Servizos para o rural nun radio de 15 minutos á vivenda: obxectivo do proxecto Lires

O Campus Terra participa nun proxecto internacional que busca adaptar ó rural o modelo urbanístico da 'cidade de 15 minutos'


A ‘cidade de 15 minutos’ é un modelo urbanístico deseñado para que as persoas residentes accedan a servizos esenciais —traballo, saúde, educación, comercio, lecer— nun radio de 15 minutos a pé ou en bicicleta desde o seu fogar. Este concepto xurdiu como estratexia para mellorar a calidade de vida e reducir a pegada de carbono ao minimizar o uso do automóbil.

Agora, o proxecto ‘Laboratorios de Innovación Rural e Emprendemento Sostible’ (Lires) do Campus Terra da USC pretende adaptar este concepto ás necesidades concretas das zonas rurais e lograr que as necesidades básicas da poboación que habita estes espazos se atopen nun radio de 15 minutos. Este enfoque aborda os múltiples desafíos que enfrontan Galicia e o Norte de Portugal, poñendo o foco na capacitación de mocidade emprendedora para revitalizar estas comunidades.

Para iso, celebraron unha xuntanza de lanzamento do proxecto, presidida pola directora do Campus Terra, Marta Miranda, na que os socios presentaron as estratexias, actividades e accións que se desenvolverán durante dous anos co fin de establecer unha metodoloxía innovadora que lle permita á mocidade de Galicia e Norte Portugal implementar ideas innovadoras e disruptivas que poñan en valor a vida no rural. Para conseguilo, deseñaranse Laboratorios de Innovación e Emprendemento nos diversos polos de acción do proxecto xestionados por cada socio. Tamén se definiu a coordinación e xestión administrativa e económica do proxecto así como os roles e tarefas de cada socio.

O consorcio deste proxecto está formado polo Campus Terra da USC, que actúa como líder do proxecto, a consultora en proxectos internacionais Vida Láctea (Lugo) a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Comunidade Intermunicipal do AVE (Guimaraes), a Incubadora de Iniciativas Empresariais Inovadoras – In.Cubo (Guilhadeses), TecMinho – Universidade do Minho e a Universidade de Tras-Os-Montes e Alto Douro (Vila Real).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *