Once ensaios clínicos sobre un leite A2 avalían os seus efectos nutricionais e metabólicos

Os resultados sobre Únicla A2 presentáronse no congreso médico SEMERGEN, celebrado en Santiago, onde tamén se avanzaron datos preliminares sobre posibles cambios na saúde dixestiva e inmunitaria de nais e bebés


Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e doutras entidades presentaron os resultados de once ensaios clínicos realizados con produtos lácteos Únicla A2 no 48.º Congreso Nacional SEMERGEN, celebrado no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela. Os estudos analizaron o impacto destes produtos en distintos indicadores nutricionais, metabólicos e cardiovasculares, así como a súa posible relación coa composición do leite materno.

A sesión comezou coa intervención de Ismael Martínez, responsable de Innovación da cooperativa rural CLUN, impulsora da marca. Martínez explicou que o desenvolvemento desta liña de produtos se basea na selección de vacas que producen leite A2 e no control da alimentación das vacas, que reciben pasto durante todo o ano. Segundo indicou, os resultados dos ensaios apuntan a unha contribución á redución da inflamación e do estrés oxidativo, así como a cambios en marcadores como a calprotectina fecal, cuxos niveis, segundo os datos presentados, diminúen co consumo destes lácteos.

A catedrática de Nutrición e Bromatoloxía da USC Cristina Fente centrou a súa intervención nos estudos sobre a composición do leite materno. Un dos traballos xa foi publicado na revista Foods, mentres que outro continúa en marcha. Segundo os resultados expostos, o leite materno de mulleres que consumiron Únicla A2 presentou concentracións máis elevadas de ácido transvaccénico e ácido oleico.

O estudo comparou o consumo de leite convencional e Únicla A2 durante dous períodos de tres meses e observou incrementos de determinados ácidos graxos e dos niveis de selenio

Fente tamén avanzou datos preliminares da investigació,n aínda non concluída, nos que se observan posibles melloras en problemas dixestivos e cutáneos de nais e bebés tras 45 días de consumo habitual, ademais dunha posible mellor resposta inmunitaria. A investigadora advertiu de que estes resultados son provisionais e non permiten establecer conclusións definitivas.

Pola súa banda, Alberto Cepeda, tamén investigador da USC, abordou o uso destes produtos na alimentación das persoas maiores. O seu estudo, realizado durante dous meses en dous centros xeriátricos, partiu dunha análise da dieta que detectou un exceso de proteínas e un déficit de hidratos de carbono, fibra e graxas totais. Tras incorporar Únicla A2 á alimentación, o cociente entre omega-6 e omega-3 pasou de 8,4 a 2,8, segundo os datos presentados. Cepeda sinalou que a modificación se produciu sen inducir un déficit calórico nin observar, segundo a súa exposición, cambios de peso ou perda de masa muscular.

A sesión pechouse coa presentación de María Pata, directora científico-técnica de Biostatech, sobre os cambios nos marcadores séricos e no perfil de ácidos graxos das membranas dos glóbulos vermellos en mulleres de entre 20 e 40 anos. O estudo comparou o consumo de leite convencional e Únicla A2 durante dous períodos de tres meses e observou incrementos de determinados ácidos graxos e dos niveis de selenio.

Finalmente, a médica de Atención Primaria Laura Cardona destacou a importancia de incorporar a alimentación saudable á práctica clínica, xunto co tratamento farmacolóxico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *