaria mediante tecnoloxía LoRaWAN”, que se celebrará do 4 ao 18 de xullo de 2025, en horario de 10:30 a 14:00 horas, nas instalacións de AGACA.
A formación está dirixida a profesionais do sector gandeiro e agrícola, así como a desenvolvedores e consultores tecnolóxicos interesados na implementación de solucións IoT. O docente será José Carlos López Ardao, profesor titular na Universidade de Vigo e coordinador do Máster interuniversitario de Internet das Cousas (IoT).
O curso abordará desde os fundamentos do Internet das Cousas e a tecnoloxía LoRaWAN, ata o deseño de sistemas de monitorización para gandaría e agricultura, con sesións prácticas e recursos en liña. Incluiranse tamén casos de uso reais e debates sobre a súa aplicabilidade.
Os participantes aprenderán a identificar sensores axeitados, deseñar sistemas de monitorización, integrar solucións de almacenamento e visualización de datos, e analizar casos de éxito reais. As persoas interesadas en anotarse poden acceder a esta ligazón.