CEAMSA inviste na startup turca Farmhood para desenvolver novos ingredientes proteicos multifuncionais

CEAMSA, empresa galega de texturizantes e estabilizantes, acaba de realizar unha inversión estratéxica na startup turca Farmhood, especializada na transformación de subprodutos agroalimentarios vexetais en ingredientes proteicos mediante procesos de extracción verde.

A clave da inversión está en que Farmhood non se limita a extraer proteína vexetal, senón que preserva e valoriza outros compostos presentes nos subprodutos, aproveitando ingredientes con perfil nutricional e funcional máis completo. O proceso desenvolvido utiliza un 40 % menos de auga e un 75 % menos de enerxía que os procesos de extracción proteica convencionais.

Un exemplo é o sésamo, do que só en Turquía se xeran máis de 30.000 toneladas anuais. A tecnoloxía de Farmhood busca converter subprodutos infrautilizados da cadea agroalimentaria en ingredientes versátiles e de alto valor engadido, cun contido proteico superior ao 45 %, con propiedades tecnolóxicas, como a capacidade de emulsificación.

Ambas as compañías están traballando nunha folla de ruta de incubación co obxectivo de “avanzar conxuntamente na validación técnica e comercial do seu primeiro ingrediente como posible coadxuvante tecnolóxico alimentario”.

Segundo Selin Arslan, fundadora de Farmhood, “o mercado global de proteínas vexetais está crecendo a unha taxa anual composta do 7,2 % ata 2028, e agárdase que o mercado de alimentos funcionais alcance os 267.920 millóns de dólares en 2027. Estas tendencias subliñan a importancia de ofrecer opcións sostibles e de alto valor nutricional aliñadas coas prioridades dos consumidores”.

Para Iñigo Alzueta, presidente de CEAMSA, “esta inversión demostra como a economía circular e a innovación das startups están contribuíndo a mellorar a utilización de materias primas naturais e xerando novas oportunidades industriais”.

A operación, que se suma ao recente acordo coa española Poseidona, abunda no compromiso de CEAMSA coa colaboración entre compañías consolidadas e startups deeptech para desenvolver ingredientes sostibles, circulares e adaptados ás novas demandas de formulación.

A inversión é un dos resultados da pasada edición de CEAMBOOST, o programa de corporate venturing e incubación de CEAMSA, compañía socia do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), para startups innovadoras en ingredientes naturais, funcionais e sostibles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *