ALGANUT impulsa pensos con macroalgas e selenio para reducir antibióticos e metano
O proxecto pretende contribuír a reducir o uso de antibióticos e as emisións de metano, ao tempo que mellora o valor nutricional dos alimentos de orixe animal

Un equipo multidisciplinar puxo en marcha ALGANUT, un proxecto de innovación que desenvolverá novos pensos baseados en macroalgas mariñas enriquecidas en selenio destinados aos sectores avícola e vacún leiteiro. A iniciativa, cunha duración de tres anos e un orzamento de 599.538,74 euros, pretende contribuír a reducir o uso de antibióticos e as emisións de metano, ao tempo que mellora o valor nutricional dos alimentos de orixe animal.
ALGANUT parte das propiedades das macroalgas e do selenio para deseñar unha solución orientada a mellorar a eficiencia, competitividade e sustentabilidade das explotacións gandeiras. Segundo os estudos que sustentan a iniciativa, determinados compostos presentes nas algas poden favorecer a dixestibilidade e contribuír a reducir entre un 20 e un 80 % as emisións de metano. Ademais, os seus compostos bioactivos poderían favorecer a saúde intestinal e reducir entre un 20 e un 40 % a necesidade de antibióticos.
Os suplementos serán probados en condicións comerciais en vacún leiteiro, polos e galiñas poñedoras
Outro dos obxectivos é aproveitar a capacidade dalgunhas especies de macroalgas para acumular minerais esenciais. O selenio, con funcións antioxidantes e relacionadas co sistema inmunitario, será incorporado aos pensos para avaliar posteriormente a súa transferencia a produtos destinados ao consumo humano. O proxecto contempla así a obtención de carne de polo, ovos e leite enriquecidos neste mineral.
A investigación desenvolverase en varias fases. Inicialmente estudaranse a dispoñibilidade do selenio procedente das algas e a súa presenza en leite e ovos mediante ensaios en vacún leiteiro e galiñas poñedoras. Tamén se analizará o efecto das suplementacións sobre as emisións de metano, a saúde e o rendemento produtivo.
Nunha segunda etapa avaliarase o impacto sobre a saúde intestinal e a inmunidade dos polos de engorde. Finalmente, os suplementos serán probados en condicións comerciais en vacún leiteiro, polos e galiñas poñedoras.
Coordinado por FEUGA, ALGANUT conta coa participación de Porto-Muiños, De Heus, Nutricor e Vía Láctea, xunto con grupos de investigación da USC, UPM, UCM e CIAM-AGACAL. A iniciativa busca avanzar cara a unha gandería máis eficiente, sostible e aliñada co enfoque One Health. O proxecto está cofinanciado nun 80 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e nun 20 % polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027.



