“Queremos que a mocidade lidere a investigación no sector agrogandeiro e forestal”

A segunda edición dos Proxectos colaborativos do Campus Terra, correspondente á anualidade 2024-2025, financia 10 traballos nos que participan grupos das distintas facultades en temáticas como a produción de leite, o medio ambiente ou o ámbito forestal

Elvira López Mosquera, xunto a Alberto Díez de Castro, na xornada de presentación de resultados da segunda edición dos Proxectos Colaborativos do Campus Terra

Estudos sobre a emisión de metano entérico por parte das vacas leiteiras, a avaliación da influencia do benestar animal na calidade do leite, a relación entre os fungos presentes nas forraxes e enfermidades como a Neumonitis en humanos, os efectos los incendios forestais sobre o solo ou a identificación dos xabaríns como reservorio de bacterias E.coli potencialmente patóxenas para humanos son algúns dos temas centrais que se investigan no Campus Terra dentro dos seus Proxectos Colaborativos.

Na xornada de presentación de resultados, celebrada este luns no edificio Cactus de apoio á investigación, a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, salientou a aposta pola innovación, a investigación aplicada e a transferencia de coñecemento do campus de especialización da USC en Lugo.

“Facer investigación aplicada é facer ciencia que dialoga coa contorna, que aporta solucións reais que xorden da colaboración entre persoas e grupos de investigación de distintas disciplinas”, indicou.

Atopámonos ante desafíos que precisan unha resposta multidisciplinar

O Campus Terra da USC financia con 80.000 euros dez proxectos colaborativos de I+D impulsados por persoal doutor contratado e cuxa temática está ligada a un dos 9 eixos de especialización, segundo recollen as bases da convocatoria publicadas pola USC. “A convocatoria deste ano tiña unha particularidade, xa que queríamos promocionar o liderado da mocidade investigadora”, destacou Elvira.

Por iso, obxecto desta convocatoria foi financiar o desenvolvemento de proxectos colaborativos entre os grupos de investigación do Campus Terra, liderados por persoal investigador contratado con título de doutor (non PDI), coa finalidade de realizar estudos conxuntos que favorezan a cooperación entre grupos da mesma ou de diferentes áreas científicas e o desenvolvemento de novas liñas e capacidades.

O Campus Terra busca impulsar a carreira científica do persoal investigador contratado

Alén de contribuír a superar a atomización de grupos de investigación do Campus Terra,  esta segunda convocatoria de proxectos colaborativos busca tamén impulsar a carreira científica do persoal investigador contratado que posúa o título de doutor. De feito, os investigadores principais das candidaturas deben responder a este perfil.

Superar a atomización da investigación

O Campus Terra afronta con ilusión a noticia da renovación da acreditación como campus de especialización por catro anos máis, nos que recibirá un financiamento específico de máis de 4 millóns de euros, segundo avanzou no acto o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, Alberto Díez de Castro.

“Os catro campus non centrais do Sistema Universitario Galego teñen dificultades engadidas e problemas adicionais aos campus centrais, de aí xorde a iniciativa dos campus de especialización pensados especificamente para estes campus non centrais, cunha serie de recursos económicos adicionais para que poidan dar un salto en gobernanza, en docencia, en investigación e en transferencia”, explicou.

Repetir a acreditación por catro anos máis vai permitir facer máis cousas e con máis velocidade que no primeiro período

No caso dos campus de especialización, como é o de Lugo, a investigación ten cada vez máis peso fronte á docencia. “Pero hai que deixar de pensar como illas. Son necesarias actuacións que cambien a mentalidade, porque tal como está o sistema europeo de financiamento da investigación hai que ser cada vez máis grande nos proxectos para conseguir fondos”, argumentou Alberto.

Que Lugo entre no mapa da investigación excelente nos vindeiros anos vai depender, dixo, desa colaboración. “O Campus de Lugo necesita e merece un centro de investigación de excelencia, hai que comezar a andar pero para iso é necesario que os investigadores colaboren entre si, pasando de pensar en individual para pensar en colectivo”, insistiu. “Hai que subirse a ese tren, porque non vai volver pasar en décadas”, advertiu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *