O Foro Territorio Rural Resiliente aborda o futuro da xestión do territorio en Galicia

Coa finalidade de establecer unha alianza por un territorio rural resiliento, o Campus Terra USC e a Fundación Juana de Vega impulsaron un proxecto no que participaron máis de 120 voces expertas do tecido produtivo, o sector agroforestal, a academia e a administración


O Foro Territorio Rural Resiliente (FTRR) deuse a coñecer no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. No encontro interviñeron o vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento da USC, Marcelino Maneiro; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, e a profesora e investigadora do Laboratorio do Territorio (LaboraTe), Inés Santé, que debullaron os obxectivos e o programa do cumio, que terá lugar o vindeiro 28 de maio na Cidade da Cultura para poñer o peche ó traballo desenvolto nos últimos meses.

No marco deste foro, participaron máis de 120 representantes do tecido produtivo, o sector agroforestal, a academia e a administración uniron forzas en mesas de traballo previas para acadar solucións de consenso.

O vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento da USC, Marcelo Maneiro, sinalou que unha das ideas nas que se sustenta o foro é que a universidade non chega ao territorio para substituír o coñecemento existente, senón para dialogar con el, ordenalo, contrastalo e amplificalo.

“É un exemplo de como o Campus Terra enraiza á USC no rural “ engadiu, “e desde a Universidade queremos impulsar este foro co obxectivo de achegar recomendacións e liñas de acción para sentar as bases dunha Alianza para un Territorio Rural Resiliente”, dixo, á vez que recoñeceu o traballo da plataforma do Sistema de Información Territorial do grupo Laborate da USC, “referente na elaboración de ferramentas e no traballo de conexión entre diferentes actores relevantes para o soporte e deseño de políticas rurais”.

Para as entidades participantes, o rural galego necesita unha nova etapa baseada na xestión activa do territorio e a cooperación entre actores

Por outra banda, José Manuel Andrade explicou que o Foro se concibiu como un proceso de reflexión colectiva sobre o futuro do rural de Galicia, aberto a diferentes voces, sectores e sensibilidades, co obxectivo de construír unha “mirada compartida sobre os principais retos territoriais que temos por diante”.

Para as entidades participantes, o rural galego necesita unha nova etapa baseada na xestión activa do territorio, a cooperación entre actores, a valorización dos seus recursos, a atracción de persoas e actividades, e unha nova forma de comunicar o seu papel estratéxico. É por iso que se estableceron tres bloques de análise: Ordenación do territorio e xestión activa do espazo agroforestal; Persoas, gobernanza e cooperación público-privada; e Comunicación, información e sociedade.

O Foro Territorio Rural Resiliente é unha iniciativa independente impulsada desde a sociedade civil pola Fundación Juana de Vega e LaboraTe (Laboratorio do Territorio da USC) en colaboración coa Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio de Xornalistas de Galicia. O Foro estrutúrase en 6 mesas de traballo nas que participan unhas 120 persoas expertas, representantes de diversos sectores profesionais e organizativos vinculados ao medio rural galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *