“Os incendios do Courel provocaron unha perda masiva de solo en zonas altas por escorrentía”
O proxecto EDUCASOILfire alerta das consecuencias dos lumes forestais sobre a materia orgánica e o fósforo almacenados no chan, uns efectos que se incrementan cunha maior virulencia dos incendios

Pablo Souza, explicando os obxectivos do proxecto
Cando as chamas arrasan unha zona forestal, son claramente visibles os efectos do lume sobre a superficie arborada ou arbustiva do monte, pero menos as consecuencias directas sobre o chan, que sen embargo tarda moito máis tempo en rexenerarse que a propia vexetación.
“En Galicia os incendios son a problemática ambiental número un, pero moitas veces pasan desapercibidos os seus efectos no solo”, afirma Pablo Souza, investigador principal do proxecto (E)4DUCASOILfire, un Proxecto Colaborativo do Campus Terra que analiza as consecuencias dos lumes que no verán do 2022 queimaron preto de 12.000 hectáreas en distintos puntos da serra do Courel.
“Os incendios son unha das principais ameazas ambientais de Galicia e os solos os seus principais prexudicados pola erosión e perda de solo que provocan os lumes e hai que ter en conta que o solo tarda miles de anos en formarse”, aclara o investigador da Escola Politécnica de Lugo.
No solo, a capa máis afectada polo paso dun incendio forestal é a superficial, os primeiros 30 centímetros, que é onde se atopa a materia orgánica e o carbono almacenado.
“A materia orgánica do solo é un compoñente clave e indicador da saúde do sistema, participando en diferentes procesos, xa que é esencial a nivel nutricional, mellorando a fertilidade do solo e aumentando a dispoñibilidade de nutrientes, ademais de aumentar a retención de auga, mellorar a estrutura e aireación do solo, reducir a erosión e proporcionar hábitat para macro e microorganismos”, enumera.
A materia orgánica do solo é especialmente sensible ao impacto producido polos incendios forestais
Pero malia á súa importancia, a investigación sobre a calidade da materia orgánica é aínda escasa. “Os métodos cuantitativos, e sobre todo cualitativos, para abordar a recuperación da materia orgánica e fósforo en solos degradados son escasos, pero comprender o impacto, resposta e recuperación da materia orgánica e do fósforo é fundamental para comprender a resiliencia do sistema ou a necesidade de restauración”, argumenta Pablo.
Afectacións ao fósforo e o carbono a diferentes profundidades
Por iso, o estudo das consecuencias dos incendios forestais do 2022 no Courel sobre o solo inclúe análises da calidade e composición da materia orgánica a distintas profundidades (0-2,5 cm; 2,5-5 cm; 5-10 cm), xa que as consecuencias son diferentes en función da severidade do lume e a profundidade da efectación.
Cando a virulencia do lume é elevada prodúcese unha mineralización case completa do fósforo orgánico
“Temos xa un estudo xa finalizado en relación ao fósforo e estase a traballar nunha análise semellante en relación ao carbono. O que vemos é que a maior intensidade do lume, as consecuencias sobre o solo son máis graves. É dicir, cando a virulencia do incendio é maior, non só perdemos fósforo, senón que perdemos moita calidade de fósforo. A máis severidade do lume, prodúcese unha mineralización case completa do fósforo orgánico, que é a reserva a longo prazo”, indica.
Calidade do solo e restauración pasiva tralo incendio

Souto de castiñeiros calcinado polo incendio do 2022 na aldea de Vilar, no Courel
Ademais de valorar a relación entre os cambios post-incendio na composición do solo a diferentes profundidades coa severidade do lume, outro dos obxectivos do proxecto é estudar a influencia da calidade do solo na restauración pasiva tralo lume, en concreto, evaluando a recuperación da estrutura e composición da vexetación en diferentes tipos de masas arboradas e arbustivas: plantacións de piñeiro pinaster e silvestre; matogueira de uz (Erica australis) e bosque autóctono dominado por castiñeiros e rebolos (Quercus pyrenaica).
O estudo pretende relacionar a capacidade de recuperación post-incendio da vexetación autóctona coa calidade e composición da materia orgánica
No Courel, o lume levou por diante máis de 7.000 hectáreas de mato e arredor de 4.000 hectáreas arboradas, principalmente piñeirais, pero tocou tamén algún souto de castiñeiros e zonas de frondosas. Por iso, o estudo pretende relacionar a capacidade de recuperación da vexetación autóctona coa calidade e composición da materia orgánica en espazos afectados polo lume.
Problemas engadidos: escorrentía e erosión
“A nivel de perda de solo e da súa restauración posterior, un dos maiores problemas dos incendios do Courel foi que arderon zonas altas de moitísima pendente, onde despois dos lumes viñeron as chuvias nos meses de setembro e outubro, provocando escorrentías. Iso desencadeou unha perda masiva de solo por arrastre que se detecta a simple vista, porque hai zonas onde aparece a rocha completamente desnuda”, relata Pablo.
Unha parte importante da superficie queimada no Courel foron plantacións forestais situadas en zonas altas con moita pendente
A maiores, nestes casos os incendios provocan tamén unha perda de produción agrícola asociada, pola contaminación de acuíferos e cauces de auga, o que afecta tamén ás zonas baixas non forestais onde se asentan outro tipo de cultivos, alerta.
Riscos das queimas prescritas para o solo
Outra das tarefas que encara o proxecto é o de medir os efectos sobre a calidade do solo das queimas prescritas en comparación cos incendios forestais. “A afectación do lume nun incendio chega a 2-3 centímetros. O solo actúa como un tampón, pero se a temperatura que alcanza o lume é maior pode chegar a maior profundidade. Isto ocorre tanto no caso dos lumes forestais como no caso das queimas prescritas, que é algo novidoso que puidemos constatar, xa que había a crenza de que non facían dano ao solo. O que vemos é que este tipo de queimas non se poden facer de calquera maneira; hai que mirar como se fan e en qué época”, alerta.
Había a crenza de que as queimas prescritas non facían dano ao solo pero se a temperatura que alcanza o lume é maior, os danos no solo son semellantes aos dun incendio
As queimas autorizadas en Galicia fanse normalmente entre os meses de febreiro e abril, en días sen vento e con condicións de humidade e temperatura moi específicas (humidade elevada e temperaturas baixas) para evitar a propagación do lume e a afectación ao solo.
“Se se fai ben, a queima provoca a perda da capa orgánica, pero a capa mineral que hai debaixo nin se entera”, di Pablo. Sen embargo, se non se teñen en conta estes parámetros, as consecuencias das queimas aseméllanse ás dos incendios. “A concentración e calidade do fósforo nas capas orgánicas do solo vese afectada de forma notable pola severidade do incendio, sen importar se é de orixe natural ou queima prescrita”, conclúen os investigadores da Escola Politécnica de Lugo.
Educación ambiental e concienciación da poboación
O Courel sufriu fai 3 anos o maior incendio forestal da última década en Galicia, con máis de 11.700 hectáreas afectadas e unha aldea arrasada polo lume, a de Vilar. Factores como o cambio climático, o despoboamento dos entornos rurais ou o abandono das actividades tradicionais de limpeza e pastoreo con gando do monte inciden nun maior risco de sufrir lumes de grande envergadura.
Por iso, o proxecto (E)4DUCASOILfire pretende levar a cabo accións de difusión e transferencia de coñecemento dirixidas á sociedade. “En Galicia a metade da superficie é forestal, tanto arbórea como arbustiva. De aí, a importancia da educación, tanto na concienciación sobre os incendios como sobre a conservación do solo”, argumenta Pablo.



