Seminario sobre asesoramento para impulsar o emprendemento no rural

A Escola Politécnica Superior organiza o 22 de setembro unha sesión gratuíta dirixida a estudantado e profesionais para coñecer ferramentas e recursos cos que desenvolver novos negocios ou modernizar explotacións agrogandeiras

O Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) abordará o emprendemento no medio rural cun seminario que se desenvolverá o vindeiro 22 de setembro, de 10:00 a 14:00 horas, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo. A actividade, organizada pola Escola Politécnica Superior, pretende achegar ao estudantado as ferramentas, recursos e fontes de información necesarias para poñer en marcha un proxecto empresarial no rural ou para modernizar negocios e explotacións agrogandeiras xa existentes.

Baixo o título “Asesoramento para o emprendemento no rural”, o seminario estará coordinado por Santiago Lamosa Quinteiro e será impartido por Mª Elena Piñeiro Sotelo. A sesión estará centrada no asesoramento ao estudantado sobre as posibilidades de incorporación á economía do medio rural, ben a través da creación dun novo negocio, ben mediante a transformación e mellora de iniciativas empresariais ou explotacións agrogandeiras en funcionamento.

Ao longo da actividade presentaranse diferentes ferramentas, recursos e fontes de información das que dispón actualmente a mocidade para deseñar e desenvolver proxectos de emprendemento rural. O obxectivo é facilitar o coñecemento dos medios necesarios para avaliar unha idea de negocio, identificar oportunidades e avanzar na súa posta en marcha ou modernización.

O seminario contará cun máximo de 15 prazas e as persoas interesadas xa poden formalizar a súa inscrición a través do formulario en liña.

A actividade forma parte do plan formativo do Campus Terra da USC para o mes de setembro, que reúne unha quincena de propostas entre cursos, obradoiros e seminarios destinadas ao Persoal Docente e Investigador (PDI), estudantado e profesionais do sector produtivo.

A programación inclúe actividades sobre ámbitos como a intelixencia artificial aplicada á investigación e á análise de datos, o cálculo científico e técnico con Python, a aplicación de sensores e sistemas de monitorización no gando vacún, os residuos agrogandeiros e o seu aproveitamento, as estratexias culinarias fronte á disfaxia e a disxeusia ou o uso de ferramentas como Mathcad. No caso do estudantado, a oferta complétase con propostas sobre follas de cálculo aplicadas á bioquímica, o emprego dos modelos de linguaxe (LLM), a educación baseada no lugar no contexto rural galego ou a enxeñaría técnica industrial no sector das enerxías renovables.

Toda a información sobre as demais sesións poden consultarse nas fichas dos cursos e seminarios do Campus Terra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *