Pemade impulsa un proxecto europeo para reducir á metade as emisións da construción
LIFE TIMBER FOR ALL combinará madeira local certificada e formigón baixo en carbono para sistemas estruturais sostibles

Clase en Pemade. / Imaxe da USC.
O proxecto LIFE TIMBER FOR ALL, liderado pola Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) do Campus de Lugo da USC, arrancou co obxectivo de transformar o sector da construción.
Esta actividade é responsable dun terzo das emisións globais de gases de efecto invernadoiro (GEI). A iniciativa procura un equilibrio entre formigón e madeira, harmonizando ambos materiais para almacenar carbono a longo prazo e reducir de xeito significativo as emisións vinculadas ao formigón e ao aceiro.
Durante os vindeiros 49 meses, o proxecto centrarase no desenvolvemento dunha nova familia de sistemas estruturais compostos de madeira e formigón. Estes integrarán formigón baixo en carbono, elaborado con cinzas de biomasa, e madeira local certificada de xestión forestal sostible.
O obxectivo é acadar unha redución do 50% das emisións de GEI en comparación coas estruturas de formigón prefabricado, á vez que se garante o almacenamento de carbono a longo prazo.
Ademais, está previsto crear certificacións específicas, un pasaporte dixital de produto (DPP) para o rastrexo de materiais e un sistema de créditos de carbono. Todo isto aplicarase seguindo os principios da Nova Bauhaus Europea (NEB), que promove unha construción inclusiva, sostible e estética.
Xunto a Pemade, no consorcio do proxecto participan o Grupo Rodiñas, Xilonor, a Universidade de Granada, a Axencia Galega da Industria Forestal XERA, a Fundación Galicia Constrúe, o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, o Institut de Tecnologia da Construcció de Catalunya, o Institut d’Arquitectura Avançada de Catalunya e a spin-off da USC 3edata.
Xornada de presentación
O pasado venres celebrouse a xornada de presentación “Estruturas mixtas madeira-formigón: impulso da construción sostible e industrializada en Galicia”. O encontro desenvolveuse no Centro de Formación da Fundación Laboral da Construción e contou con relatorios e mesas de debate a cargo de integrantes do consorcio.
Pola tarde realizáronse visitas a obras con forxados mixtos no Centro de Protonterapia de Santiago de Compostela e no Pazo do Piñeiro en Ares, A Coruña.
Manuel Guaita, director de Pemade e coordinador do proxecto, destacou que o evento marcou “un fito crucial para o sector”, ao establecer as bases para que a construción sostible e a madeira de proximidade cheguen a toda a sociedade, “superando as barreiras existentes e fomentando un impacto ambiental, social e económico positivo”.


