O Campus Terra acolle por primeira vez o XIII Encontro da Mocidade Investigadora de Galicia

Será un punto de encontro para o persoal investigador en formación das tres universidades galegas, que promove a colaboración interdisciplinar, a difusión do coñecemento e a visibilización das teses de doutoramento


O Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en Lugo, será por primeira vez a sede do XIII Encontro da Mocidade Investigadora (EMI), unha cita que reunirá os días 6 e 7 de xullo persoas matriculadas en programas de doutoramento das tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG): a USC, a Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Vigo (UVigo).

O encontro constitúe un foro aberto ao persoal investigador en formación, independentemente da súa idade ou nacionalidade, co obxectivo de dar a coñecer as liñas de investigación que se están a desenvolver actualmente en Galicia e fomentar a creación de sinerxías que impulsen a colaboración entre disciplinas e áreas de coñecemento.

Nesta décimo terceira edición, o EMI reafirma o seu compromiso coa promoción da investigación entre a mocidade e coa visibilización do impacto que as teses de doutoramento teñen no avance da ciencia, da tecnoloxía e da sociedade. O intercambio de experiencias e coñecementos permitirá abordar desafíos contemporáneos desde unha perspectiva plural, conectando os avances científicos coas necesidades sociais e fortalecendo a difusión do coñecemento xerado nas universidades galegas.

Baixo o lema “Se tes tese, tes EMI!”, o Comité Organizador quere transmitir unha mensaxe de inclusión e participación, destacando que ningunha persoa nin proxecto investigador quedará fóra do encontro. A iniciativa está concibida para integrar todas as áreas do saber e favorecer o diálogo entre as catro grandes ramas de coñecemento: Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias e Enxeñarías, e Ciencias Sociais e Xurídicas.

Premiarase un traballo en cada unha das catro grandes áreas de coñecemento que estruturaron os estudos de doutoramento da Escola Internacional de Doutoramento da USC

Para facilitar este intercambio, o programa estrutúrase arredor de varios eixos temáticos, entre os que destacan a ciencia, tecnoloxía e sociedade en disputa, a agroecoloxía, as epistemoloxías situadas ou os corpos, coidados e saúde colectiva. Con todo, desde a organización subliñan que estes temas funcionan unicamente como puntos de encontro para o debate interdisciplinar e non limitan a participación, xa que os traballos que non encaixen neles poderán presentarse na categoría de “Outras propostas”.

O prazo para o envío de comunicacións, tanto en formato oral como póster, permanecerá aberto ata o próximo 7 de xuño. A inscrición será totalmente gratuíta e todas as contribucións aceptadas serán publicadas nun libro oficial de resumos con ISBN. Ademais, premiarase un traballo en cada unha das catro grandes áreas de coñecemento que estruturaron os estudos de doutoramento da Escola Internacional de Doutoramento da USC (EDIUS).

Co propósito de facilitar a participación de todas as persoas asistentes, a organización habilitará un servizo gratuíto de autobuses lanzadeira entre Santiago de Compostela e Lugo durante a celebración do encontro.

O XIII Encontro da Mocidade Investigadora está organizado pola Escola Internacional de Doutoramento da USC coa colaboración da Universidade de Vigo e da Universidade da Coruña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *