Faladoiro sobre o impacto das enerxías renovables e o seu aproveitamento sobre o territorio
Volven os ‘Encontros de Lúa Chea’ á Escola Politécnica Superior de Lugo cunha sesión sobre a demanda enerxética, eólicos e territorio
O xoves 19 de outubro retómanse os ‘Encontros de Lúa Chea’, concibidos como palestras de análise e debate sobre cuestións de actualidade. Esta actividade está desenvolta pola Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC.
A primeira sesión do novo curso deste ciclo, que forma parte do convenio Lugo Cultural e que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial, permitirá afondar sobre o impacto que teñen as enerxías renovables e o seu aproveitamento sobre o territorio.
A sesión será na cafetería da EPS a partir das 19:30 horas e contará co alcalde do Concello de Muras, Manuel Requeiro, e o profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC Damián Copeno, que abordarán a relación entre a demanda enerxética, eólicos e territorio.
Neste encontró, o público poderá reflexionar sobre a sociedade actual, que está construída sobre un consumo enerxético moi elevado e que tende a aumentar. Se a iso lle unimos que este consumo se sustenta sobre un uso intensivo de combustibles fósiles, a situación revélase como insustentable no tempo. E o cambio climático e o quecemento global son unha das mostras máis evidentes de que isto é así.
Diante desta situación, o cambio cara a un modelo baseado no uso de enerxías renovables preséntase como a alternativa sustentable. Desde ese punto de vista, a proliferación de parques eólicos no territorio galego nos últimos anos non pasa desapercibida, así como tampouco a polémica que xera esta expansión.