Xornada sobre a soberanía alimentaria en Galicia
O proxecto de divulgación científica Ciencia á Feira celebra este venres en Lugo o Día da Soberanía Alimentaria cun vídeo e un faladoiro sobre produción local, sustentabilidade e acceso a alimentos saudables

Imaxe de arquivo.
A Casa do Saber da Vicerreitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en Lugo, acollerá o 16 de outubro, ás 16.30 horas, a presentación do vídeo Soberanía alimentaria: utopía ou realidade e un faladoiro para analizar os retos alimentarios de Galicia. A actividade, organizada no marco do proxecto de divulgación científica Ciencia á Feira, coincide coa conmemoración do Día Internacional da Soberanía Alimentaria.
O encontro abordará unha cuestión fundamental: que capacidade ten Galicia para producir os alimentos que consome e como avanzar cara a un sistema alimentario máis sostible, xusto e resiliente. O debate terá en conta tanto os modelos de produción agraria como as dificultades que afronta a cidadanía para acceder a unha alimentación saudable a prezos asumibles.
Entre os desafíos do territorio figuran o abandono e a infrautilización de terras agrarias, a especialización produtiva e a dependencia das importacións de determinados alimentos, especialmente produtos vexetais destinados directamente ao consumo humano. Recuperar terras produtivas, diversificar cultivos, impulsar a agricultura ecolóxica e reforzar os circuítos locais de produción e consumo son algunhas das vías que se analizarán.
A soberanía alimentaria tamén implica garantir que as persoas poidan manter unha dieta equilibrada. O prezo dos alimentos, os orzamentos familiares, o tempo dispoñible para cociñar e os coñecementos culinarios condicionan as decisións de consumo.
No faladoiro participarán M.ª Ángeles Romero Rodríguez, catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da USC; Mar Pérez Fra, do Departamento de Economía Aplicada; e David Miranda Barrós, do Departamento de Enxeñaría Agroforestal. Os tres coordinan o informe Alimentos sostibles e xestión do territorio, publicado este ano polo Consello Económico e Social de Galicia. Tamén intervirá Marcos Vázquez Marey, en representación do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).
A iniciativa forma parte da cuarta edición de Ciencia á Feira, impulsada polo grupo de innovación docente XuvenCiencia da USC para achegar o coñecemento científico á sociedade. O programa 2026/2027 aborda tamén o alzhéimer e os incendios forestais, con actividades participativas vinculadas aos desafíos sociais e ambientais.



