iTerra, a investigación ao servizo dun futuro máis sostible e resiliente

O Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible da Universidade de Santiago, que integra a 160 investigadoras e investigadores do Campus de Lugo, é un centro interdisciplinar de recente creación que busca dar solución aos retos da sociedade actual

O Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible da Universidade de Santiago (iTerra), ubicado en Lugo, presentado este martes, é un centro de recente creación que unifica boa parte da investigación que se realiza no Campus Terra e que se basea no concepto One Health (Un só mundo, unha soa saúde), un enfoque que integra a saúde das persoas, dos animais e do medio ambiente co desenvolvemento económico e social.

O obxectivo final deste instituto é conectar a ciencia aberta co territorio, convertendo o Campus de Lugo nun referente europeo de excelencia en investigación responsable e sustentabilidade.

Marta López, profesora da Facultade de Veterinaria e directora do iTerra, asegura que “os grandes retos que temos por diante, desde o cambio climático ou as emerxencias sanitarias, son tremendamente complexos. Isto obríganos a repensar a forma de facer investigación. Ten que ser interdisciplinar, porque temos que abordala desde distintos eixos, e ten que estar conectada co entorno, traballando coas Administracións públicas, co tecido produtivo e coa sociedade en xeral. Só desta forma seremos capaces de transformar o coñecemento en solucións e, por tanto, construír un país máis sostible, resiliente e con futuro”.

O obxectivo é converter o Campus de Lugo nun referente europeo de excelencia en investigación responsable e sustentabilidade

O iTerra traballa na intersección de dúas grandes disciplinas: por un lado a saúde global, que entende que a saúde das persoas, dos animais e do medio ambiente están interconectadas, e por outro lado o desenvolvemento sostible, que integra as vertentes económica, social e medioambiental.

O novo instituto impulsará a excelencia científica, a colaboración intersectorial e o coñecemento local, promovendo modelos sostibles e resilientes que contribúan ao benestar das persoas, dos animais e dos ecosistemas. “Queremos contribuír a un futuro máis saudable, máis sostible e máis xusto, conectando ciencia, territorio e sociedade”, avanza a súa directora.

Axenda científica

A axenda científica do iTerra estrutúrase en catro eixos, que responden a catro retos actuais da sociedade do século XXI. O primeiro deles é unha aproximación integrada á saúde humana e animal, que abarca zoonoses, bioseguridade, saúde e confort animal, saúde da vida silvestre e modelos para entender as enfermidades emerxentes.

O segundo dos retos ten que ver con todo o relacionado coa produción e a alimentación, é dicir, a produción de alimentos destinados ás persoas e aos animais, as técnicas de produción básica tanto a nivel agrícola como gandeiro, e aspectos de nutrición, tecnoloxías e seguridade alimentaria.

O terceiro dos retos é o da sostibilidade ambiental e enfócase a través da xestión de recursos naturais tan importantes para a vida como pode ser a auga ou o solo, a valorización dos residuos dentro do ámbito rural, a protección e conservación dos ecosistemas, a resiliencia fronte ao cambio climático, a xestión forestal sostible e as estratexias de participación e educación ambiental.

O iTerra ten a súa sede na Facultade de Veterinaria e integra investigadores da Escola Politécnica e a Facultade de Ciencias

Finalmente, o cuarto dos retos é transversal e dá soporte tecnolóxico aos outros tres eixos, indo desde o análise micro até o macro, desde técnicas ómicas para o estudo de interaccións moleculares ou novos compostos até a teledetección a través de imaxes de satélite ou análise complexa de datos a través de intelixencia artificial.

Emilio Díaz Varela, profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñería e secretario do iTerra, pon o foco no obxectivo final do novo instituto: “facer interconexións e colaboracións para a investigación dos diferentes retos, que non están illados entre si, buscando sinerxías entre os distintos investigadores e liñas de investigación que se desenvolven actualmente no Campus Terra”.

Máis de 160 investigadores

O iTerra ciméntase nunha base científica sólida, con máis de 160 profesionais da investigación que pertencen a 20 áreas de investigación diferentes do ámbito da saúde, da alimentación, do medio ambiente e da tecnoloxía.

Pero máis aló dos números, salienta Marcelino Maneiro, vicerreitor de innovación e transferencia de coñecemento da USC, “tratase dun equipo de investigadoras e investigadores de primeiro nivel, cunha traxectoria recoñecida a nivel internacional, apoiados por unha infraestrutura de investigación que conta cun equipamento avanzado e, o máis importante, cunha vocación de colaboración e de transferencia de coñecemento”.

O iTerra parte dun coñecemento do territorio que, coas ferramentas axeitadas, terá capacidade de multiplicar o seu impacto para dar solucións innovadoras e sostibles ao tecido produtivo de toda a súa contorna.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *