A USC abre as portas da súa ciencia na oitava edición de Ciencia Singular

Os centros de investigación mostran o seu traballo e amosan solidariedade coas vítimas da dana en Valencia

Edición pasada de Ciencia Singular no CiTIUS. / Foto do CiTIUS.

A Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela organiza a oitava edición de Ciencia Singular, unha xornada que terá lugar o sábado 23 de novembro.

Como novidade, o Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) únese por primeira vez ao CiQUS, CiMUS, CiTIUS e IGFAE, todos recoñecidos pola Xunta de Galicia como parte da rede CIGUS, que acredita a calidade da investigación destes centros.

A xornada terá lugar de 10.00 a 20.00 horas e será necesario rexistrarse previamente a partir do martes 19 de novembro ás 16:00h na seguinte páxina web. O evento, dirixido a persoas de todas as idades, ofrecerá visitas polas instalacións destes centros, charlas, obradoiros e experimentos para achegar o público á labor científica que se desenvolve neles.

Nesta edición, Ciencia Singular tamén incorporará un compoñente solidario. En resposta á devastadora dana que afectou a diversas localidades de Valencia, os centros singulares da USC súmanse á campaña de doazóns da Cruz Vermella. As achegas poderán realizarse a través da páxina web, no formulario de rexistro ou durante a propia xornada.

Comments are closed.