Prototipos en madeira de frondosas: imaxinando novos usos para un material desaproveitado

O proxecto ForestED uniu a arquitectos, técnicos e propietarios forestais na busca de alternativas para especies abundantes nos montes de Galicia, como carballo, bidueiro e castiñeiro, pero con escaso uso industrial. Unha exposición amosou recentemente en Pontevedra prototipos de usos posibles.

“Segundo o inventario forestal continuo de Galicia hai máis de 600.000 hectáreas de frondosas, que cobren aproximadamente o 20% dos case 3 millóns de hectáreas que ten a comunidade autónoma, e representan máis do 40% da superficie arbolada galega. En cambio, do volume de cortas de madeira que se realizan con destino industrial -anualmente por riba dos 9 millóns de metros cúbicos con cortiza- só o 3% corresponde a frondosas”.

Con esta clara radiografía comezou Antonio Rigueiro, presidente da Asociación Forestal de Galicia, unha recente intervención na Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra con motivo da exposición “ForestED: Do bosque á edificación”. A mostra do proxecto ForestED, que pasou por decembro por Pontevedra, amosa prototipos construídos con seis especies de madeiras infrautilizadas: carballo, bidueiro e castiñeiro de Galicia; así como faia, castiñeiro e piñeiro carrasco de Cataluña.

A xestión activa das frondosas é a mellor garantía da conservación das mesmas.

Galicia corta a metade da madeira de España, pero as frondosas -carballo, bidueiro, castiñeiro, rebolo- apenas contan. José Luis Chan, daquela aínda o director xeral de Ordenación e Planificación Forestal e moderador dunha mesa redonda sobre as frondosas, puxo cifras á fenda: “Partindo de 620.000 hectáreas, que ao mercado da madeira de frondosas se achegue só a 220.000 metros cúbicos… Aí está claro que temos un problema estrutural que deberiamos tratar de traballalo durante os próximos anos. A xestión activa das frondosas é a mellor garantía da conservación das mesmas“.

O proxecto ForestED, financiado pola Fundación Biodiversidade do MITECO no marco do PRTR e impulsado polo Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña (IAAC), o Centro de Ciencia e Tecnoloxía Forestal de Cataluña (CTFC), a Asociación Forestal de Galicia (AFG) e o Consorci Forestal de Catalunya (CFC), trata de explorar vías para mudar esta realidade.

Unha configuración de propiedade complexa

O perfil do propietario das frondosas e das propias parcelas ocupadas por estas especies explica, en boa medida, a ausencia de xestión. Juan Picos, profesor da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, presentou os resultados do traballo que o Inventario Forestal Continuo realizou sobre 23.500 parcelas catastrais ocupadas por frondosas.

Máis do 50% das que analizamos tiñan condicións técnicas desfavorables (parcelas pequenas, mala accesibilidade, etc). Moitas desas masas veñen dun abandono

“Determinamos que o titular catastral maioritario era un pensionista. O 25% das parcelas catastrais correspondían a un titular xa xubilado e pensionista, en tanto só un 10% das frondosas correspondían a persoas activas, titulares afiliados á Seguridade Social en activo”.

A maiores, “o 18% dos titulares catastrais das frondosas residen fóra de Galicia e doutro 18% non consta un NIF como titular catastral. Iso significa que é un título catastral probablemente moi antigo, previo a moitas fases de actualización do catastro e poderiamos asumir que xa é un propietario de difícil localización”.

Picos engadiu que “máis do 50% das que analizamos tiñan condicións técnicas desfavorables (parcelas pequenas, mala accesibilidade, etc). Moitas desas masas veñen dun abandono, probablemente dun aproveitamento agrario gandeiro previo. Normalmente adoitan ser as parcelas peores as que primeiro se abandonan e, por tanto, non sería estraño que esta corte de frondosas estea ocupando esa tipoloxía de parcelas”. O 85% son propiedade particular, concentradas maioritariamente nas provincias de Lugo e Ourense, cara ao interior.

Bosques “cativos”

Francisco Dans, asesor da Asociación Forestal de Galicia, foi rotundo na súa análise. “Os bosques de frondosas son uns bosques cativos, máis aló de naturais, naturalizados ou plantacións. Son cativos dunha serie de circunstancias das que temos que responsabilizar a todos, desde os propietarios forestais, pero moi especialmente a unha certa política, imos dicir ambiental, que se instaurou en España durante os últimos 30 ou 40 anos”.

O que non se usa, involuciona, descapitalízase, entra en decrepitude e finalmente arde

E concretou: “Cativos porque temos unha normativa ambiental, paisaxística encima dos nosos montes que dalgunha maneira colapsan calquera intervención neles. Porque deixamos de utilizar os materiais que normalmente provían á sociedade dos produtos dos montes de frondosas. O que non se usa, involuciona, descapitalízase, entra en decrepitude e finalmente arde”.

A selvicultura necesaria

Gonzalo Piñeiro, da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), puxo o acento na necesidade de intervir as masas. “Moitas veces, cando falamos do sector forestal o problema que nos atopamos é que desde a plantación ata o aproveitamento pasan moitísimos anos, pero aquí temos unha situación moi boa, é dicir, temos 600.000 hectáreas que xa están a producir. Será mellor ou peor, pero xa temos 600.000 hectáreas. Eu creo que é moi positivo”.

Con todo, Piñeiro alertou sobre a calidade: “Non tendo en Galicia unha gran cantidade de empresas que traballen con madeira de frondosas, esas empresas ademais teñen a necesidade de ir comprar e fornecerse madeira de frondosas do exterior, de importación. Por que o están facendo? En gran parte porque non teñen calidade. É dicir, na madeira de frondosas temos unha serie de produtos, que non soamente van depender de que a madeira sexa grosa ou que non sexa cónica, senón que hai uns condicionantes de calidade máis importantes”, subliña.

O que temos que buscar é favorecer os mellores pés. Non temos que quitar os pés malos, temos que favorecer o que é bo

“Noutros países, como pode ser Francia, esa parte silvícola está moi avanzada , por exemplo, co carballo, onde hai xeracións que están a aproveitar esa madeira con ansia industrial e onde ten un mercado moi grande”, apunta Piñeiro.

A solución, para o ponente pasa por cambiar o enfoque silvícola. “A corta intermedia de piñeiro faise de forma natural, cortando unicamente os pés peores. O que temos que buscar é favorecer os mellores pés. Non temos que quitar os pés malos, temos que favorecer o que é bo, ás veces sacrificando pés que poden ser igual de bos ca este, porque é o que nos vai requirir a industria e é a que vai permitir pagar”.

A innovación de ForestED

O proxecto ForestED está a valorar alternativas para seis especies infrautilizadas a nivel da industria da madeira -carballo, bidueiro e castiñeiro de Galicia; faia, castiñeiro e piñeiro carrasco de Cataluña- e preguntouse que usos se poden obter delas.

Vicente Guallart, director do IAAC e coordinador do proxecto, explicou o proceso de traballo: “O traballo que fixemos nós tivo unha análise destes bosques, pero utilizando tecnoloxías para dixitalizalos, de tal maneira que puidemos caracterizar a súa densidade, a súa relación tamén coa topografía”. Sobre os prototipos, detallou unha malla espacial construída con castiñeiro que podería empregarse para as cubertas de instalacións. “Traballamos con empresas que transforman os troncos en cilindros. A dimensión máxima que utilizan son 14 centímetros. A partir de aí fabricamos unha malla espacial con barras de tres metros de lonxitude máxima e 14 centímetros de diámetro. Hai un prototipo que non puidemos traer porque non nos cabía na exposición, pero isto nos permitiría facer un espazo de 22 metros de luz, que é a medida dun pavillón deportivo, literalmente cunha estrutura de madeira”.

Pilar Giraldo, investigadora do CTFC (Centro de Ciencia y Tecnología Forestal de Cataluña), expuxo os resultados dos ensaios técnicos realizados ás seis especies do proxecto. Unha das probas consistiu en avaliar a calidade das unións dentadas (finger joint), necesarias para fabricar pezas de maior tamaño a partir de táboas máis curtas. “A madeira ten que romper pola madeira e non polo adhesivo, buscamos comprobar esa interacción. Neste sentido, atopamos que funcionan bastante ben todas as especies. Todos os valores son superiores a 35 Newtons por milímetro cadrado”, o que indica unha boa resistencia mecánica.

Hai resultados prometedores para aplicar todas estas especies en produtos para a construción en interior

Sobre os paneis de CLT (madeira laminada cruzada), explicou que se realizaron varias probas. Unha delas consiste en someter as pezas a cambios extremos de humidade e secado rápido para comprobar a calidade do encolado. “É un ensaio bastante agresivo, con humidade e secado rápido. Neste caso non cumpriron todas as especies”, matizou. “Pero na avaliación do esforzo cortante, que mide a resistencia das unións cando se aplican forzas laterais, cumpriron todas as especies que avaliamos. O que nos permite ver, na globalidade de todas as análises que se realizaron, é que hai resultados prometedores para aplicar todas estas especies en produtos para a construción en interior”.

É a primeira vez que damos este salto de innovación que creo que é o que lle faltou ao sector durante moitísimos anos, non? Isto é o que logrou este proxecto

Francisco Dans recoñeceu que o proxecto supuxo un cambio de mentalidade: “Este proxecto para min é a primeira iniciativa de innovación sobre madeira de frondosas que coñezo. Igual pode haber moitas máis, pero eu non coñezo ningunha que teña sacado prototipos á luz a partir do material que realmente temos nos bosques de frondosas de Galicia. E isto é un símbolo para min moi importante porque é a innovación. Teño que confesalo humildemente e con certa vergoña. É a primeira vez que damos este salto de innovación que creo que é o que lle faltou ao sector durante moitísimos anos, non? Isto é o que logrou este proxecto”.

O salto á arquitectura

Vanesa Baño, da rede europea InnovaWood, contextualizou o momento: “En Europa, só o 20% da madeira aserrada é de frondosas e o seu uso en construción é aínda moi baixo. Porén, está aumentando o interese porque o cambio climático está a afectar ás especies utilizadas normalmente en construción”.

Sobre a estratexia para introducir estas madeiras, achegou unha reflexión dende a súa experiencia en Suíza: “Cando lles preguntaba cal era a vantaxe de fabricar viga laminada de faia se ía ser máis cara que a de coníferas, a resposta foi rápida: ‘Non pretendemos competir co mercado de coníferas. Pretendemos competir co mercado do formigón'”.

Prescribir frondosa é fácil, pero colocala en obra é moi complicado. É importante aliñar a prescrición coa dispoñibilidade real do produto

María Sánchez, arquitecta, subliñou a boa percepción social da madeira de frondosas: “Se pensamos no típico pórtico, a xente usa piñeiro tratado pero dálle un lasur para que pareza castiñeiro ou carballo. Iso témolo gañado. A xente quere traballar con madeira local”.

Con todo, alertou da desconexión coa industria: “Prescribir frondosa é fácil, pero colocala en obra é moi complicado. É importante aliñar a prescrición coa dispoñibilidade real do produto. Non podemos dicirlle á xente que use madeira de frondosa se despois é imposible atopar unha viga laminada de faia”. E rematou cunha chamada á cidadanía: “Debemos ser capaces de que a xente entenda que os bosques son indispensables para o ben común, para a economía e para a protección contra incendios”.

Alfredo Fernández, da XERA, afirmou sobre o sector: “Estamos preparados, pero supón un reto. Hai que incorporar novas tecnoloxías. Seguimos tendo un entramado empresarial grande, con coñecemento. Ao incorporar tecnoloxía hai que incorporar tamén novas formas de facer e novas formas de tratar o produto”. Aconsellou non obsesionarse só co uso estrutural: “Hai usos menos complexos que debemos incorporar para mobilizar o recurso agora, mentres chegamos a outros”. Reclamou unha folla de ruta a curto, medio e longo prazo e reivindicou o papel do deseño: “Hai que volver incorporar máis deseño. A madeira hai que utilizala en determinadas condicións; se se usa mal, temos exemplos de sobra de fracasos estrepitosos”.

Miguel Abelleira, director da Escola Técnica Superior de Arquitectura de Coruña (Etsac), fixo fincapé na educación como base do cambio: “Empeza pola formación, non xa na universidade, senón nas etapas primeiras: educación infantil, primaria e secundaria. En Galicia tivemos o proxecto Terra, do Colexio de Arquitectos e a Consellería de Educación, para que os nenos entendesen o seu territorio, a súa paisaxe, a súa arquitectura”.

Abelleira reclamou sinerxias entre administración, institucións e empresas e a respecto da normativa de edificación, apuntou que non debería limitarse ao código técnico: “Habería que falar de normativa vinculada á conservación do patrimonio, patrimonio de toda idade e condición. Eu creo que pasa por xornadas como esta, que ao final os que estamos aquí somos todos especialistas e interesados xa”, subliñando a necesidade de continuar coa divulgación para achegarse a quen ainda non o está.

A exposición ForestED pechou as súas portas en Pontevedra a finais de ano. Durante tres semanas, os prototipos expostos demostraron que a madeira irregular e de pequeno diámetro pode ter un futuro na construción. O debate, polo tanto, non é xa sobre a viabilidade técnica, senón sobre como mobilizar as miles de hectáreas de frondosas, adaptar a selvicultura ás necesidades da industria e facer que a oferta responda á demanda social e arquitectónica que se espera dela.

Estes son algúns dos prototipos que demostran as posibilidades construtivas das madeiras de frondosas

Flexbrick é un sistema construtivo flexible de revestimento que permite a creación de fachadas, cubertas e pérgolas a partir de ladrillos de castiñeiro galego, conectados por unha malla de aceiro inoxidable.

 

Nodo Cora é unha estrutura arbórea realizada con castiñeiro, carballo e piñeiro. Concibida por estudantes do IAAC, concentra a complexidade estrutural en nodos fabricados con tecnoloxía robótica, que conectan as columnas coa cuberta, inspirada en patróns naturais Voronoi.

 

Chaise Longue é un moble tallado directamente a partir de pequenos troncos de faia sen procesar. Os troncos escanéanse, ensámblanse e tráballanse ata acadar a forma final, demostrando que é posible aproveitar pezas de pequeno diámetro para deseño de autor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *