“Con PurínPreciso imos medir e controlar en tempo real os nutrientes que aportamos ao aplicar o xurro”
Entrevista a Javier Bueno Lema, profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra-USC, unha das entidades que participa no proxecto PurinPreciso, unha iniciativa que vai permitir medir e controlar os nutrientes que están sendo aplicados durante todo o ciclo de baleirado de cada tanque de xurro para lograr un uso máis eficiente do mesma para fertilizacion dos cultivos

Javier Bueno Lema, profesor do Campus Terra USC, unha das entidades socias do Grupo Operativo PurínPreciso
-O xurro ou purín de vacún é un dos fertilizantes naturais máis abundantes en Galicia. ¿Que importancia ten dentro dentro dunha economía circular e para reducir a pegada de carbono das explotacións leiteiras?
O xurro de vacún de leite é un recurso producido na explotación que, utilizado como fertilizante orgánico dos cultivos forraxeiros que logo se utilizan para alimentar o gando, representa un dos mellores exemplos de economía circular. Como normalmente as parcelas onde se distribúe están cerca da explotación, permite reducir a distancia de transporte en comparación con outros usos deste recurso e, polo tanto, o consumo de combustible e a pegada de carbono co seu emprego como fertilizante.
-¿Cal é o valor fertilizante medio do xurro de vacún?
Aínda que o xurro é un produto heteroxéneo, cunha composición variable en función das características da explotación, hai estudos realizados polo CIAM con análises de máis de 300 mostras diferentes que dan como resultado uns contidos medios de 3 kg de nitróxeno total, 1,4 kg de fósforo e 3,5 kg de potasio por cada 1.000 litros de xurro de vacún de leite. Isto supón que por cada tanque de 10.000 litros estaríamos aplicando aproximadamente os nutrientes contidos en tres sacos de 40 kg de 12-12-24 e un saco de urea do 46%.
“O xurro de vacún utilizado como fertilizante orgánico é un dos mellores exemplos de economía circular”
-A cobertura das fosas de xurro, e tamén a separación das augas de lavar a sala de muxido, son determinante no seu poder fertilizante. Por qué?
Cando as fosas non están cubertas, a auga da chuvia cae no seu interior e dilúe o xurro. O mesmo efecto o provocan as augas de lavado se van a parar a fosa. Un xurro con maior contido de auga ve reducido o seu contido en nutrientes para un mesmo volume. É dicir, en cada tanque que sacamos da fosa temos menos nutrientes e polo tanto reducimos o seu valor fertilizante, ademais de incrementar os custes da súa distribución porque hai que facer máis viaxes ao baleirar as fosas máis veces ao ano.
-¿Como inflúe o material das camas do gando (carbonato, serrín, mestura dos dous, area ou cama de compost) na capacidade fertilizante do xurro?
O material empregado na cama que máis vai a afectar á capacidade fertilizante do xurro é o carbonato cálcico, xa que lle aporta un efecto encalante cando se distribúe no campo e tende a subir o pH do solo.
-Nas últimas décadas extendeuse o uso da area como material para as camas. ¿Que problemática represante o seu uso en relación ao xurro?
A area ten o problema que se deposita no fondo da fosa e vai reducindo a súa capacidade de almacenamento, necesitando limpezas periódicas. A area tamén se acumula nos tanques distribuidores e acaba depositándose na terra, o que pode causar modificacións da textura do solo ao volvelo máis areoso. Isto reduce a súa capacidade de retención de auga e nutrientes, polo que hai que vixiar a súa evolución nas terras de cultivo. E, por último, a area é un material abrasivo que desgasta máis rápido todo o que toca, sexan os pezuños das vacas, as instalacións de limpeza ou os equipos de distribución.
Obviamente tamén ten as súas vantaxes coma ser o material máis económico para as camas, ser fácil de manexar, reducir os problemas sanitarios do ubre e mellorar a saúde podal en comparación con outros materiais.
-O momento de aplicación tamén é crucial para optimizar o poder fertilizante do xurro. ¿Cales serían as recomendacións?
Se temos capacidade de almacenamento suficiente, o momento de aplicación do purín debería coincidir co de implantación dos cultivos que vai fertilizar. Se o combinamos coas labores preparatorias e podemos enterralo aproveitaremos mellor a súa capacidade fertilizante ao ter menos perdas por emisións. Tamén o podemos aplicar tras cortes de pradeira para fertilizar o novo rebrote das plantas.
Dende o punto de vista das condicións climáticas non se pode aplicar xurro cando o solo estea saturado de auga ou conxelado, xa que imos ter problemas de escorrentía superficial e unha alta probabilidade de que acabe chegando a regatos ou cauces fluviais. Tampouco convén aplicalo en días con temperaturas moi elevadas porque favorecen a perda de nitróxeno por emisións de amoníaco.
-E en canto ao sistema de aplicación (prato, abano, prato invertido, tubos colgantes, enterrado…etc). Que vantaxes e inconvenientes considera que representa cada un?
Os sistemas que utilizan o prato de choque (prato, abano, prato invertido) son os utilizados tradicionalmente pola súa comodidade de uso e reducido custe económico. Pero son os peores dende o punto de vista da calidade da distribución, xa que provocan un peor reparto uniforme do xurro na anchura de traballo e unha maior perda de nitróxeno por volatilización. Ata o 80% do nitróxeno dispoñible no xurro pérdese por emisións a atmosfera en forma de amoníaco. Por este motivo actualmente está prohibido o seu uso con carácter xeral. Só se pode empregar nas excepcións previstas no Real Decreto 1051/2022 polo que se establecen as normas para a nutrición sostible dos solos agrarios. España, ao ratificar o protocolo de Gotemburgo no ano 2005, ten un compromiso de redución das emisións contaminantes que contempla, entre as que se atopa o amoníaco. Por tal motivo dende o ano 2024 o prato de choque non pode empregarse para distribuír xurro con carácter xeral.
As barras de distribución con tubos colgantes ou con patíns son sistemas moito mellores que o prato de choque
As barras de distribución con tubos colgantes ou con patíns son sistemas moito mellores que o prato de choque. Ao depositar o xurro sen pulverizar en liñas localizadas sobre a superficie do solo, reducen os cheiros e as emisións de amoníaco. Isto ten claras vantaxes ambientais e económicas. Ao aproveitar mellor o nitróxeno dispoñible que contén o xurro, os cultivos aumentan a produción coa mesma dose aplicada de xurro e aforran comprar parte dos fertilizantes minerais que complementan ao abonado orgánico. E o sistema que como mínimo deberiamos empregar a día de hoxe. Ten o inconveniente do maior custe económico comparado co prato e de que hai que prestar máis atención á condución do tanque ao traballar cunha barra despregada, pero isto último non representa un problema relevante xa que é practicamente igual que traballar cunha barra dun pulverizador hidráulico para aplicar produtos fitosanitarios.
Os sistemas de enterrado son os mellores dende o punto de vista de reducir cheiros e reducir emisións. O seu uso é máis reducido porque son os sistemas de maior custe económico e de menor capacidade de traballo, a ter normalmente menor anchura de traballo que os sistemas de barras. Tamén son os que demandan máis potencia ao tractor.
-Dentro da súa aposta polo fomento da agricultura de precisión, a EPS de Enxeñaría do Campus Terra impulsou o GO MilloPreciso e neste momento o GO PurínPreciso. ¿Que relación hai entre estes dous proxectos?
O elemento común dos dous proxectos é mellorar a eficiencia dos sistemas de produción de cultivos para aforrar custes e reducir os seus impactos medioambientais mediante a utilización de novas tecnoloxías que xa están dispoñibles comercialmente no mercado.
Así, MilloPreciso utiliza os sensores que rexistran a produción nas colleitadoras de forraxe para obter mapas de rendemento das parcelas e, por medio de eles, distribuír dunha forma máis eficiente tanto a semente como os fertilizantes nas distintas zonas dun campo.
Pola súa parte, PurínPreciso utiliza sensores que miden en tempo real o contido de nutrientes que ten o xurro durante a súa aplicación no campo cun tanque distribuidor, o cal permite regular a dose de xurro con maior precisión, axustándonos ás necesidades do cultivo e ao nivel de fertilidade inicial do solo.
Co GO PurínPreciso imos mellorar a eficiencia no aproveitamento dos nutrientes do xurro
-Cales son os principais obxectivos do GO PurínPreciso e que traballos realiza cada unha das entidades socias?
O obxectivo principal do proxecto é o deseño e avaliación dun sistema intelixente de control e documentación dixital de aplicación de xurro para o seu uso como fertilizante, que determine en tempo real o contido de nutrientes principais do xurro aplicado ao solo. Durante a fertilización poderanse coñecer e controlar en tempo real os parámetros que garanten unha aplicación uniforme do nutriente, rexistrándose dixitalmente de forma xeolocalizada os parámetros para garantir a trazabilidade da operación realizada. A utilización do novo sistema incrementará a eficiencia no aproveitamento dos nutrientes, ao axustar de inmediato as doses de fertilización acorde ás características individuais de cada explotación gandeira, cos subseguintes beneficios ambientais e económicos.
PURINPRECISO está coordinado por Talleres Carruxo SL e conta coa participación de SAT As Pandas, a Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través da participación dos grupos de investigación BioModem, Visión Artificial e Arquitectura de Computadores. Ademais, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-AGACAL) participa en calidade de entidade cooperante.
Talleres Carruxo encárgase de fabricar o tanque experimental de xurro que se emprega nas probas, realizando todas as modificacións que van xurdindo co desenvolvemento do proxecto. SAT As Pandas é a explotación gandeira onde se realizan as probas de campo, aportando xurro, parcelas e tractores. FEUGA encárgase da parte administrativa e de executar o plan de divulgación do proxecto. O CIAM-AGACAL realiza as análises de laboratorio do xurro e desenvolve as ecuacións que permiten calcular o contido en nutrientes co sistema intelixente. Por último os grupos da USC coordinan tecnicamente o proxecto desenvolvendo o sistema intelixente que se instala no tanque experimental e organizando as súas probas.
-En que estado se atopan os traballos neste momento ?
Neste momento xa temos rematado o tanque experimental de distribución de xurro, que se atopa na súa terceira e definitiva versión. Tamén temos finalizada a segunda versión do sistema electrónico intelixente, con todos os sensores e demais compoñentes electrónicos instalados e en funcionamento. Fixemos xa probas do equipo con xurro real no outono de 2024 e na primavera-verán de 2025. Estamos actualmente depurando o software de control e mellorando as calibracións e axustes para seguir facendo probas de distribución en campo durante este outono de 2025.
Con PURINPRECISO podemos medir e controlar os nutrientes que están sendo aplicados durante todo o ciclo de baleirado de cada tanque
-Que resultados preliminares nos podería avanzar?
Observamos que a colocación dos sensores no tanque que propón PURINPRECISO mellora as solucións comerciais existentes actualmente no mercado. Con PURINPRECISO podemos medir e controlar os nutrientes que están sendo aplicados durante todo o ciclo de baleirado de cada tanque. Ademais tomamos a medida xusto antes de saír o xurro polo sistema de distribución, polo que os valores calculados son os que se están a aplicar na zona da parcela na que se encontra nese momento o tanque distribuidor.
-Cales son os principais obstáculos
Obstáculo no desenvolvemento do proxecto non tivemos ningún de momento. A verdade é que a colaboración entre os distintos socios e a entidade cooperante estase a desenvolver de forma moi satisfactoria.
-Cal é o cronograma previsto para os vindeiros meses?
Neste outono estaremos a realizar probas de campo, rexistrando aplicacións de xurro sobre parcelas reais e analizando os datos recollidos. Seguimos a traballar nunha mellor calibración do sistema de análise de nutrientes, comparando os datos que calcula o sistema intelixente cos resultados dos análises químicos en laboratorio do xurro. De cara ao ano 2026 esperamos ter tamén depurado o procedemento de exportación de arquivos para incorporalos ao Caderno Dixital da Explotación (CUE) e volver facer probas de campo co equipo na primavera.
-Que melloras esperan aportar ás explotacións gandeiras?
Esperamos mellorar a realización da fertilización orgánica nos cultivos forraxeiros que produce unha explotación gandeira con terra, poñendo a disposición do gandeiro un equipo que lle permita determinar e dixitalizar con facilidade e comodidade os nutrientes que aporta en cada tanque de xurro que distribúe no campo a un custe reducido.
Ademais o sistema vai estar calibrado con mostras de xurro de vacún de leite de explotacións reais galegas, polo que esperamos tamén aportar máis precisión nos datos que se rexistren.
Tamén pretendemos facilitar o cumprimento da normativa en relación a uso do CUE e do rexistro dos nutrientes aportados pola fertilización orgánica.
-Cal é o custo estimado da incorporación do sistema NIRS nas cubas de xurro e para que tipo de explotacións o recomendaría?
A instalación dos sistemas comerciais actualmente dispoñibles que utilizan a tecnoloxía NIRS para a análise do contido de nutrientes do xurro anda en torno aos 25.000 – 30.000 €. Este custe fai que se recomenden principalmente para empresas de servizos e cooperativas que queiran ofertar esta información dixitalizada aos seus clientes. Para adquirilo unha explotación individual tería que ter unha produción de xurro elevada para compensar o seu custe, tendo en conta que este tipo de equipos tamén requiren mantementos e calibracións periódicas.
-Algo máis que queira engadir?
Destacar a importancia de realizar estes proxectos de innovación para trasladar ás empresas fabricantes de tanques distribuidores de xurros e as explotacións gandeiras que os utilizan información sobre tecnoloxías innovadoras que se proban en condicións reais e idénticas ás que nos atopamos en calquera zona gandeira de Galicia. Por iso queremos agradecer as entidades que permiten financialo e transferir estes coñecementos ao sector.
O proxecto PURINPRECISO está financiado polas axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas nun 80% co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan Estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 14% e con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 6%. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega á que lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural, e engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais.