Xornada sobre tendencias e aditivos na industria láctea
A Aula de Produtos Lácteos da USC organiza os días 22 e 23 de outubro unhas xornadas sobre tendencias e aditivos, coa inscrición aberta ata o día 18

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) celebrará a cuarta edición das xornadas sobre ingredientes e aditivos na industria láctea e alimentaria os días 22 e 23 de outubro, na Facultade de Veterinaria de Lugo.
O encontro reunirá especialistas do sector para compartir coñecementos e experiencias sobre as últimas tendencias do mercado, as innovacións tecnolóxicas e as aplicacións de ingredientes e aditivos no desenvolvemento de novos produtos alimentarios.
O programa inclúe dúas conferencias maxistrais a cargo dos investigadores Ángel Gil e Javier Fontecha, ademais de diversos relatorios centrados nos avances que están a marcar a evolución da industria alimentaria. As sesións contarán tamén coa participación de empresas destacadas do sector, que colaboran como patrocinadoras: Alifarma, Carburos Metálicos, FOSS, IFF, Innova Market Insights e Novonesis. A súa presenza permitirá achegar unha perspectiva práctica sobre as solucións e tecnoloxías aplicadas actualmente na industria.
As xornadas están dirixidas principalmente a responsables e persoal técnico das áreas de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i), mercadotecnia, produción e calidade das empresas lácteas e alimentarias. Tamén están convocados investigadores e estudantes interesados en coñecer os avances neste ámbito.
A inscrición permanecerá aberta ata o domingo 18 de outubro. As persoas interesadas poden consultar o programa completo e formalizar a súa participación a través da páxina web da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias.
Con esta cuarta edición, a iniciativa busca favorecer o intercambio de coñecemento entre o ámbito científico e o empresarial e achegar aos profesionais as novidades en ingredientes, aditivos e tecnoloxías para a industria alimentaria.



