“A maioría das nosas titulacións teñen unha empregabilidade alta ou moi alta”
O Campus Terra da USC en Lugo está especializado en formación agrogandeira e forestal e ofrece múltiples posibilidades para a realización de prácticas ao seu alumnado. Coñecemos en detalle cal é a súa oferta docente e investigadora
O Campus Terra, o campus de especialización da Universidade de Santiago de Compostela (USC) en Lugo, traballa nos ámbitos agrícola, gandeiro, forestal, agroalimentario, ambiental e rural, cunha oferta diversa e focalizada en axudar ao sector produtor a superar os retos aos que se enfronta.
O Campus Terra mantén na actualidade unha media de 4.000 alumnos e alumnas e o seu cadro docente e investigador está formado 435 persoas. A oferta académica inclúe 14 Graos e 12 Másters.
Nesta nova etapa 2022-2025, na que o Campus Terra está acreditado como campus de especialización, recibe un financiamento específico de 4 millóns de euros en 4 anos. “As distintas accións que levamos a cabo están encamiñadas aos ámbitos docente e investigador e contamos ademais cunhas infraestruturas moi boas nas que os alumnos e alumnas poden facer prácticas”, explica Elvira López Mosquera, delegada do reitor para o Campus Terra.
O Campus Terra conta con 4.000 alumnos, 435 profesores e 100 investigadores
A estratexia posta en marcha polo Campus Terra está destinada a acadar unha serie de obxectivos nos vindeiros anos: “o que queremos fundamentalmente é ser un referente de formación para o sector primario en Galicia, ofertar unha docencia atractiva e demandada nos nosos ámbitos de traballo, impulsar a investigación e crear impacto económico e social na nosa contorna a través da innovación e da transferencia de coñecemento”, resume Elvira.
Dimensión docente de carácter práctico
“No ámbito da docencia queremos captar alumnado, sobre todo naquelas titulacións con menor número de matrículas, e ofrecemos bolsas para facer prácticas no rural. Trátase de que o noso alumnado teña a oportunidade de facer prácticas en empresas que están asentadas no rural. Estamos nun campus no que a maioría das titulacións teñen unha empregabilidade alta ou moi alta”, destaca.
A USC conta en Lugo con infraestruturas específicas para a realización de prácticas por parte o alumnado, como a Granxa Experimental de Leite ou o Hospital Veterinario Rof Codina
O Campus Terra ofrece múltiples posibilidades aos seus alumnos e alumnas para realizaren unha formación de carácter práctico, contando para iso con infraestruturas específicas como a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA); a Granxa Experimental de Leite, situada nos terreos da Granxa Gayoso Castro, pertencente á Deputación de Lugo e situada en Castro Riberas de Lea, no municipio de Castro de Rei; ou o Hospital Clínico Veterinario Rof Codina, ubicado a carón da Facultade de Veterinaria.
A sostibilidade como prioridade na investigación
En canto á investigación , os principais eixos nos que se traballa no Campus Terra son: agricultura sostible, produción animal e saúde animal sostibles, alimentación segura e saudable e xestión forestal sostible. A maiores, a biodiversidade e as infraestruturas verdes, o cambio climático e as novas tecnoloxías son liñas de traballo transversais.
O 63,5% do orzamento para o período 2022-2025 destínase a investigación
A maior parte dos recursos, en concreto o 63,5% do orzamento para o período 2022-2025, destínanse a impulsar a carreira investigadora. Nos dous primeiros anos téñense concedido 68 bolsas de iniciación á investigación ao alumnado que está rematando os seus estudos e están facendo, por exemplo, os seus Proxectos Fin de Grao. “Son bolsas moi efectivas porque estes rapaces e rapazas descobren a investigación e continúan logo por ese camiño”, defende Elvira.
En conxunto, as distintas facultades contan con 100 investigadores mozos, aos que a USC ofrece contratos predoutorais e postdoutorais. “Buscamos impulsar a investigación sobre todo da xente moza, porque temos que preparar o relevo xeracional”, xustifica Elvira.
Nos próximos anos o campus de Lugo precisará acometer unha renovación xeracional pola xubilación dunha parte do seu profesorado
A maiores das bolsas de iniciación á investigación, nos últimos dous anos ofertáronse 12 contratos predoutorais cunha duración de 3 anos e coas súas correspondentes estadías de 4 meses no estranxeiro e 4 contratos postdoutorais tamén de 3 anos e unha axuda de 30.000 euros para cada un para iniciar unha investigación que eles poidan liderar.
O Campus Terra logrou ademais dúas bolsas Ramón y Cajal, que son figuras moi competitivas que se obteñen a nivel estatal, e captou dúas bolsas Beatriz Galindo para dúas investigadoras que viñeron do exterior, unha de Dinamarca e outra de Portugal. “A carreira investigadora é moitas veces unha carreira de fondo, longa e mal pagada”, admite a delegada do reitor.
Aunando forzas conséguense proxectos de maior calidade, por iso estamos a impulsar os proxectos colaborativos entre distintos grupos de investigación
Dentro da estratexia de impulso á investigación, o Campus Terra está a fomentar os proxectos colaborativos entre os seus distintos grupos de investigación, cunha convocatoria anual específica. “Buscamos que haxa multidisciplinariedade dentro do propio campus porque traballando con compañeiros doutros grupos ou doutras facultades podemos enriquecer os nosos traballos”, xustifica. “Está sendo unha iniciativa con moi boa acollida e xa se deron 20 proxectos colaborativos nestes dous anos”, detalla.
Innovación, emprendemento e transferencia de coñecemento
Outro dos aspectos nos que se fai moito fincapé no campus de Lugo é na transferencia de coñecemento e o apoio ao emprendemento. De feito, os avaliadores do campus de especialización valoraron moi positivamente na súa análise a labor de transferencia e innovación do Campus Terra.
Hai moitas investigacións aplicadas que se fan no Campus Terra que despois acaban sendo unha empresa ou unha patente
“Facturamos ao ano unha media de 4 millóns de euros en traballar para empresas e institucións con estudos e proxectos de investigación aplicada e imos poñer en marcha un Punto de Información Centralizada (PIC Terra) que estará dispoñible na páxina web e co que queremos poñer en contacto ás persoas que requiren da nosa axuda nalgún ámbito concreto coa persoa que lla pode ofrecer”, explica Elvira.
O campus de Lugo conta ademais con outras instalacións e plataformas tecnolóxicas centradas en investigación aplicada, como a Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (PEMADE), a Plataforma de Secuenciación e Xenómica Funcional, o Sistema de Información Territorial, a Estación Científica de Montaña do Courel ou o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), que conta neste momento cun total de 49 investigadores adscritos a el.