“Buscamos solucións novidosas para o impacto do estrés por calor en vacún de leite”

Rodrigo Muíño, profesor do Campus Terra da USC, dirixe a tese doutoral sobre o estrés climático en vacas de produción de leite que ven de ser galardoado co XI Premio Vetia Natural Solutions. Coñecemos os primeiros resultados e aplicacións do proxecto de investigación e afondamos no proxecto integral que aborda os efectos do clima sobre as vacas leiteiras e as solucións aos mesmos

De esquerda a dereita: Rodrigo Muiño Otero (profesor permanente laboral de Medicina e cirurxía animal) Elena Niceas Martínez Diez (Investigadora e estudante de doutoramento) Cristina Castillo Rodríguez (Catedrática de Medicina e cirurxía animal) Joaquín Hernández Bermúdez (Catedrático de Medicina e cirurxía animal)

‘Resposta endócrina e reprodutiva ao estrés térmico en vacún leiteiro de clima oceánico. Evidencias de campo e estratexias para a súa mitigación’. Ese é o título do proxecto que ven de obter o XI Premio Vetia Natural Solutions e que foi desenvolvido por Elena Niceas, investigadora do IBADER e doutoranda do Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria do Campus Terra.

A investigación forma parte da tese doutoral de Niceas e foi desenvolvido no marco do proxecto ‘Estudo do cambio climático sobre a saúde e o benestar, a eficiencia reprodutiva e a calidade do leite nas explotacións lácteas da provincia de Lugo”, co financiamento de fondos do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela polo que se regula o Campus de Especialización Campus Terra.

O galardón, outorgado pola Real Academia de Ciencias Veterinarias de España recoñece o traballo realizado por Niceas xunto cos profesores Joaquín Fernández Bermúdez, Cristina Castillo Rodríguez e Rodrigo Muiño Otero. Falamos con Rodrigo Muíño, que dirixe a tese, para afondar nos aspectos da investigación, que forma parte dun proxecto máis amplo.

– O traballo que están a desenvolver consta de tres partes diferenciadas. Explicádenos cales son, como se denominan e que obxectivos ten cada unha

O traballo gañador do Premio Vetia–Mariano Illera da Real Academia de Ciencias Veterinarias de España (RACVE), no apartado de Endocrinoloxía, forma parte dunha tese doutoral que estou a dirixir dentro do proxecto colaborativo Campus Terra: “Estudo do cambio climático sobre a saúde e benestar, a eficiencia reprodutiva e a calidade do leite nas explotacións lácteas da provincia de Lugo”.

A tese estrutúrase en tres estudos para abordar o estrés térmico en vacún leiteiro desde unha perspectiva integral. En primeiro lugar, analízase a eficiencia reprodutiva das vacas leiteiras; en segundo lugar, estúdanse as variacións na composición dos ácidos graxos do leite baixo condicións de calor; e, por último, avalíanse parámetros de saúde e benestar, incluíndo respostas fisiolóxicas e hormonais ao estrés térmico.

En primeiro lugar, analízase a eficiencia reprodutiva das vacas leiteiras

En conxunto, estas tres liñas responden aos obxectivos do proxecto e permiten caracterizar o impacto do estrés por calor nun clima oceánico e orientar medidas de mitigación aplicables en explotacións reais.

– Xa centrándonos no caso concreto de “Resposta endocrina e reprodutiva ao estrés térmico en vacún leiteiro de clima oceánico. Evidencias de campo e estratexias para a súa mitigación”, cales son as conclusións ás que se chegou?

As conclusións principais do estudo “Resposta endocrina e reprodutiva ao estrés térmico en vacún leiteiro de clima oceánico. Evidencias de campo e estratexias para a súa mitigación” resumiríaas así: o estrés térmico xa está presente tamén nas explotacións de clima oceánico, e isto é algo que me parecía importante demostrar con datos de campo.

A investigación permite caracterizar o impacto do estrés por calor nun clima oceánico e orientar medidas de mitigación aplicables en explotacións reais. (Rodrigo Muíño, profesor do Campus Terra da USC)

Non é tanto un estrés por picos extremos de temperatura, senón pola combinación de calor moderada con humidade elevada, que reduce a capacidade das vacas para disipar calor. A nivel fisiolóxico vese unha activación clara do eixo hipotálamo-hipófise-adrenais, e iso reflíctese no aumento estacional do cortisol fecal.

E esa resposta, cando a ligas cos datos reprodutivos, tradúcese nun escenario menos favorable: cambios na dinámica folicular, un ambiente endocrino pre-inseminación máis subóptimo e unha menor probabilidade de xestación.

Ademais, algo que me chamou moito a atención foi a variabilidade entre granxas: iso confirma que non todo depende do “clima exterior”, senón de como está construída e orientada a nave, da ventilación real e do manexo. E, desde o punto de vista aplicado, tamén puidemos ver que estratexias hormonais como un Double-Ovsynch modificado poden axudar a estabilizar as taxas de fertilidade cando hai carga térmica.

– Que aplicacións concretas e resultados tanxibles pode ter nas granxas o estudo?

En canto a aplicacións concretas e resultados tanxibles, eu quedo con tres cousas moi claras. A primeira é que, cando empezas a monitorizar o THI dentro da nave, descobres episodios de estrés térmico que moitas veces pasan desapercibidos se só miras a temperatura exterior, e iso permite actuar antes: activar ventilación/aspersión, axustar rutinas ou reducir momentos de maior densidade e actividade.

As instalacións son só un dos aspectos nos que é preciso traballar para reducir o estrés climático

A segunda é que validamos o cortisol fecal como un biomarcador non invasivo para estimar a carga real de estrés: isto abre a porta a comparar lotes, etapas fisiolóxicas ou incluso avaliar se unha mellora estrutural realmente “baixou” o estrés do animal, non só o número do termómetro. E a terceira é a parte reprodutiva: os protocolos de sincronización como o Double-Ovsynch modificado mostráronse útiles para manter mellor a fertilidade no verán.

Ao final, o estudo tamén serve para priorizar investimentos con criterio: ventilación, densidade animal, orientación das naves e sistemas de arrefriamento aparecen como factores decisivos, pero sempre coa idea de adaptar a solución á realidade de cada explotación.

– Empregaron novas tecnoloxías na investigación?? Cales e como?? Recurriron a algunha das aplicacións de Intelixencia Artificial?

Si, empregamos novas tecnoloxías na investigación, e para min foi unha das partes máis útiles porque achega o traballo ao día a día das granxas. Non usamos Intelixencia Artificial no sentido estrito, pero si monitorización continua e análise de datos ambientais en tempo real: instalamos sensores/dataloggers para rexistrar temperatura e humidade dentro das naves e calcular o THI real ao que estaban expostas as vacas.

O noso proxecto busca solucións adaptadas á realidade de cada explotación.

Isto é clave porque, ata agora, moitas veces o único que tiñamos eran datos de estacións meteorolóxicas próximas, que non sempre representan o microclima da nave (e aí é onde as vacas están vivindo o estrés). En canto tes datos internos continuos, podes ver patróns horarios e episodios curtos pero repetidos, e iso dáche unha base sólida para tomar decisións e non depender só da percepción.

– Ao falar de estrés térmico, é imposible non mencionar o cambio climático. Contén o estudo análises e referencias a este fenómeno? Cales?

Cando falamos de estrés térmico en vacún leiteiro, para min é imposible separalo do cambio climático, e no documento quixen deixalo moi claro desde o inicio: non é un “problema de verán”, senón unha tendencia estrutural. Por iso inclúo datos climáticos recentes e referencias oficiais: en España, por exemplo, 2024 foi térmicamente excepcional, cunha temperatura media anual de 15,1 ºC (é dicir, +1,1 ºC sobre o período 1991–2020).

O cambio climático non é un problema de verán, é unha tendencia estrutural.

E, aterrando en Galicia, o informe CLIGAL estima un aumento de 0,18 ºC/década (1961–2006) que se acelera a 0,36 ºC/década a partir de 1972, ademais de sinais recentes como máis noites tropicais e episodios cálidos fóra do verán. Todo isto é o marco que xustifica que mesmo nun clima oceánico húmido poidamos ter “estrés térmico subclínico” sen máximas extremas.

– As conclusións e aplicacións do traballo son aplicables a calquera modelo de explotación leiteira ou só a sistemas intensivos?

En canto a se as conclusións serven para calquera modelo de explotación, o que eu diría é que o traballo está pensado e interpretado, sobre todo, para sistemas intensivos (porque aí o microclima interior e o deseño da nave condicionan moito a carga térmica real). No documento traballamos con catro granxas con configuracións de ventilación e orientación distintas (N–S vs E–O; ventilación natural vs combinada con forzada), precisamente porque esa variabilidade estrutural cambia o gradiente térmico e o vapor de auga no interior.

Pero o enfoque é perfectamente trasladable a outros modelos: o que cambia non é a lóxica (medir ambiente + medir resposta do animal + aplicar mitigación), senón o “paquete” de medidas segundo haxa estabulación intensiva ou pastoreo.

– En cuestión de afectación climática nas vacas, cabe pensar que o principal apartado no que hai que actuar é no das instalacións. Pódese traballar noutros aspectos (manexo, alimentación, reprodución…)?

As instalacións son a primeira liña, si, pero non a única. Por exemplo, para cuantificar ben o ambiente, no estudo instalamos dataloggers a 2 metros de altura na zona de lactación e calculamos o THI, usando os rangos de referencia THI <72 (confort), 72–78 (estrés leve) e 79–88 (moderado-severo). Cando miras os datos horarios do verán, vese por que é clave actuar tamén con manexo: en xullo as vacas pasaron de media un 23,7% do tempo diario con THI 72–78; en agosto isto subiu ao 33,9% e, ademais, houbo episodios por riba de 79 durante un 15,6% do día; incluso con mínimos nocturnos que adoitan permitir certa “recuperación”, a carga acumulada é real.

As solucións que propoñemos van orientadas a todas as liñas de traballo da explotación

A partir de aí, o documento propón traballar tamén en reprodución e alimentación: en reprodución, apoiar a fertilidade con IATF e un double-Ovsynch modificado, acompañando con ecografía (tamaño folicular) e avaliación clínica (tono uterino, temperatura rectal) para interpretar probabilidade de éxito; e, cando procede, medidas como soporte de progesterona post-IA (P₄, GnRH/hCG) ou incluso transferencia embrionaria para evitar a fase máis sensible ao calor (primeiros 7 días).

O estudo centfrou as investigacións en sistemas intensivos, se ben son aplicables a outros modelos

En alimentación, hai recomendacións técnicas moi concretas: FDN 28–32% con partícula 2,5–4 cm; amidón 20–25% MS combinando fontes rápidas e lentas; e graxas ata 5–7% MS para aumentar densidade enerxética xerando menos calor metabólico, xunto con estratexias de soporte antioxidante e funcional (betaína como osmoprotector; selenio + vitamina E; etc.).

– Tendo en conta a diversidade climática de Galicia, son aplicables as conclusións do traballo a todos os territorios galegos?

Sobre se é aplicable a toda Galicia, eu prefiro matizar: o estudo céntrase na zona central da provincia de Lugo, nun clima oceánico, e ese é o contexto no que eu podo falar con máis seguridade. A partir de aí, eu esperaría que no sur de Lugo (con máis influencia continental e veráns máis cálidos) o estrés térmico sexa máis acusado e, probablemente, as medidas teñan aínda máis impacto.

Pola contra, na franxa norte máis atlántica e suave, o risco térmico pode ser menor e o efecto máis limitado. É dicir: a mensaxe xeral é válida para Galicia, pero o nivel de risco e a prioridade de intervención van cambiar segundo a zona, e por iso creo que é importante non aplicar “a mesma receita” en todo o territorio.

– Sobre que razas de vacas se traballou? Hai algunhas máis sensibles ca outras aos cambios e o estrés climático?

Sobre as razas: o eixe do traballo é Holstein, porque é a raza predominante en sistemas intensivos de alta produción leitera e tamén unha das máis vulnerables cando o ambiente penaliza disipación de calor.

O documento recolle que a tolerancia térmica ten compoñente xenético e que, en Holstein, a selección histórica enfocada a produción puido comprometer esa capacidade; por iso se fala de selección para resiliencia (temperatura rectal, frecuencia respiratoria, sensibilidade ao THI) e mesmo de xenes candidatos como HSP70, UCP1 ou LHCGR como liñas de investigación, deixando claro que hai diferenzas entre animais e marxe para mellorar por xenética.

– Están a desenvolver outros proxectos de investigación neste ou noutros campos relacionados coa produción de leite de vacún?

No documento non presento isto como un “traballo illado”, senón como unha liña continuada do equipo en varios eixos relacionados coa produción de leite baixo clima cambiante. Por unha banda está a caracterización do microclima en granxas reais (as catro explotacións e o seguimento de THI de xaneiro a setembro de 2023); por outra, a aposta por biomarcadores que vaian máis alá do ambiente, como os metabolitos fecais de cortisol para medir estrés térmico e tamén o estrés fisiolóxico do período de transición; e, en paralelo, a parte aplicada en reprodución con protocolos de sincronización e variables clínicas/ecográficas.

A idea final é avanzar cara a unha xestión máis preventiva (sensores, predición e apoio á decisión) para manter produtividade, saúde e calidade do leite mesmo con veráns máis longos e húmidos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *