A Cátedra UNESCO de Reservas de Biosfera Atlánticas busca preservar mellorar a calidade de vida no medio rural

Empregará a Infraestrutura Verde como unha ferramenta territorial integradora que achegue medidas e solucións robustas que garantan o uso racional dos recursos naturais

A Cátedra UNESCO de Reservas de Biosfera Atlánticas lánzase como proxecto “participativo e vivo”, que axude a “preservar a nosa Biodiversidade e que favoreza a mellora de calidade de vida no medio rural”. Para iso empregará a Infraestrutura Verde como unha ferramenta territorial integradora que achegue medidas e solucións robustas que garantan o uso racional dos recursos naturais e contribúan de forma eficaz aos retos globais derivados do cambio climático e o despoboamento.

Así define o profesor Pablo Ramil, director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) esta nova cátedra institucional da USC que foi presentada este xoves 15 nun acto presidido polo reitor Antonio López Díaz e no que tamén participaron a conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, Paz Rodríguez Rivera, directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), e Ana González Abelleira, concelleira da Área de Cohesión Social e Territorial.

O reitor explicou que esta cátedra “nace coma un proxecto humilde que foi medrando ata acadar unha relevancia que hoxe celebramos”. En todo o Estado existen arredor de 65 cátedras UNESCO e agora Lugo, o Campus Terra, “conta coa primeira da súa historia”. Para Antonio López ten “un gran mérito, que debemos poñer en valor, contar con esta iniciativa que pon no mapa das cátedras UNESCO a Lugo e o Campus Terra”.

Entendemento mutuo e igualdade
No ano 2024, a Universidade de Santiago iniciou o proceso para a designación dunha Cátedra UNESCO adscrita ao IBADER do Campus Terra. A proposta, tras a súa avaliación por un comité internacional da UNESCO, foi finalmente aprobada en novembro de 2025. A devandita Cátedra ten unha clara vocación rural, con tres liñas de actuación preferentes que coinciden coa Axenda Científica do IBADER e cos obxectivos do Programa sobre o Home e a Biosfera da Unesco: Biodiversidade, Infraestrutura Verde e Desenvolvemento Rural.

A Cátedra UNESCO de Reservas de Biosfera pretende abordar as catro áreas fundamentais da misión da UNESCO: Educación (cursos de especialización, apoio á educación formal), Ciencias (Biodiversidade, Ciencias Agrarias, Desenvolvemento Rural), Cultura (Patrimonio Cultural Material e Inmaterial) e Comunicación e Información (difusión, creación de bases de datos e implementación de mapas dixitais na web) no marco das Reservas da Biosfera e dentro das súas redes temáticas. O ámbito territorial abarca a Rexión Bioxeográfica Atlántica, impulsando a colaboración coas Reservas de Biosfera de África, América e Europa, promovendo o entendemento mutuo, a igualdade de xénero e un firme compromiso coas prácticas sostibles.

Tal e como sinala Pablo Ramil, a Cátedra pretender ademais “centrarse en identificar e avaliar os elementos e funcións crave que deben cumprir as Reservas da Biosfera, á vez que as apoiará na produción de información científica e técnica sobre a súa estrutura e funcionamento”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *