Carlos Amiama asume a dirección da Escola Politécnica Superior de Lugo
O novo director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo aposta por unha escola “aberta, esixente e innovadora” e sitúa a formación dual, as infraestruturas e a colaboración co tecido produtivo entre as prioridades do seu mandato

Carlos Amiama tomou posesión este mércores, 9 de setembro, como novo director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en substitución da profesora Rosa Romero. O novo responsable do centro afronta esta nova etapa co obxectivo de consolidar a EPSE como unha escola “de referencia, aberta, esixente, innovadora e profundamente conectada coa sociedade”.
Durante o seu discurso de toma de posesión, Amiama salientou que a rápida transformación da sociedade obriga a ir máis alá da formación estritamente técnica. “Debemos proporcionarlle ao estudantado criterio, capacidade de aprendizaxe, creatividade, cultura científica e compromiso ético”, sinalou.
O novo director destacou o papel da EPSE na formación de profesionais chamados a responder a algúns dos principais desafíos actuais, como a xestión do territorio e dos recursos naturais, a adaptación ao cambio climático, a transición enerxética, a produción sostible, a economía circular, as infraestruturas, a robótica ou a dixitalización da industria.
Unha escola ante retos complexos
Amiama defendeu a necesidade de abordar estes desafíos desde unha perspectiva transversal. Segundo explicou, a sociedade non presenta de maneira illada problemas agrícolas, forestais, tecnolóxicos ou ambientais, senón “retos complexos que requiren coñecementos diversos, capacidade para traballar en equipo e unha visión global”.
Neste sentido, considerou que unha das principais fortalezas da EPSE reside nas sinerxías entre os seus diferentes ámbitos de coñecemento. Así, puxo como exemplos a colaboración entre a robótica e a agricultura de precisión, o diálogo entre a enxeñaría civil, a paisaxe e a sustentabilidade ou a aplicación da intelixencia artificial á xestión do territorio.
Amiama pon o foco na progresiva implantación da formación dual, que definiu como un dos fitos que deberá acadar a escola nos próximos anos
O director tamén reivindicou o papel da escola dentro do Campus Terra, ao que atribuíu unha posición estratéxica para afrontar os desafíos relacionados coa sustentabilidade económica, social e ambiental do uso da terra. Para Amiama, a EPSE debe converterse nunha “peza esencial” deste campus e nun “socio estratéxico para Lugo e para Galicia”.
Formación dual e colaboración co sector produtivo
Entre os retos inmediatos da nova dirección estarán a mellora das infraestruturas, a procura de financiamento, a remuda xeracional e a adaptación da oferta formativa ás novas necesidades sociais e profesionais. Amiama sinalou especialmente a progresiva implantación da formación dual, que definiu como “sen dúbida” un dos fitos que deberá acadar a escola nos próximos anos.
Para iso, o novo equipo directivo aposta por intensificar a colaboración coas administracións públicas, o sector agroforestal, as empresas, os colexios profesionais e os centros tecnolóxicos e de investigación. Esta cooperación, xunto coa relación co conxunto da sociedade, será un dos eixes fundamentais do novo mandato.
Rosa Romero pecha a súa etapa á fronte da EPSE
O acto serviu tamén para despedir a Rosa Romero, que deixa a dirección da escola tras converterse na primeira muller en ocupar este cargo na historia da EPSE.
Romero pronunciou un discurso marcado pola emoción e polo significado simbólico do lugar no que se celebrou o acto: o pavillón da EPSE dedicado á muller rural. A profesora destacou que este espazo representa o compromiso da escola co recoñecemento e a visibilización do papel das mulleres, especialmente das mulleres do rural, así como coa defensa da igualdade.
A reitora da USC, Rosa Crujeiras, presidiu o acto e reivindicou a evolución experimentada pola EPSE desde a súa creación
“Pechar unha etapa tan importante da miña vida á fronte da Escola, facelo xunto á primeira muller que ocupa o Reitorado da nosa Universidade e facelo aquí, nun espazo dedicado ás mulleres rurais, é unha desas coincidencias que converten un momento institucional nun momento tamén profundamente persoal”, afirmou.
Romero agradeceu o traballo compartido durante os anos á fronte da institución e trasladou os seus mellores desexos ao novo director e ao equipo que o acompañará nesta nova etapa.
Un centro ligado á evolución de Lugo
A reitora da USC, Rosa Crujeiras, presidiu o acto e reivindicou a evolución experimentada pola EPSE desde a súa creación. Lembrou que o centro naceu coa misión de formar persoal técnico que contribuíse á modernización do campo galego, nun contexto no que a agricultura estaba marcada en boa medida pola subsistencia.
Hoxe, a escola ofrece formación en ámbitos como a enxeñaría agroforestal, a robótica, a paisaxe ou a enxeñaría civil, unha evolución que, segundo Crujeiras, se produciu sen perder a identidade orixinal do centro.



