Caprigo impulsa o queixo de cabra galego desde Xacebáns

O proxecto culmina tres anos de investigación cunha aposta pola elaboración de queixos brandos de tempada, a valorización do territorio e a dinamización do medio rural


O proxecto Caprigo rematou cun balance positivo tres anos de traballo orientados a impulsar a produción caprina e queixeira galega a partir dos recursos locais da aldea modelo de Xacebáns, no concello ourensán de Quintela de Leirado. A iniciativa, desenvolvida desde 2024 pola Universidade de Vigo, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), Queixos Feijoo e o agricultor Maik Paladino, centrouse no estudo do leite de cabra e na elaboración de queixos brandos de alta calidade, adaptados á estacionalidade da alimentación dos animais.

A xornada de peche, celebrada na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, serviu para presentar os principais resultados dunha investigación que busca converter a produción local nunha oportunidade para o sector agroalimentario e o desenvolvemento rural.

Un dos eixes do proxecto foi coñecer mellor as características do leite producido en Xacebáns e a súa evolución ao longo do ano. O equipo investigador estudou a vexetación consumida polas cabras, a composición do leite e os cambios que experimentan os queixos durante a elaboración e a maduración.

Entre os achados destaca que as mostras de leite de Xacebáns presentaron unha maior proporción de ácido alfa-linolénico, un ácido graxo esencial da familia omega-3, que as procedentes dunha explotación intensiva utilizada como referencia. Ademais, detectáronse variacións estacionais nalgúns compoñentes, especialmente na graxa e nos hidratos de carbono.

O proxecto pretende trasladar os coñecementos á produción de queixos de tempada con características diferenciadas e maior valor gastronómico

A investigación tamén permitiu identificar diferenzas entre os queixos tipo brie elaborados con leite de distintas procedencias. Nas producións de verán analizadas, os queixos de Xacebáns presentaron máis proteína e calcio, menos humidade e maior firmeza que os elaborados con leite de León. A composición da materia prima, a perda de humidade e os cambios nas proteínas durante a maduración resultaron determinantes para a textura final. Na última fase obtivéronse, ademais, as táboas de composición nutricional dos queixos elaborados.

O proxecto pretende trasladar estes coñecementos á produción de queixos de tempada con características diferenciadas e maior valor gastronómico. Para iso, a colaboración entre investigación universitaria e empresas do sector considérase fundamental.

Na apertura da xornada, a vicerreitora do campus de Ourense, Montserrat Cruz, salientou que Caprigo responde a necesidades reais do territorio e emprega a innovación para contribuír á súa transformación. Iván Gil, en representación da organización, destacou o potencial destas iniciativas para apoiar os pequenos produtores galegos.

A sostibilidade constitúe outro dos obxectivos centrais. A recuperación do aproveitamento agrario mediante o pastoreo, a prevención de incendios forestais, a fixación de poboación e a dinamización económica local forman parte da finalidade da iniciativa, financiada con fondos europeos Feader e axudas da Consellería do Medio Rural xestionadas por Agacal.

A xornada concluíu cunha mesa redonda sobre gandaría, produción queixeira e territorio, na que representantes do sector, da investigación e das comunidades de montes analizaron os retos e as oportunidades para fortalecer as pequenas producións rurais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *