‘Oper8’, proxecto para o intercambio de métodos de control alternativo de malas herbas
A USC liderou o paquete de traballo encargado da creación dos materiais de diseminación e das recomendacións políticas, coordinando a produción e dispoñibilidade de todos os recursos para o conxunto da rede
As especies arvenses seguen a ser un dos maiores retos para unha produción agrícola sostible. Para facerlle fronte, o proxecto Oper8 traballou nun intercambio de métodos de control alternativo de especies arvenses dentro dunha rede a nivel europeo. Os resultados están xa dispoñibles na súa propia páxina web en forma de fichas técnicas, resumos de prácticas, vídeos demostrativos, podcasts, boletíns informativos, un módulo de formación en liña e outros materiais.
Oper8, do que forma parte a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC, reúne oito grupos operativos de sete países das áreas mediterránea, atlántica e nórdica para definir solucións viables e con impacto ambiental positivo no control das malas herbas e de potencial aplicación na viticultura e outros sistemas agrícolas. Deste xeito, asegúrase unha representación equilibrada de diferentes sistemas de produción.
O proxecto ofrece coñecemento e ferramentas para profesionais da agricultura, persoal asesor e responsables políticos de toda Europa. Os materiais están dispoñibles en sete idiomas e foron elaborados polos grupos operativos que participan no proxecto, organizacións agrarias, persoal investigador aplicado e institucións académicas de toda Europa.
As prácticas clasifícanse segundo a súa principal aplicación en viñedos, cultivos hortícolas ou cultivos herbáceos
A Universidade de Santiago liderou o paquete de traballo encargado da creación dos materiais de diseminación e das recomendacións políticas, coordinando a produción e dispoñibilidade de todos os recursos para o conxunto da rede.
As fichas técnicas e os resumos de prácticas foron producidos polas entidades socias en todos os países participantes (Grecia, Italia, Francia, España, Reino Unido, Letonia e Suecia) e baséanse en boas prácticas identificadas en cada país para reducir o uso de herbicidas. As prácticas clasifícanse segundo a súa principal aplicación en viñedos, cultivos hortícolas ou cultivos herbáceos.