PROePLA dá pulo á formación das mulleres rurais no marco do proxecto CARES
O grupo de investigación da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo lidera accións formativas en Baroña e Guitiriz que se desenvolverán durante o mes de novembro e que se centran na extracción e uso de resina de piñeiro
O proxecto CARES, no que participa o grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, conmemora a semana na que se enmarca o Día Internacional das Mulleres Rurais que ten lugar cada 15 de outubro, destacando o seu papel na xestión forestal e na dinamización do medio rural a través da formación, o emprego e o emprendemento no sector primario. Durante este outono, CARES puxo en marcha cinco formacións específicas para mulleres en distintas comunidades do noroeste peninsular —tres delas xa realizadas en Asturias e Castela e León, e dúas máis previstas en Galicia—, centradas no aproveitamento e a transformación da resina e a castaña como recursos forestais non madeireiros con alto potencial de emprego e sustentabilidade.
Estas formacións, gratuítas e de carácter práctico, permitiron ás participantes adquirir competencias técnicas tanto na extracción da resina como na súa transformación para cosmética natural, ademais de fornecer coñecementos sobre seguridade laboral, comercialización e emprendemento. As actuacións son posibles a través do financiamento coa que conta este proxecto, a través da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. A través da formación, CARES busca xerar novas oportunidades laborais para mulleres no medio rural e demostrar que a xestión forestal pode ser tamén unha vía de emprendemento e desenvolvemento persoal. Así, a actividade ‘Formación práctica para mulleres en extracción e uso de resina de pino’ terá lugar en Baroña, A Coruña, os días 6 e 7 de novembro, de 15.00 a 19.00 horas; e en Guitiriz, Lugo, os días 21 e 22 do mesmo mes, en horario de 10.00 a 14.00 horas.
Sobre o porqué destas actividades formativas e do peso que este proxecto quere darlle ao necesario rol da muller no rural, destácase que “desde CARES impúlsase a participación e inclusión da muller na xestión forestal mediante a formación, realizando tres formacións específicas para mulleres en Asturias e Castela e León e con dúas máis á vista en Galicia”, pero tamén se subliña que o desenvolvemento do propio proxecto xera emprego feminino. “Estamos a xerar postos de traballo directos no proxecto mediante a contratación de mulleres para a execución de traballos de extracción de resina e castañicultura, evidenciando a nosa aposta por esta inclusión, e tamén como maneira de visibilizar e crear referencias nestas actividades tipicamente masculinizadas do sector forestal”, explican dende o equipo investigador. “Os resultados de rendementos e tempos de aprendizaxe evidencian a perfecta pertinencia destes empregos para as mulleres do medio rural, e ademais están a permitir introducir novas miradas e achegas ás melloras nas técnicas máis innovadoras”, conclúen.
Estas actividades enmárcanse nun programa máis amplo de máis dunha ducia de cursos gratuítos que CARES desenvolve este outono en Galicia, Asturias e León, todos eles orientados a promover unha xestión forestal activa, sostible e xeradora de emprego local. Con estas accións, o proxecto CARES reforza a súa aposta por un modelo de desenvolvemento rural inclusivo, onde a igualdade de xénero é unha ferramenta esencial para revitalizar os territorios. A combinación da resina e a castaña como recursos forestais complementarios permite crear emprego estable, diversificar rendas e fixar poboación nas zonas rurais máis despoboadas do noroeste peninsular. As persoas interesadas aínda poden inscribirse nas distintas formacións a través da web do proxecto CARES.