Carlos Amiama elixido novo director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo
O docente sinala como oportunidades o novo equipo de goberno da USC -que acadou un enorme apoio no Centro e no campus-, a creación de novas infraestruturas de investigación, a renovación do convenio co Campus Terra ou o incremento do interese no estudantado pola cidade de Lugo

Con 77 votos a favor, 14 en branco e 5 abstencións, o profesor Carlos Amiama Ares resultou gañador da votación para elexir o novo director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC (Lugo).
O novo director concorreu ás eleccións cun programa de oito liñas estratéxicas:
– Garantir a actual oferta académica
– Captar estudantado de novo ingreso
– Mellorar a calidade da docencia impartida
– Mellorar a empregabilidade das persoas egresadas
– Promover a investigación realizada na Escola
– Integrar a EPSE no proxecto de campus de especialización Campus Terra
– Reforzar o compromiso coa lingua, a igualdade e a integración
– Fortalecer o compromiso coas persoas
Amiama, que substitúe no cargo á profesora Rosa Romero, é Enxeñeiro técnico agrícola (1991) e enxeñeiro agrónomo (1994) pola USC, ademais de doutor enxeñeiro agrónomo (2003) pola USC. Iniciou no ano 1994 a súa traxectoria profesional no ámbito da consultaría, como enxeñeiro proxectista, desenvolvendo numerosas actuacións no ámbito da ordenación territorial, infraestruturas enerxéticas ou valoracións, entroutros aspectos.
No ano 2002 incorporouse á docencia universitaria como profesor asociado, compatibilizándoa coa actividade profesional na empresa ata o ano 2009, no que se incorpora a tempo completo á Universidade.
Dende o ano 2020 é profesor titular no departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría, área de Proxectos de Enxeñaría. Compatibiliza a actividade docente e investigadora, impartindo docencia en varios graos e mestrados e dirixindo numerosos traballos académicos.

Amiama quere renovar o atractivo da EPS para o novo estudantado
Ademais, o novo director ten recoñecidos dous tramos de investigación (sexenios), participando en múltiples e diferentes proxectos de investigación competitivos e sendo investigador principal en varios deles.
Respecto do eido de xestión, Amiama foi coordinador durante once cursos académicos do Máster en Dirección de Proxectos, coordinador do grupo de Investigación BioMODEM (grupo de referencia competitiva) entre 2021 e 2025.
Tamén foi director do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría dende 2024 ata a actualidade. Ademais exerceu de avaliador nos procesos de Verificación, Reverificación e implantación do Selo Internacional EUR-ACE en diversos títulos universitarios para ANECA, Fundación para el Conocimiento madri+d e a Axencia para a Calidade Científica e Universitaria de Andalucía (ACCUA).
O equipo de goberno que acompañará a Amiama Ares nesta nova andaina queda composto poas seguintes persoas:
– María José Iniesto Alba, secretaria académica
– Adolfo López Fabal, subdirector de Calidade
– Beatriz Blanco Besteiro, coordinadora de Calidade
– Ignacio Raño Noal, subdirector de Organización Académica
– César Pérez Cruzado, subdirector de Relacións Exteriores e Prácticas en Empresa
– Adriana Conde Fernández, coordinadora Programa ‘A Ponte’ e Captación de Estudantado
– David Mateo Fouz Varela, adxunto á Coordinación do Programa ‘A Ponte’ e Captación de Estudantado



