A xestión do territorio como clave para enfrontar os incendios forestais: unha análise galega para o Parlamento europeo
O investigador Juan Picos participa nun debate promovido polo Panel para o Futuro da Ciencia e Tecnoloxía da cámara europea

O Panel para o Futuro da Ciencia a Tecnoloxía (STOA) do Parlamento Europeo promove o vindeiro martes 12 de maio unha sesión sobre os incendios forestais. A xornada está dirixida a prestar asesoramento a eurodeputados e eurodeputadas, proporcionándolles análises e información sobre avances científicos e tecnolóxicos. Centrada en como as solucións baseadas na natureza poderían contribuír á prevención e xestión dos lumes, entre os expertos convidados a participar neste foro atópase o investigador da Escola de Enxeñaría Forestal Juan Picos.
Na súa intervención, presentará algunhas das iniciativas promovidas ao abeiro do proxecto Firepoctep+, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feder), no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg VI-A España-Portugal 2021-2027 (POCTEP).
“Os devastadores incendios forestais de 2025 en varios países da Unión Europea reforzaron a urxencia de pasar dunha resposta reactiva a enfoques preventivos baseados na resiliencia”, sinalan os promotores. O encontro porá o foco en como a restauración de ecosistemas e a “xestión diversificada” da paisaxe poden reducir o risco de incendios e contribuír á “adaptación ao cambio climático” e á “revitalización do rural”.
Nese senso, este evento pretende resaltar o papel das solucións baseadas na natureza e presentar “proxectos exitosos” desenvolvidos en diferentes puntos de Europa, así como xerar unha serie de recomendacións. Con ese propósito, este workshop reunirá no Parlamento Europeo a Anastasia Pantera, profesora da Universidade de Agricultura de Atenas; Ine Vandecasteele, experta da Unidade de Risco Climático e Resiliencia da Axencia Europea de Medio Ambiente; Philiipe Tulkens, subdirector da Misión da UE para a Adaptación ao Cambio Climático; Ragni Fjellgaard Mikalsen, do RISE Fire Research de Noruega, e ao investigador e subdirector da EE Forestal.
As actuacións demostrativas desenvolvidas nas zonas estratéxicas previamente identificadas teñen como obxectivo promover unha xestión preventiva da paisaxe
Picos pon de relevo que “un dos obxectivos de proxectos como os Interreg non é só investigar, senón tamén conseguir avanzar e cambiar as cousas”. De aí que incida no positivo de que “as autoridades lexislativas europas se interesasen polo proxecto e polo tipo de solucións que estamos intentando desenvolver para reducir as vulnerabilidades aos grandes lumes forestais”.
Na súa intervención no Parlamento Europeo, o investigador principal de Firepoctep+ buscará conectar a idea das solucións baseadas na natureza con accións dirixidas a que esta “evolucione a situacións de menor risco para as persoas, a propia natureza e as infraestruturas”. As “actuacións demostrativas” desenvolvidas nas zonas estratéxicas previamente identificadas teñen como obxectivo promover unha “xestión preventiva” da paisaxe, que permita reducir a cantidade de biomasa naquelas áreas máis propensas á propagación dos lumes.
Picos presentará neste encontro iniciativas como como as levadas a cabo no Baixo Miño cos axentes locais, accións formativas sobre o uso tradicional do lume na xestión do territorio, traballos de silvicultura adaptativa levados a cabo na Paisaxe Protexida do Corno do Bico, en Pardes de Coura, ou accións desenvolvidas en Estremadura para a posta en marcha de “cortalumes produtivos”.



