O papel das mulleres no rural galego: un estudo de caso en Mondoñedo con arqueoloxía e memoria oral
Un estudo arqueolóxico e etnográfico en San Vicente de Trigás, en Mondoñedo, reivindica o traballo, os coidados e os saberes femininos como piares fundamentais das comunidades rurais

O papel das mulleres foi determinante na construción histórica do rural galego, tanto polo seu traballo nas actividades produtivas como pola súa responsabilidade nos coidados, na organización doméstica e na transmisión de coñecementos entre xeracións. Así o revela unha investigación desenvolvida na parroquia de San Vicente de Trigás, en Mondoñedo, que combina arqueoloxía, etnografía e memoria oral para reconstruír a evolución da vida rural ao longo do tempo.
O estudo parte das escavacións realizadas no xacemento do Combarro, que documentaron unha ocupación rural altomedieval e permiten analizar a organización dos espazos, as actividades cotiás e as transformacións experimentadas pola comunidade. Os resultados póñense en diálogo coas lembranzas e experiencias das mulleres da parroquia para ofrecer unha perspectiva histórica que vai máis alá dos grandes acontecementos e presta atención á vida diaria.
A investigación identifica unha dobre carga de traballo feminino. As mulleres participaban nos labores agrícolas e gandeiros e noutras actividades económicas, mentres asumían maioritariamente tarefas como a crianza, a alimentación, a xestión do fogar e a atención ás persoas. Estes labores, imprescindibles para a continuidade das comunidades, quedaron con frecuencia infrarrepresentados nos relatos históricos tradicionais.
Ademais, as mulleres desempeñaron un papel esencial na transmisión de saberes relacionados co territorio, os recursos naturais, a alimentación, os coidados e as prácticas comunitarias. Para as persoas investigadoras, recuperar estas experiencias resulta fundamental para comprender como se organizaron historicamente as sociedades rurais e como se configuraron as paisaxes que chegaron ata a actualidade.
As conclusións presentáronse o 10 de outubro no Pazo de San Tomé, en Mondoñedo, nunha xornada que incluíu a presentación do proxecto Axencia feminina, coidados e memoria: unha aproximación transhistórica ao rural galego desde O Combarro, San Vicente de Trigás, Mondoñedo, así como dun vídeo documental elaborado no marco da investigación.
O programa completouse cunha mesa redonda sobre a axencia feminina no rural, con especialistas das universidades do Minho e de Oviedo, e cun roteiro pola parroquia para conectar os resultados científicos co territorio e o patrimonio.
A iniciativa enmárcase no proxecto ‘COIDARQ. Coidados, materialidades e espazos’, pertencente ás axudas Posdoutorais da Xunta de Galicia e está financiada a través do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Santiago de Compostela para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i 2025-2026, no marco da IV edición do Programa Xan de Forcados do CISPAC. A actividade conta ademais coa colaboración da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que apoia esta xornada como espazo de encontro entre investigación, patrimonio e sociedade.



