Os grandes incendios forestais afectan máis aos territorios con despoboamento e avellentados

Segundo un estudo realizado polo investigador da UVigo Juan Picos para o Eixo Atlántico

Vázquez Mao, López e Picos, co informe. Foto: Eixo Atlántico

O despoboamento e o envellecemento constitúen “factores estruturais que incrementan a vulnerabilidade territorial fronte a incendios de gran magnitude”. Esta é a principal conclusión dun estudo promovido polo Eixo Atlántico e realizado polo profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Juan Picos, presentado este martes na Deputación de Lugo. O investigador da UVigo analizou a influencia da perda de poboación e do envellecemento das e dos habitantes de preto de 5000 entidades locais de España, Portugal e Francia que sufriron algún lume forestal ao longo da última década. A súa análise permitiu constatar que a perda de poboación está “fortemente correlacionada” coa incidencia dos incendios de máis de 500 hectáreas. Do mesmo xeito, o envellecemento poboacional asóciase tamén a unha “maior vulnerabilidade” a sufrir grandes lumes, nomeadamente nos casos de España e Portugal.

Impulsado polo Eixo Atlántico e elaborado no marco do programa europeo Sudoe, o informe Análisis de la relación entre despoblación rural y cambio en los régimenes de incendios en el suroeste europeo presentouse este martes no Pazo de San Marcos da Deputación de Lugo. Nesta presentación, participaron a presidenta da institución provincial, Carmela López, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, xunto co autor do estudo e subdirector da EE Forestal.

O obxectivo deste traballo é avaliar, a través de diferentes indicadores, “ata que punto factores como a perda de poboación, a densidade demográfica ou o envellecemento poden influír na aparición e extensión dos incendios”. A análise parte dos incendios rexistrados polo European Forest Fire Information System entre 2016 e o primeiro cuadrimestre deste ano, así como dos datos demográficos recollidos por Eurostat por “unidade administrativa local” destes tres países, correspondéndose no caso de España cos municipios, no de Portugal coas freguesías e en Francia coas communes. Nomeadamente, o estudo abrangue un total de 4.974 unidades municipais que se viron afectadas por algún lume ao longo desta década, analizando aspectos como a porcentaxe de superficie queimada, a densidade e a perda de poboación, así como a porcentaxe da poboación maior de 65 anos destes municipios.

Envellecemento e perda de poboación

Esta análise permitiu constatar, por unha banda, que “unha gran parte das unidades administrativas afectadas por incendios” neste período “concéntranse en municipios que perderon poboación”. Isto, recolle o informe, “é especialmente significativo en amplas zonas do interior da península ibérica, como o norte e o centro de Portugal, o interior de Galicia e a cornixa cantábrica”, así como oeste de Castela-León. Nese senso, apunta Picos, esta perda de habitantes amosa unha maior relación coa aparición de grandes lumes que a propia densidade poboacional das áreas analizadas, xa que estes tamén se rexistraron, en menor medida, “en áreas que gañaron poboación”. Neste punto, o investigador de relevo que, se ben o “despoboamento non explica os incendios, si está relacionado cun aspecto que si os explica”, como é o aumento do combustible forestal froito da “desvinculación coa xestión do territorio”, que dáse tamén en “áreas periurbanas” que gañaron poboación nesta década, pero nas que diminuíron as actividades agrícolas ou gandeiras.

A importancia da xestión do territorio conéctase á súa vez con outro dos factores destacados neste estudo, como é o envellecemento, cuxa correlación coa incidencia dos lumes forestais é “incluso máis potente” que a da perda de poboación en determinadas zonas do interior de Portugal e España. A análise realizada amosa que os municipios afectados polo despoboamento e cunha maior proporción de maiores de 65 anos rexistraron tamén “unha maior porcentaxe de superficie queimada” neste período. Ao mesmo tempo, onstátase tamén a influencia tanto do despoboamento e do “abandono rural”, como do envellecemento na incidencia de grandes incendios, o que leva a Picos a subliñar que “entender as variables demográficas do territorio tamén axuda a establecer políticas” de prevención.

Os grandes lumes non están ligados ás zonas que arden máis veces

Esta análise amosa tamén que os grandes incendios “non están directamente relacionados” co número de lumes rexistrados nunha determinada área municipal, xa que estes son resultado “da combinación entre abandono territorial, continuidade do combustible, acumulación de biomasa e condicións climáticas extremas”, pondoe de relevo que son “fenómenos altamente complexos e multifactoriais”. De feito, os incendios de máis de 500 hectáreas sufridos nestes tres países presentan “unha distribución espacial máis concentrada e selectiva”, localizándose o seu “principal foco” no centro e norte de Portugal. No caso de España, a súa maior incidencia na última década sitúase en áreas do noroeste penínsular, mentres que en Francia, onde se rexistraron menos lumes que na península, os lumes extremos concentráronse “nas rexións meridionais e mediterráneas”, aínda que, apunta Picos, tratouse de “eventos puntuais que non responden a factores estruturais”.

Portugal, por outra banda, “rexistra os maiores niveis de afectación por incendios e unha forte relación entre despoboamento, envellecemento e superficie queimada”. Neste país, os grandes incendios concentráronse en zonas con “menor recorrencia previa do lume”, o que podería estar vinculado a que incendios previos reducen “a acumulación de combustible”. España, pola súa banda, “presenta unha situación intermedia, onde a frecuencia de incendios e o envellecemento teñen un peso importante, especialmente nos períodos recentes”, mentres que o envellecemento non amosou incidencia no caso de Francia.

Portugal é tamén o país que concentrou un maior número de unidades municipais afectadas por incendios entre 2016 e 2026, especialmente no norte e no centro do país. No caso de España, a afectación dos municipios foi tamén “moi extensa”, destacando especialmente Galicia e a cornixa cantábrica, xunto co “sistema central, amplas zonas do oeste peninsular, numerosas áreas rurais do interior e diversos sectores da fachada mediterránea”, recolle este estudo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *