Feira da Primavera en Lugo para amosar a artesanía e innovación no rural

Esta quinta edición contará con 25 espazos expositivos onde mulleres artesás amosarán os seus produtos. Celebrarase o 30 de maio na Praza Maior de Lugo


O Campus de Especialización Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela bota andar a quinta edición da Feira de Primavera de Emprendedoras, que este ano leva por título ’Artesanía e Innovación no Rural’. Tal e como explicou o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Roberto Bande, a feira consolídase como un “espazo de encontro e colaboración entre persoas emprendedoras, creadoras, investigadoras e profesionais comprometidas co desenvolvemento sostible e o progreso do rural galego”.

Xunto ao vicerreitor participaron no acto a directora do Campus Terra, Marta Miranda; Cristina Sanz Arias, concelleira de Dinamización económica e Relacións Institucionais do Concello de Lugo; Javier Arias Fouz, delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo; e Miguel Fernández Méndez, deputado da Área de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento da Deputación Provincial de Lugo.

Este ano, a feira pon o foco na artesanía como motor de innovación e identificación cultural, integrando as dimensións de I+D+i, igualdade de oportunidades e valorización das producións locais. A actividade contará coa participación de artesás e artesáns da provincia de Lugo. Financiada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional, e organizada polo Campus Terra en colaboración con Concello de Lugo, Artesanía de Galicia e a Asociación de Artesáns de Lugo, a Feira desenvolverase na Praza Maior de Lugo en horario de 10.30 a 18.30 horas.

A cita terá lugar o 30 de maio e contará con 25 espazos expositivos onde mulleres artesás amosarán os seus produtos. Ademais, celebraranse dúas mesas redondas, unha sobre cooperación e futuro na artesanía, e outra sobre artesanía circular e con propósito. Por outra banda, a feira constará cunha demostración artesanal impartida pola empresa Fusaiola onde as persoas asistentes aprenderán a tecer e a empregar as técnicas básicas do gorullo mediante o emprego de teares de sobremesa de peite ríxido. Ademais, a partir das 13.45 horas está previsto un espazo de degustación con food trucks, música e ambientación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *