Tres bosques laboratorio para mellorar a saúde e produtividade das coníferas en España

O grupo operativo Planforlab busca reforzar a resiliencia dos piñeirais fronte a pragas, enfermidades e ao cambio climático

O Grupo Operativo PLANFORLAB traballa para mellorar a saúde e a produtividade dos bosques de coníferas en España mediante a aplicación de innovacións en material xenético e modelos de selvicultura adaptativa. O obxectivo é reforzar a resiliencia dos piñeirais fronte a pragas, enfermidades e ao cambio climático, garantindo a sustentabilidade do sector.

A superficie de coníferas está a retroceder nas últimas décadas por factores como os incendios forestais, o avance de pragas e enfermidades ou a menor rendibilidade da madeira. Esta situación provocou a transformación ou desaparición de piñeirais, xerando unha crecente preocupación na industria da madeira #ante o risco de desabastecemento de materia prima.

O 36% dos piñeirais do País Vasco están afectados de xeito serio polos fungos das bandas

Ameazas

Entre as principais ameazas destaca a enfermidade das bandas vermella e marrón do piñeiro, cuxo avance foi exponencial nos últimos anos. No País Vasco, a afección supera xa o 36 % da masa forestal de piñeiro radiata, con impactos similares en Galicia, Cantabria, Asturias e Navarra. No caso vasco, o piñeiro radiata representa o 81 % dos aproveitamentos forestais, o 32 % da superficie forestal arborizada e o 68 % da actividade da industria da madeira, o que dá idea da gravidade da situación.

Como resposta a estes retos, PLANFORLAB poñerá en marcha unha rede de tres bosques laboratorio nas zonas máis afectadas: Albiztur (Gipuzkoa, Euskadi), o Bierzo (León, Castela e León) e o Condado–O Rosal–Ponteareas (Pontevedra, Galicia).

Un dos bosques laboratorio ubicarase en Ponteareas e os outros no Bierzo e en Euskadi

Estes bosques laboratorio son áreas forestais destinadas á experimentación, aprendizaxe e investigación, situadas en zonas con risco sanitario actual ou inminente. Nelas avaliarase a eficacia de novos materiais xenéticos e prácticas selvícolas adaptativas en condicións reais.

A rede ofrecerá información técnica a centros de investigación, selvicultores, xestores forestais e outros axentes do sector, e contará ademais cunha plataforma dixital para o intercambio de experiencias e a transferencia de resultados relacionados coa mellora xenética e a loita contra patoloxías forestais.

Resultados esperados
Entre os principais resultados previstos do proxecto atópanse: Maior resistencia dos piñeirais fronte a pragas e enfermidades como o nematodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus), Fusarium e as bandas vermella e marrón. Tamén traballan na adaptación ao cambio climático mediante modelos selvícolas que melloren o crecemento e a estabilidade dos bosques. Buscan mellorar a calidade da madeira e da sustentabilidade económica das plantacións. Finalmente desenvolverán material xenético innovador de Pinus pinaster, Pinus radiata e Pinus sylvestris.

Socios do proxecto

Coordinado pola Asociación Forestal de Galicia, AFG, PLANFORLAB conta coa participación de COSE, Confederación de Organizacións de Selvicultores de España, FEUGA, Fundación Empresa-Universidade Galega FAFCYLE, Federación de Asociacións Forestais de Castela e león, CFPV Confederación de Forestalistas do País Vasco , TRAGSA Empresa de Transformación Agraria S.A. S.M.E., M.P., Axencia Galega de Calidade Alimentaria – Centro de Investigación Forestal LOURIZAN, Centro tecnolóxico NEIKER, FUNGE Uva Fundación Xeral da Universidade de Valladolid e o Instituto de Ciencias Forestais do INIA-CSIC.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *