Hamburguesas e pratos preparados de Ternera Gallega: novos formatos para adaptarse ó consumidor
O Centro Tecnolóxico da Carne traballa na súa planta piloto en proxectos orientados a sacar ó mercado produtos de cuarta e quinta gama de carne da IXP

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou o potencial innovador do sector cárnico galego durante a súa visita ás instalacións do Centro Tecnolóxico da Carne en San Cibrao das Viñas, onde comprobou os avances dos proxectos de investigación orientados a lanzar ao mercado produtos de cuarta e quinta gama elaborados con Ternera Gallega Suprema de produción ecolóxica. Na visita estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
Estas iniciativas teñen como obxectivo principal optimizar e dar un maior valor comercial a pezas de carne que presentan unha menor demanda no mercado habitual, ao tempo que ofrecen opcións adaptadas ás necesidades actuais de alimentos sostibles, de proximidade e con total garantía de trazabilidade.
Por unha banda, os traballos centrados na cuarta gama buscan desenvolver e mellorar produtos frescos listos para cociñar, envasados en distintos formatos, como hamburguesas sen glute. Pola outra, a liña de quinta gama enfócase na elaboración de pratos cociñados e preparados para o consumo inmediato, entre os que figuran opcións tradicionais como os callos con ou sen garavanzos, as albóndegas, o guiso de carne e a preparados con salsa boloñesa.
A titular de Medio Rural destacou que o Centro Tecnolóxico da Carne dispón de laboratorios especializados e dunha planta piloto idónea para deseñar, testar e analizar as características organolépticas destes novos formatos antes da súa comercialización. Para concluír, Gómez reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia coa investigación no eido agroalimentario e lembrou o carácter estratéxico do sector do vacún galego, que supera os 1.400 millóns de euros de facturación anual e alcanza unha produción de 94.000 toneladas.



