O proxecto Saberes do Monte impulsa un modelo de monte vivo construído desde o territorio
A xornada de lanzamento reuniu esta mañá en Lugo a entidades socias, institucións colaboradoras e representantes do territorio, que compartiron a súa visión sobre os retos e oportunidades para conservar a biodiversidade e fortalecer o rural.
O proxecto Saberes do Monte celebrou hoxe a presentación oficial na sede da Deputación Provincial de Lugo. O encontro reuniu a preto de 70 asistentes, das entidades socias, institucións colaboradoras, comunidades de montes, empresas e persoas vinculadas aos cinco territorios nos que se desenvolverá o proxecto para compartir unha visión común sobre o futuro dos montes galegos.
O consorcio, integrado pola Fundación Juana de Vega, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Asociación Galega de Custodia do Territorio, traballará durante os próximos dous anos e medio, ata setembro de 2028, en cinco áreas piloto na Serra do Xistral, Negueira de Muñiz, Os Ancares, O Courel e Serra da Groba, localizadas en doce concellos rurais: O Valadouro, Muras, Abadín, Ourol, Xove, Alfoz, Vilalba, Negueira, Cervantes, Folgoso do Courel, Oia e O Rosal.
A iniciativa promoverá actuacións orientadas á conservación e restauración de hábitats de alto valor ecolóxico e ao impulso de actividades que contribúen a manter vivo o territorio. Farao co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), a través do cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Tamén colaboran co proxecto a área de Medio Rural, do Mar e Mocidade da Deputación de Lugo, Caixa Rural Galega e a Fundación Naiterra.
Un proxecto que une conservación e desenvolvemento rural
A iniciativa aposta por reforzar actividades como a gandaría extensiva, o manexo tradicional de cabalos en liberdade, a apicultura e o ecoturismo, favorecendo a súa valorización a través da marca colectiva Saberes do Monte.
Ademais, promoverá acordos de custodia do territorio, actuacións de restauración ecolóxica e mecanismos innovadores de financiamento que contribúan a recoñecer os beneficios ambientais e sociais xerados polas persoas que coidan o monte.
Durante a apertura da xornada, as entidades promotoras coincidiron en destacar a importancia de impulsar un modelo de conservación baseado na colaboración entre administracións, comunidade científica e poboación local.
Na benvida institucional, Iria Castro, deputada da área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico, Normalización Lingüística e Memoria Histórica da Deputación de Lugo, sinalou a conexión do proxecto Saberes do Monte coa acción política da área de Rural, con iniciativas e programas propios dirixidos a apoiar modelos de xestión sostibles e vinculados ao territorio.
Neste sentido, valorou a transversalidade dunha marca colectiva que dará valor non só a produtos agroalimentarios, senón tamén a modelos de xestión e formas de vida no rural, que son o resultado da experiencia e do coñecemento sobre a natureza acumulado durante xeracións.
Pola súa banda, José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, destacou que “os hábitats de maior valor ecolóxico existen porque durante xeracións houbo persoas que coidaron o monte desenvolvendo actividades tradicionais. Por iso, un dos grandes valores deste proxecto é que sitúa no centro ás persoas e aos saberes que fixeron posible ese patrimonio natural. Non se trata
só de conservar hábitats, trátase tamén de recoñecer socialmente a quen leva décadas prestando un servizo que beneficia ao conxunto da sociedade”.
Finalmente, José Manuel López, director comercial de Caixa Rural Galega, afirmou que “desde o primeiro momento tivemos claro que queriamos formar parte de Saberes do Monte porque compartimos o seu compromiso cun rural vivo e cunha xestión sostible do territorio”. Tamén apuntou que “o proxecto demostra que a colaboración entre entidades é fundamental para impulsar iniciativas que xeren beneficios ambientais, sociais e económicos no rural”.
A continuación, representantes das entidades socias achegaron os antecedentes do proxecto, os seus obxectivos, as principais liñas de actuación e os próximos fitos previstos nas cinco áreas piloto. A presentación foi a cargo de Beatriz Suárez, directora da área de Desenvolvemento Rural da Fundación Juana de Vega; Ramón Alberto Díaz, profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela; Laura Lagos, investigadora da Universidade da Coruña; e Óscar Rivas, secretario da Asociación Galega de Custodia do Territorio.
A experiencia do territorio, protagonista do encontro
A segunda parte da xornada deu voz ás persoas que viven e traballan nas áreas piloto do proxecto: Isolina Rodríguez, secretaria da Asociación de Propietarios do Monte de Piornedo (Cervantes); Marcos Reinoso, promotor da iniciativa Pía Paxaro – Sendeiros da Natureza (Folgoso do Courel); Alejandro Fernández, presidente da CMVMC Frexulfe (O Valadouro); e Marta Liñares, comuneira da CMVMC de Barcela e Vilauxín (Negueira de Muñiz). Durante o coloquio coincidiron en destacar o valor que achega para as comunidades locais a participación neste tipo de proxectos, xa que lles permite acceder a coñecemento técnico e formar parte de redes e espazos colaborativos que axudan a impulsar as súas actividades.
Un camiño que comeza
Tras a presentación oficial, Saberes do Monte iniciará o desenvolvemento das primeiras actuacións previstas nas cinco áreas piloto. Ao longo dos próximos meses avanzará na caracterización dos hábitats e dos servizos ecosistémicos que prestan, na procura de mecanismos innovadores de financiamento, no establecemento de acordos de custodia do territorio, na restauración de áreas estratéxicas e no impulso da marca colectiva Saberes do Monte, co obxectivo de contribuír á conservación da biodiversidade e ao fortalecemento dun rural vivo e dinámico.
Sobre Saberes do Monte
Saberes do Monte está liderado pola Fundación Juana de Vega en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Asociación Galega de Custodia do Territorio. Conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), a través do cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Tamén colaboran co proxecto a área de Medio Rural, do Mar e Mocidade da Deputación de Lugo, Caixa Rural Galega e a Fundación Naiterra.



