Formación en transformación do leite para impulsar o relevo xeracional

A APLTA e a Deputación de Lugo organizan o 25 de setembro unha xornada gratuíta dirixida a menores de 45 anos

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC organiza o vindeiro 25 de setembro, en Lugo, unha xornada formativa sobre transformación do leite, en colaboración coa Deputación de Lugo. A iniciativa busca facilitar a incorporación de persoas novas ao sector lácteo e contribuír ao relevo xeracional nas explotacións e cooperativas do rural galego.

A formación, gratuíta e de carácter teórico-práctico, está dirixida a menores de 45 anos que traballen en explotacións lácteas ou estean interesados en incorporarse ao sector. Durante a xornada abordaranse cuestións como a microbioloxía e a hixiene, a elaboración de leites fermentados e os fundamentos da queixería. Pola tarde realizaranse prácticas de fabricación de iogur e queixo fresco.

A actividade contará tamén coa participación de Ana Corredoira, gandeira e bióloga responsable da granxa ecolóxica A Cernada, en Palas de Rei. Corredoira achegará a experiencia dos pequenos produtores e presentará o traballo de As Vacas da Ulloa, cooperativa da que forma parte A Cernada xunto coa Granxa Maruxa.

A xornada desenvolverase nas instalacións da APLTA-USC, na rúa Montirón 150, en Lugo, no marco do programa europeo AGROSOCIAL, financiado polo Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.

As prazas son limitadas e as inscricións poden realizarse no correo formacion@aplta.es ou no teléfono 647 344 098.

Programa
A formación abordará diferentes aspectos relacionados coa transformación do leite e coa seguridade e hixiene dos procesos. Durante a mañá, as persoas participantes coñecerán cuestións básicas de microbioloxía e hixiene nas instalacións, para posteriormente afondar na elaboración de leites fermentados e nos fundamentos da queixería.

A sesión continuará pola tarde cunha parte eminentemente práctica, centrada na fabricación de iogur e queixo fresco. Desta maneira, a xornada combina os coñecementos teóricos coa experimentación directa dos procesos de transformación.

O programa comezará ás 8.45 horas coa recepción dos participantes e prolongarase ata as 19.00 horas, coa seguinte distribución:
08.45 h: recepción dos participantes.
09.00-10.00 h: Microbioloxía básica e hixiene nas instalacións.
10.00-12.15 h: Elaboración de leites fermentados.
12.15-12.45 h: descanso.
12.45-14.15 h: fundamentos de queixería.
15.30-16.30 h: fabricación de iogur.
16.30-18.30 h: fabricación de queixo fresco.
18.30-19.00 h: presentación de As Vacas da Ulloa S. Coop. Galega como experiencia empresarial no sector.

Programa Completo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *