‘Galgrape’, un penso galego elaborado con bagazo de uva albariño
Unha spin-oƯ da Universidade de Santiago de Compostela lanza un produto para a alimentación animal baseado en extractos naturais. Foi probado con éxito en granxas avícolas
I-Grampe Laboratory, spin-oƯ da USC, presentou o seu primeiro produto final, Galgrape. Este é un penso complementario líquido para a alimentación animal formulado a partir de extracto natural de bagazo de uva da variedade Albariño.
O evento de presentación celebrouse na Facultade de Química da USC, reunindo a medio centenar de asistentes, entre eles, representantes de empresas do sector e científicos. As intervencións institucionais incluíron a Pilar Bermejo, vicerreitora de Política Científica, Susana Torrente, da área de Valorización, e Luis Otero, delegado de Transferencia do Coñecemento e Raúl Rodríguez, da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Desde a USC, destacouse a importancia de i-Grampe como un caso exemplar de como a investigación universitaria pode traducirse en produtos comerciais. Marta Lores e Juan Verdes, directivos de i-Grampe, expresaron a súa satisfacción ao cumprir cos obxectivos propostos desde a fundación da empresa hai unha década, mantendo os seus valores orixinais.
O proceso de desenvolvemento de Galgrape® foi longo, pero conseguiron aglutinar unha tecnoloxía e método de produción sostible, de baixo custo e alta eficiencia. A empresa busca valorizar os residuos agroalimentarios e subproductos da industria agroalimentaria e crear unha nova cadea de valor no sector segundo os principios da Economía Circular.
Galgrape® destaca polo seu alto contido en compostos bioactivos, especialmente polifenois, con propiedades antimicrobianas, antioxidantes e antifúnxicas. Estes beneficios probáronse en colaboración con Avícola Rivadulla SL, demostrando a súa eficacia no benestar animal e en situacións de estrés ou dificultades de desenvolvemento, como expuxo a veterinaria Raquel García.
Ademais, os resultados foron validados polo proxecto europeo NeoGiANT H2020, que busca reducir o uso de antibióticos na cría de animais e substituír conservantes sintéticos. Para i-Grampe, este lanzamento representa unha fito clave na súa historia e abre a porta a novos desenvolvementos de produtos no futuro.