“O control da pegada de carbono do leite pode ser unha vantaxe competitiva para as granxas”
O proxecto Greenlow Pecuaria medirá as emisións de metano entérico que emiten as vacas leiteiras na Eurorexión Galicia-Norte de Portugal para desenvolver unha ferramenta de cálculo adaptada ás condicións reais de produción

Cristina Castillo, investigadora principal do proxecto, xunto á reitora da USC e á conselleira do Medio Rural
Avanzar cara a un coñecemento máis real, máis preciso e máis útil das emisións do sector gandeiro na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é a meta que persegue o proxecto Greenlow Pecuaria, presentado este xoves 21 no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) da USC, con sede en Lugo.
Nun acto presidido pola reitora da Universidade de Santiago, Rosa Crujeiras, e a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, deuse conta dos detalles desta iniciativa que nace como un ecosistema transfronteirizo de investigación e transferencia do sector agropecuario para reducir o seu impacto na emisión de gases de efecto invernadoiro.
“A súa finalidade é impulsar a transición verde do sector gandeiro, promovendo a sustentabilidade e a diminución de gases de efecto invernadoiro mediante cooperación entre centros de investigación, administracións públicas e entidades do propio sector agropecuario”, destacou a investigadora principal do proxecto, Cristina Castillo.
Canto metano emiten as granxas leiteiras galegas?
O obxectivo inicial de Greenlow Pecuaria é establecer cal é o nivel de emisión de metano en condicións reais de produción nas explotacións galegas e do norte de Portugal. “O primeiro paso non é reducir, é medir, e a partir de aí pode valorarse que marxe de redución existe, que medidas son máis eficaces, cales son viables para as explotacións e cales poden transferirse ao conxunto do sector”, sinala.
Non podemos reducir ben aquilo que aínda non medimos ben; necesitamos medir para coñecer e coñecer para corrixir
O proxecto propón o desenvolvemento de modelos preditivos de emisións de gases de efecto invernadoiro para a gandería de vacún mediante o desenvolvemento dun xemelgo dixital para a estimación das emisións, utilizando a metodoloxía do Panel Internacional para o Cambio Climático (IPCC) pero adaptando os cálculos á realidade do modelo produtivo galego, testeando posteriormente esa ferramenta de cómputo en condicións reais de produción nas granxas.
Para Cristina Castillo, “trátase de crear un sistema que permita achegarnos moito máis á realidade das explotacións. Un sistema que poida integrar información sobre alimentación, tipo de animal, produción, manexo, condicións ambientais e características da explotación. E, a partir de aí, estimar con máis rigor as emisións”. Ese salto é clave, engade: “pasar dunha gandería avaliada con valores xerais a unha gandería avaliada con información propia”.
Os datos oficiais son xeralistas e ofrecen cálculos non específicos das ganderías de Galicia e o norte de Portugal
“Os datos oficiais son xeralistas e ofrecen cálculos non específicos das ganderías de Galicia e o norte de Portugal, pois non teñen en conta os distintos sistemas de manexo e alimentación. Dentro deste proxecto vanse facer medicións precisas en condicións reais de produción e fuxir de modelos xerais e estandarizados, porque non todos os sistemas de produción de leite emiten igual”, asegura. “Este proxecto é o paso necesario para pasar de estimar as emisións a coñecer as emisións e de coñecer as emisións a corrixir as emisións”, reitera.
Datos para defenderse da desinformación
O sector gandeiro atópase sometido a unha presión crecente: por un lado ten que seguir producindo alimentos e por outro ten que reducir as emisións preservando a súa viabilidade económica. “O sector gandeiro necesita datos, non só para mellorar, senón para defenderse fronte á desinformación”, dixo.
“Rexeitamos frontalmente que a gandería bovina sexa a responsable do cambio climático. As vacas sempre emitiron metano, e presentalo agora como un descubrimento alarmante é enganoso e preocupante. A gandería está a ser utilizada como un chivo expiatorio fronte a outros sectores. Pero iso ten consecuencias, porque a desinformación da sociedade urbana e a criminalización dos gandeiros e veterinarios dificulta o relevo xeracional”, argumentou.
Unha política pública sen datos pode ser inxusta; necesitamos que as decisións normativas e regulatorias estean apoiadas no coñecemento científico
Tamén son precisos datos reais, obxectivos e contrastables sobre emisións para orientar os cambios normativos que se están a aplicar en materia mediambiental ás explotacións. “Unha política pública sen datos pode ser inxusta. As decisións normativas e regulatorias están baseadas en modelos que usan datos macro e non baixan á nosa realidade”, denunciou.
Un proceso natural

Público asistente ao acto de presentación do proxecto
O metano entérico é unha emisión que está directamente relacionada co proceso dixestivo dos ruminantes. Xérase durante a fermentación ruminal, e o seu nivel depende en gran medida da alimentación. Por iso, unha das liñas máis importantes de traballo é a optimización da ración. “Se conseguimos axustar mellor as dietas poderemos reducir a produción de metano entérico sen afectar negativamente á produción”, destaca a investigadora.
O metano entérico está directamente relacionado co proceso dixestivo dos ruminantes; se axustamos a dieta podemos reducir metano sen afectar negativamente á produción de leite
O uso de inhibidores da metanoxénese (existen xa produtos comerciais como o Bovaer) ou a aplicación de suplementos na ración (algas ou ácidos graxos procedentes de aceite de liñaza ou xirasol) que actúan sobre o microbioma ruminal logran reducir as emisións ruminais de metano até nun 30%. Unha maior dixestibilidade das ensilaxes ou outras medidas relacionadas co manexo do rabaño (adiantar a idade ao primeiro parto das xovencas, axustar os períodos de secado, acadar unha maior lonxevidade das vacas en produción, realizar cruzamentos ou seleccionar liñas xenéticas menos metanoxénicas) poden supor unha redución dun 12%-15% das emisións de metano da granxa.
O manexo do rabaño e a xenética son outros factores a ter en conta
Con todo, o proxecto non busca actuar sobre a xestión de xurros, estercos e fertilizantes químicos, que supoñen até a metade do total das emisións dunha explotación leiteira. “O uso de urea desprotexida pode chegar a disparar até nun 30% as emisións da granxa”, asegurou Higinio Mougán, adxunto á presidencia da Asociación Galega de Cooperativas (AGACA), unha das entidades participantes no proxecto.
Solucións prácticas
Agora ben, Cristina Castillo pon o foco en que “as solucións non son aplicables se son demasiado caras, se reducen a produción ou se complican excesivamente o traballo diario”. “Unha explotación gandeira ten que ser ambientalmente responsable, si, pero tamén economicamente viable”, matiza.
Por iso, este proxecto non se centra unicamente en reducir emisións de xeito teórico, senón en buscar solucións prácticas: medidas biotecnolóxicas, estratexias de alimentación, manexo animal, xestión ambiental e tecnoloxías de gandería de precisión que poidan probarse e validarse en condicións reais.
Nese sentido, a conselleira de Medio Rural destacou que o proxecto “vai moito máis alá da investigación”, xa que busca trasladar solucións prácticas ás explotacións para mellorar a eficiencia produtiva, avanzar na dixitalización e reducir a pegada ambiental, ao mesmo tempo que se segue impulsando a rendibilidade das granxas.
As solucións non serán aplicables nas explotacións se son demasiado caras, se reducen a produción ou se complican excesivamente o traballo diario
Nesta mesma liña, a reitora da USC salientou a necesidade de “afrontar os retos asociados á sustentabilidade do sector gandeiro”, obxectivo que require necesariamente, dixo, “cooperación institucional, capacidade de diálogo e políticas públicas apoiadas no coñecemento científico”. “A desexada e necesaria transición cara a modelos máis sostibles só será posible se universidade, administracións e sector produtivo avanzan da man, compartindo información, obxectivos e responsabilidade”, engadiu.
O foco posto nas granxas

Mesa de debate con representantes das entidades galegas e portuguesas participantes no proxecto
O proxecto non parte da base de impoñer solucións desde fóra. “As medidas non deben basearse en culpabilizar; non deben ir en contra dos gandeiros senón da man dos gandeiros. Os datos nacen das explotaciónse as medidas deben funcionar nas explotacións. Se aplicamos medidas sen coñecer o problema podemos equivocarnos”, afirma Cristina. “A investigación non debe estar só na universidade, senón ao servizo dos produtores, ten que ser unha investigación centrada no territorio. O que pretendemos é que a ciencia chegue á granxa e que a granxa oriente á ciencia”, defendeu.
As granxas terán que demostrar cada vez máis a súa trazabilidade ambiental; dispoñer dela pode ser unha vantaxe competitiva
O Regulamento Ómnibus da UE obriga a que en 2028 as grandes industrias presenten datos auditables sobre as súas emisións e pegada hídrica. Dentro do sector leiteiro, a industria pon o foco nas explotacións pois estima que o 80% das emisións dun litro de leite adquirido polo consumidor están relacionadas co proceso de produción nas ganderías e o 20% restante xéranse no proceso industrial, no transporte e no punto de venda. “A cadea de valor do leite (industrias e cadeas de distribución) pedirán cada vez máis unha trazabilidade ambiental ás granxas e dispoñer dela pode ser unha vantaxe competitiva”, argumenta a investigadora principal de Greenlow Pecuaria.
O norte de Portugal, con 250.000 vacas (a metade de leite e a outra medate de carne), concentra o 40% da produción leiteira do país
Trala universalización dos certificados de benestar animal, o seguinte reto ao que se enfrontan as explotacións é o da medición da pegada ambiental e a redución das emisións, un camiño xa iniciado a nivel europeo en países coma Dinamarca e que está a chegar tamén a España e Portugal.
Joaquim Orlando Lima Cerqueira, profesor adxunto da Escola Superior Agrária de Viana do Castelo, asegurou que “Galicia e o norte de Portugal non producen peor ca Dinamarca; temos que adaptar, non copiar” e mostrouse partidario de “reducir producións”, xa que, argumentou, “chegamos a producións moi elevadas pero tamén a vacas que duran moi pouco e se atendemos á ciencia, as vacas producen máis ao terceiro e cuarto parto, pero moitas delas non chegan a eles porque marchan da granxa ao primeiro ou segundo parto”, evidenciou.
Consorcio
Greenlow Pecuaria combina investigación aplicada, desenvolvemento tecnolóxico e cooperación transfronteiriza para xerar solucións reais na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O proxecto enmárcase no Interreg POCTEP, cun orzamento de 796.186,86 euros ata 2028, cofinanciado polo FEDER.
O beneficiario principal é a Universidade de Santiago de Compostela a través do Ibader, e tamén participan, como socios, a propia Consellaría do Medio Rural (a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e da Axencia Galega da Calidade Alimentaria), a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), o Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC), a Associação para o Apoio à Bovinicultura Leiteira do Norte (ABLN) e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte.



