A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario concede tres novas bolsas para impulsar o talento galego
A quinta edición do programa de apoios fináncialle posgraos internacionais a tres titulados da USC, que completarán a súa formación en universidades de Francia e dos Países Baixos

A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas resolveu a concesión das bolsas correspondentes á quinta edición do seu Programa de Bolsas de Posgrao, unha iniciativa dirixida a promover a formación especializada de mozos e mozas galegos en universidades de recoñecido prestixio internacional. Nesta convocatoria foron seleccionados tres titulados da Universidade de Santiago de Compostela (USC), tras un proceso de avaliación no que o Padroado destacou o elevado nivel académico das candidaturas presentadas.
As persoas beneficiarias desta edición son Paula Mariño Faro, que cursará o máster Science in Epidemiology na Universiteit Utrecht, nos Países Baixos; Roy Casero Soler, que realizará o programa Integrative Biological Sciences na Université de Strasbourg, en Francia; e Celia Durán Iglesias, que estudará o máster Physics, Engineering and Chemistry for Biology na Université Paris-Saclay, tamén en Francia. Os tres desenvolverán estudos de especialización en áreas vinculadas á investigación científica e ás ciencias da saúde.
O programa ten como finalidade facilitar que estudantes con expedientes de excelencia poidan acceder a institucións internacionais de primeiro nivel. As bolsas cobren integramente os custos de matrícula e taxas académicas, ademais dos gastos de aloxamento e manutención durante a estancia no estranxeiro. Cada beneficiario poderá percibir ata 1.500 euros mensuais, cunha dotación máxima de 40.000 euros, sempre condicionada á correspondente xustificación dos gastos.
A entrega oficial das bolsas celebrouse na sede da Fundación, en Lugo, coa asistencia do presidente, Tomás Notario Vacas; do vicepresidente e presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela López; do director xeral da entidade, Jesús Antonio Méndez Álvarez-Cedrón; de membros do Padroado, dos bolseiros e dos seus familiares.
Durante o acto, Tomás Notario Vacas felicitou aos seleccionados e animounos a aproveitar esta oportunidade para ampliar a súa formación nun contexto internacional, subliñando a importancia de seguir impulsando o talento galego como motor de desenvolvemento para Galicia. A quinta edición das bolsas coincide, ademais, cun momento simbólico para a Fundación, xa que o seu presidente cumprirá cen anos o próximo mes de agosto.

Acto de entrega das bolsas.



