A empresa galega Madera Plus sítuase na lista das 100 mellores startups de 2024
A Asociación de Parques Científicos y Tecnológicos de España engadiu na súa lista a Coinscrap, entidade de solucións fintech a bancos e aseguradoras, e a Madera Plus, entidade que aposta pola madeira de calidade dende o monte ata o mercado
A Asociación de Parque Científicos y Tecnológicos de España (APTE) creou unha listaxe coas 100 mellores startups do ano 2024 situadas nos seus 51 parques científicos e tecnolóxicos. Trátanse de proxectos innovadores en ámbitos punteiros e entre elas hai dúas entidades galegas, situadas no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), sociedade participada pola Xunta de Galicia. As entidades son Madera Plus e Coinscrap.
O obxectivo que persegue APTE é recoñecer as 100 startups máis destacadas dos parques científicos e tecnolóxicos españois e poñer de relevo a calidade e capacidade emprendedora que se desenvolve nestas contornas, así como facilitar o coñecemento destas empresas a posibles entidades investidoras interesadas en proxectos de alto crecemento.
Nesta liña, estas startups terán un protagonismo especial durante a vindeira edición do Foro Transfiere -o maior evento europeo sobre I+D+i e transferencia de coñecemento, que conecta a todo o sistema español de innovación e impulsa a súa proxección internacional-, que terá lugar en Málaga no mes de marzo e onde as firmas poderán manter reunións con potenciais clientes e investidores.
Madera Plus emprega diferentes tecnoloxías non destrutivas e aporta diferenciación por calidade tecnolóxica, pegada social e pegada de CO2 á madeira que certifican
Por unha banda, Madera Plus Calidad Forestal proporciona solucións dixitais para optimizar os recursos ambientais e madeirables do monte. Cuantifica as absorcións de CO2 e emprega algoritmos para avaliar a calidade tecnolóxica da madeira para o seu uso estrutural, realizando tanto medicións indirectas sobre as árbores como sobre a madeira cortada.
A empresa caracteriza calidade da madeira desde a árbore en pé e a madeira en rolo segundo o seu rendemento final na industria. Para iso empregan diferentes tecnoloxías non destrutivas e aportan diferenciación por calidade tecnolóxica, pegada social e pegada de CO2 á madeira que certifican. Así, benefícianse todos os actores da cadea porque o propietario obtén un maior prezo pola venda da madeira certificada.
Por outra banda, Coinscrap Finance é unha fintech, é dicir, unha empresa que ofrece servizos financeiros a través de medios dixitais e o uso da tecnoloxía. Naceu coa intención de axudar á poboación a mellorar a súa capacidade de aforro sen esforzo a través de apps de microaforro e, desde a súa creación, xa desenvolveron diversas ferramentas innovadoras para a industria financeira. Nesta liña, apoia aos principais bancos e compañías de seguros europeas na ampliación da súa proposta de valor ás xeracións de clientes máis novos mediante a personalización da súa experiencia dixital e o desenvolvemento de novos modelos de negocio baseados en datos.