A Xunta e o Campus Terra analizan os retos das industrias agroforestais para dar resposta ás súas necesidades

A USC impulsou a creación da Comisión de Industrias Tractoras do Campus Terra co obxectivo de estreitar os lazos entre a investigación académica e o tecido produtivo

Os directores da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e o da Axencia Galega da Industria Forestal, Alfredo Fernández Ríos; membros da Comisión de Industrias Tractoras do Campus Terra, asistiron a unha reunión coa Comisión Científica Externa que tivo lugar no campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A través de xuntanzas coma esta, a Xunta avanza na colaboración co sector produtivo e a investigación académica para responder aos retos das industrias agroforestais.

O encontro consistiu na presentación das respostas ás cuestións marcadas na anterior reunión da Comisión de Industrias Tractoras relativas ás necesidades e retos aos que se enfronta o sector produtivo, nos que o Campus Terra pode aportar solucións ou melloras, así como ás colaboracións específicas entre o Campus Terra e a o industria que beneficien ambas partes.

Igualmente, valoráronse as actividades a desenvolver segundo os indicadores do convenio da anualidade 2027 nas dimensións de gobernanza, docencia, investigación e transferencia, ademais de establecer un calendario de traballo e aclarar os próximos pasos para o desenvolvemento das iniciativas.

Co obxectivo de estreitar os lazos entre a investigación académica e o tecido produtivo, a USC impulsou a creación da Comisión de Industrias Tractoras no marco do Campus Terra. Este órgano nace coa misión de asesorar ao Comité de Dirección e complementar o labor da Comisión Científica Externa, garantindo que a especialización do campus responda de xeito eficaz ás necesidades das empresas e industrias estratéxicas do sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *