Proxecto para empregar lignina extraída da madeira en asfaltos máis sostibles
Ence busca métodos para valorizar a parte da madeira sobrante trala extracción da celulosa para os seus procesos
Ence Energía y Celulosa puxo en marcha un proxecto destinado á investigación e a optimización do uso da lignina para mesturar e ligar, de forma natural e sostible, materiais utilizados para o asfaltado de estradas. O proxecto “Bitúmina”, posto en marcha en colaboración coa empresa Misturas, xorde da oportunidade de deseñar produtos de construción máis respectuosos co medio ambiente, utilizando en parte produtos resultantes do proceso da celulosa de Ence.
Dentro do seu compromiso coa economía circular e o aproveitamento eficiente dos recursos forma parte deste proxecto, que a European Quality Assurance (EQA) certificou, ao estar plenamente aliñado cos obxectivos ambientais que require a lexislación europea.
Ao incluír materiais de orixe biolóxica, como a lignina, presente de maneira natural na madeira que utiliza Ence como materia prima nas súas biofábricas, contribúese á promoción dunha economía circular e baixa en carbono. Deste xeito, estes materiais permitirán substituír nas estradas parte dos materiais bituminosos tradicionais por materiais naturais, á vez que reducirán o consumo de enerxía e a emisión de gases de efecto invernadoiro. Con iso, esta iniciativa pode redundar nun avance desde os puntos de vista ambiental, técnico e económico no asfaltado de vías.
Un requisito imprescindible foi obter a declaración DNSH; certificado que corrobora que, con este proxecto de investigación, a compañía contribúe á mitigación e adaptación ao cambio climático; ao uso sostible e protección dos recursos hídricos e mariños; á transición cara a unha economía circular; á prevención e control da contaminación; e á protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas.
A iniciativa conta co apoio do Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial e da Universidade de Santiago de Compostela (Grupo Integrado de Enxeñería Civil e Geomática do Campus de Lugo), e desenvolverase durante un período de tres anos.
O certificado da é un requisito obrigado para os proxectos de I+D+i cofinanciados polo CDTI con fondos Next Generation EU, que obriga a realizar unha avaliación sobre o impacto a estes obxectivos ambientais cando as empresas realizan un investimento ou reforma.