Emprego de aceites naturais como suplemento no cebo de becerros da raza Rubia Galega

Estudo do Departamento de Produción Animal do CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo)

Introdución

Durante máis de vinte anos, o Departamento de Produción Animal do CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo) desenvolveu diferentes estudos para mellorar a calidade da carne de tenreira producida baixo a IXP Ternera Gallega por efecto da súa dieta. O obxectivo principal foi optimizar tanto o rendemento das canais como a calidade da carne mediante sistemas de produción baseados no pastoreo e no uso de forraxes (Bispo et al., 2010a, 2010b, 2011; Carballo, Oliete e Moreno, 2004; González et al., 2014, 2022; Moreno et al., 2006, 2007, 2008).

Ter coñecemento das preferencias dos consumidores resulta imprescindible para garantir a sustentabilidade do sector cárnico, xa que na actualidade valóranse carnes máis magras, de aspecto rosado e cun perfil nutricional que consideren saudable (Moreno, 2004). De feito, a preocupación pola relación entre o consumo de carne e a saúde é cada vez maior. Entre a poboación moza, este é precisamente o principal motivo para reducir a súa inxestión, por diante doutras razóns como o impacto ambiental ou o benestar animal (Cánovas e Rincón, 2023).

As investigacións realizadas no CIAM (Bispo, 2010; González, 2021; Moreno, 2004) demostraron que a alimentación dos animais inflúe directamente na composición nutricional da graxa da carne. En particular, a incorporación de aceite de liñaza e sementes de xirasol na fase de cebo permitiu aumentar a presenza de ácidos graxos beneficiosos para a saúde humana, mellorando a súa calidade nutricional (González, 2021).

A incorporación de aceite de liñaza e sementes de xirasol na fase de cebo permitiu aumentar a presenza de ácidos graxos beneficiosos para a saúde humana

Partindo destes resultados, o presente estudo avaliou o suplemento dietético Bovino Plus®, 100 % natural, rico en ácidos graxos esenciais de orixe vexetal (omega-3, omega-6 e omega-9) e enriquecido con vitamina E, obtido mediante a hidrólise de sementes de Ricinus communis (R. communis). Analizouse o seu efecto tanto nos parámetros in vivo e na canal dos becerros da raza Rubia Galega, así como na calidade organoléptica e nutricional da súa carne.

 

Material e métodos

 

Un total de 24 becerros machos da raza Rubia Galega nados nos partos de outono, entre os meses de setembro e novembro de 2024, foron empregados no estudo. Os animais permaneceron amantando coas súas nais no pasto dende o nacemento, sendo destetados entre os meses de maio e xuño de 2025. Tras o destete, os becerros foron distribuídos segundo o peso vivo, sendo asignados aleatoriamente a un dos tres grupos de tratamento para a fase de cebo, segundo a cantidade de aceite esencial incorporado ao concentrado:

– Grupo control (G0): sen suplementación de aceite no concentrado.
– Grupo de baixa suplementación (G1): 10 mL/becerro.día de aceite no concentrado.
– Grupo de alta suplementación (G2): 20 mL/becerro.día de aceite no concentrado.

Tras o destete, os becerros foron trasladados ao cebadoiro, onde foron aloxados de acordo coa normativa de ordenación das granxas bovinas e as condicións indicadas pola IXP Ternera Gallega (Consello Regulador da IXP Ternera Gallega, 2024). As dietas subministradas aos becerros consistiron en herba seca xunto con unha das tres formulacións de concentrados: un concentrado de control (G0), un concentrado de baixa suplementación (G1) e un concentrado de alta suplementación (G2). A herba seca e os concentrados ofrecéronse simultaneamente en comedeiros separados, reabastecéndose cada mañá e consumíndose ad libitum durante o período de 90 días previo ao sacrificio, que se realizou aos 312 días de idade.

O concentrado formulouse con fariña de soia, fariña de cebada, fariña de millo, millo moído DDGS, fariña de colza, melaza de remolacha, carbonato de calcio, sal, Progando Mix Supra 0,3%, fosfato dicálcico e un axente hixienizante. No concentrado destinado a G1 e G2, durante a súa fabricación engadiuse aceite en baixa e alta concentración, respectivamente.

A inxestión de concentrado e herba seca calculouse diariamente para cada grupo como a diferenza entre a cantidade ofrecida e a rexeitada (consumo medio: 6,10 kg MS/becerro.día e 2,07 kg MS/becerro.día, respectivamente). Os becerros pesáronse cada 15 días dende o destete ata o sacrificio para determinar as ganancias medias diarias (GMD). Ademais, mediuse o perímetro torácico (PT) con cinta métrica, de acordo co descrito por Pareja e Pinilla (2007).

Durante o estudo experimental, realizáronse dúas ecografías sobre os becerros: unha no momento do destete e outra inmediatamente antes do sacrificio co ecógrafo EXAPAD MINI (Humeco), para avaliar o grosor da graxa subcutánea dorsal ao nivel da 12ª – 13ª costela (SCF12) e para determinar a área do músculo Longissimus dorsi (LD) ao nivel da 12ª – 13ª costela (ULMA).

Unha vez que os becerros alcanzaron a idade de sacrificio, foron pesados para determinar o seu peso vivo ao sacrificio (PVS) e posteriormente transportados ao matadoiro de acordo co Regulamento (CE) 853/2004 e Regulamento (CE) 1/2005. Tras o sacrificio, determinouse o peso da canal fría (PCF) e a clasificación EUROP, segundo o Regulamento (UE) 1308/2013.
Ás 48 horas postmortem, o músculo Longissimus thoracis (LT) foi diseccionado da metade esquerda da canal e transportado a unha temperatura de 4 °C ao Centro Tecnolóxico da Carne (Ourense), onde se realizaron as análises fisicoquímicas e o perfil de ácidos graxos da carne.

Resultados e discusión

Parámetros in vivo

Respecto aos parámetros in vivo nos becerros do estudo, os resultados presentados na Táboa 1 non mostraron diferenzas significativas entre os distintos tratamentos. O perímetro torácico no destete e sacrificio (PTD e PTS) mostrou valores moi similares entre grupos.

As ganancias medias diarias (GMD) foron semellantes en todos os grupos, aínda que lixeiramente maiores no grupo con maior suplementación con aceites (G2).

Observáronse fortes correlacións positivas, baseadas na análise de correlación de Pearson (intervalo de confianza do 95%, P < 0,001), entre o perímetro torácico ao destete e o peso vivo ao destete (r = 0,81), así como entre o perímetro torácico ao sacrificio e o peso vivo ao sacrificio (r = 0,94).

Nas medicións ecográficas in vivo dos animais, mostradas na Táboa 2, non se atoparon diferenzas significativas entre os diferentes tratamentos para a área de LD entre a 12ª e a 13ª costela no destete (ULMAD) e no sacrificio (ULMAS). Os valores obtidos mediante ecografía son comparables aos sinalados por Carballo, Oliete e Moreno (2004) en becerros de entre 8 e 10 meses de idade (54,90 e 83,94 cm²) e por Varela (2002) en touros de 18 e 24 meses, con valores comprendidos entre 87,46 e 103,77 cm². Cómpre salientar que, nestes estudos realizados no CIAM, de acordo co descrito por Varela (2002), o perímetro do músculo Longissimus foi trazado en papel de acetato sobre a porción de lombo extraída da canal e posteriormente planimetrado, expresándose a superficie resultante en cm².

Non se observaron diferenzas significativas entre grupos de tratamento para o grosor da graxa subcutánea ao nivel da interface das costelas 12 a 13 no destete (UFATD) e sacrificio (UFATS).

Os ULMAS mostraron correlacións de Pearson positivas co perímetro torácico (r = 0,46), peso da canal (r = 0,54), rendemento da canal (r = 0,60) e nivel de engraxameto (r = 0,67), indicando que a área do músculo Longissimus dorsi é un bo indicador do desenvolvemento muscular nos becerros da raza Rubia Galega.

Nas figuras 2 e 3 móstranse exemplos de imaxes ecográficas obtidas durante o presente estudo cos becerros da raza Rubia Galega.

Características na canal

Non se observaron diferenzas significativas entre o grupo control e os grupos suplementados con aceites esenciais no peso (PCF) e no rendemento da canal (R).

Na clasificación EUROP, sí se observaron diferenzas significativas, como se amosa na Táboa 3. En canto á clasificación por conformación (CS), detectáronse diferenzas significativas entre o grupo control (G0: R+) e o grupo con maior suplementación de aceites esenciais (G2: U).

Non se observaron diferenzas significativas na clasificación por estado de engraxamento, obtendo un valor medio de 2+ en todos os tratamentos.

Segundo os prezos do mercado de Amio publicados por Campo Galego (11 de febreiro de 2026) para a IXP Ternera Gallega, os becerros con maior conformación (G2) acadaron un prezo medio de 7,67 €/kg de canal, fronte aos 7,57 €/kg dos non suplementados (G0). Isto supuxo, de media, 195 euros máis por canal nos animais con alta suplementación fronte aos non suplementados.

Características de calidade da carne

Na composición química da carne, representada no Gráfico 1, os animais non suplementados mostraron unha porcentaxe significativamente menor de humidade en comparación cos becerros de G1 (P < 0,01). Á súa vez, a proporción de proteínas foi significativamente maior en G2 que en G1 (P < 0,05), sen diferenzas significativas observadas entre G0 e os grupos suplementados.

A porcentaxe de cinza foi significativamente maior G2 en comparación con G0 (P < 0,05), e, inversamente, os niveis de graxa intramuscular foron significativamente máis baixos en G2 en comparación con G0 (P < 0,01). Estes resultados suxiren que os niveis altos de suplementación deron lugar a unha carne máis magra e de mellor composición nutritiva.

Os niveis altos de suplementación deron lugar a unha carne máis magra e de mellor composición nutritiva

O pH₍₂₄₎ foi significativamente maior en G2 fronte a G0 e G1 (P < 0,05). De acordo co indicado por Moreno (2004), os valores de pH elevados, están asociados con valores proteicos máis alto.

En canto á coloración da carne, observáronse diferenzas significativas nas coordenadas tricromáticas entre G2 e os tratamentos G0 e G1, tal e como se mostra no Gráfico 2. A luminosidade (L*) foi significativamente maior en G2 fronte a G1 (P < 0,05), sen diferenzas apreciables en comparación con G0. Os valores de G2 superaron os reportados por Franco et al. (2008) para tenreira de Rubia Galega suplementada con extractos de romeu e uva (40,5 e 42, respectivamente). Do mesmo xeito, o índice de vermello (a*) foi máis elevado en G2 que en G1 (P < 0,01), mentres que non se detectaron diferenzas significativas entre G0 e os grupos suplementados. O índice de amarelo (b*) foi significativamente maior en G2 en comparación con G0 e G1 (P < 0,05). O nivel máis alto de suplementación con aceites naturais no grupo G2 resultou nunha mellora significativa nos parámetros da cor da carne. As coordenadas tricomátricas máis elevadas no grupo con maior suplementación pódese atribuir á presenza de compostos como carotenoides e tocoferoles contidos no aceite de sementes de R. Communis, que actúan de maneira sinérxica mellorando a estabilidade oxidativa do músculo (Franco et al., 2010).

Perfil lipídico da carne

A porcentaxe total de ácidos graxos n-3, representada no Gráfico 4, foi significativamente superior no grupo dos becerros con maior nivel de suplementación de aceites (G2) respecto ao grupo control (G0) (P < 0,01), principalmente debido a que os niveis dos ácidos graxos omega-3: EPA, DPA e DHA foron significativamente máis elevados no grupo G2 fronte a G0, como se pode observar no Gráfico 3 (P < 0,01, P < 0,05 e P < 0,01, respectivamente). Estes resultados coinciden cos descritos por González et al. (2014), que observaron maiores niveis de DPA en becerros suplementados con aceite de liñaza fronte a outras fontes de sementes oleaxinosas. Con todo, no presente estudo os valores foron incluso superiores aos reportados por estes autores (1,63% fronte a 0,39% DPA). Isto podería indicar que, no grupo con maior suplementación, o elevado contido de ácido α-linolénico (ALA; 1,07 g/100g aceite) na dieta seguiu unha vía metabólica diferente no rume, reducindo a formación de ácido vaccénico (VA) como intermediario e favorecendo unha maior dispoñibilidade de ALA, precursor de ácidos graxos n-3, como EPA e DPA e, en menor medida, DHA (González, 2021; Moallem, 2018; Moreno, 2004). Pola contra, no grupo non suplementado, os maiores niveis de VA suxiren que unha maior proporción do ALA foi transformada neste ácido graxo intermediario durante a biohidroxenación ruminal (González, 2021).

En relación ca porcentaxe total de ácidos graxos n-6, representada no Gráfico 4, os niveis foron tamén significativamente máis elevados en G2 fronte a G0, sen diferenzas significativas entre G1 e os demais grupos (P < 0,05). Resulta especialmente relevante o índice nutricional n-6/n-3, xa que en todos os tratamentos observouse unha relación n-6/n-3 inferior a 4, valor considerado diatéticamente recomendable para a saúde do consumidor (Moreno, 2004), sen mostrar diferenzas significativas entre grupos.

No Gráfico 5 amósase que debido a unha maior porcentaxe de ácidos graxos n-3 e n-6 no G2, o total de PUFA foi significativamente maior no grupo de maior suplementación fronte ao control, mentres que non se detectaron diferenzas significativas entre G1 e os outros grupos (P < 0,01).

Non se atoparon diferenzas significativas na porcentaxe de MUFA, así como tampouco na porcentaxe total de SFA entre tratamentos. Os valores de SFA obtidos foron similares aos reportados por González et al. (2014) en dietas suplementadas con aceites de liñaza, xirasol e soia (49,36 %).

No Gráfico 6 pódese observar que o grupo con maior suplementación mostrou menores niveis de ácido mirístico (C14:0) en comparación con G0, ácido coñecido polo seu efecto hipercolesterolémico (P < 0,01) (Temme et al., 1997). Finalmente, a relación PUFA/SFA foi significativamente maior en G2 respecto ao grupo G0 (P < 0,05). Non obstante, ningún dos grupos acadou o valor dietético recomendado de 0,45 ou superior (Moreno, 2004).

Conclusións

O emprego de aceites naturais no concentrado non modificou os parámetros in vivo dos becerros, pero con niveis máis elevados de suplementación mellorouse a conformación da canal, incrementando o seu valor comercial, e dando lugar a unha carne máis magra, cunha mellor composición química, mellores características de cor e cun perfil lipídico máis saudable, ao aumentar o contido en ácidos graxos poliinsaturados, incluíndo os n-3 (DPA, EPA e DHA), beneficiosos para a saúde humana.

Este traballo realizouse cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e pola Xunta de Galicia.

Bibliografía

Bispo E, Monserrat L, González L, Franco D, Moreno T (2010b) Effect of weaning status on animal performance and meat quality of Rubia Gallega calves. Meat Sci 86: 832-838.Bispo E, Moreno T, Latorre A, González L, Herradón PG, et al. (2010a) Effect of weaning status on lipids of Galician Blond veal: Total fatty acids and 18:1 cis and trans isomers. Meat Sci 86: 657-663.

Bispo E, Moreno T, Thomas A, Durand D, Monserrat L, et al. (2011) Effects of weaning and finishing feeding treatment on fatty acids, especially cis and trans C18:1 isomers, in Longissimus thoracis muscle of Galician Blond calves. Animal 5: 861-868.

Bispo Villar E (2010) Influencia de la lactancia materna y del sistema de producción en la carne de terneros Rubia Gallega: calidad organoléptica y contenido de isómeros 18, 1″ cis-trans” en el perfil lipídico. PhD thesis, Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, Spain.
Campo Galego (2026, 12 de febrero). Sin cambios en los precios de Ternera Gallega y baja el vacuno mayor en el mercado de Amio. Campo Galego. https://www.campogalego.es/sin-cambios-en-los-precios-de-ternera-gallega-y-baja-el-vacuno-mayor-en-el-mercado-de-amio/

Cánovas BR, Rincón AG (2023). Meat Consumption and sustainability: Attitudes in Spanish younger generations.
Carballo J, Oliete B, Moreno T. (2004) Categorización de las canales de ternero producidas en Galicia. Arch Zootec 53: 119-128.

Consejo Regulador de la IGP Ternera Gallega (2024) Pliego de condiciones de la indicación geográfica protegida Ternera Gallega.

Franco D, González L, Bispo E, Moreno T, Monserrat L (2008) Enhancement of shelf life from meat proceeding from Blond Galician calves using antioxidant. EJEAFChe 7: 3296-3300.

Franco D, González L, Bispo E, Rodríguez P, Garabal JI, et al. (2010) Study of hydrolyzed protein composition, free amino acid and taurine content in different muscles of Galician Blond beef. J Muscle Foods 21: 769-784.

González González L (2021) Suplementación con semillas oleaginosas en la dieta de terneros de raza Rubia Gallega: modificación del perfil lipídico de la carne. PhD thesis, Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, Spain.

González L, Moreno T, Bispo E, Dugan ME (2022) Feeding extruded linseed or soybean and hay free-choice to Rubia Gallega young heifers does not substantially alter health-enhancing fatty acids in meat. Anim Prod Sci 62: 1618-1629.

González L, Moreno T, Bispo E, Dugan MER, Franco D (2014) Effect of supplementing different oils (linseed, sunflower and soybean) on animal performance, carcass characteristics, meat quality and fatty acid profile of veal from Rubia Gallega calves. Meat Sci 96: 829-836.

Moallem U (2018) Invited review: Roles of dietary n-3 fatty acids in performance, milk fat composition, and reproductive and immune systems in dairy cattle. Journal of dairy science 101(10): 8641-8661.

Moreno López T (2004) Efecto de la extensificación en la calidad de la carne y de la grasa de animales acogibles a la IGP Ternera Gallega. PhD thesis, Universidad de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, Spain.

Moreno T, Keane MG, Noci F, Moloney AP (2008) Fatty acid composition of M. longissimus dorsi from Holstein–Friesian steers of New Zealand and European/American descent and from Belgian Blue × Holstein–Friesian steers slaughtered at two weights/ages. Meat Sci 78: 157-169.

Moreno T, Varela A, Oliete B, Carballo JA, Sánchez L, et al. (2006) Nutritional characteristics of veal from weaned and unweaned calves: discriminatory ability of the fat profile. Meat Sci 73: 209-217.

Moreno T, Varela A, Portela C, Pérez N, Carballo JA, et al. (2007) The effect of grazing on the fatty acid profile of longissimus thoracis muscle in Galician Blond calves. Animal 1: 1227-1235.

Pareja JP, Pinilla CA (2007). Efecto de la proporcionalidad de las medidas morfológicas en el desempeño productivo de toretes Brahman en pastoreo.

Real Decreto 1053/2022, de 27 de diciembre, por el que se establecen normas básicas de ordenación de las granjas bovinas. (2022). Boletín Oficial del Estado, 312, 29 de diciembre de 2022.

Regulamento (CE) n.º 1/2005 (2005). Protección dos animais durante o transporte e as operacións relacionadas. Diario Oficial da Unión Europea, L 3, 1–44.

Regulamento (CE) n.º 853/2004 (2004). Normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal. Diario Oficial da Unión Europea, L 139, 55–205.

Regulamento (UE) n.º 1308/2013 (2013). Polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e se derrogan os Regulamentos (CEE) n.º 922/72, (CEE) n.º 234/79, (CE) n.º 1037/2001 e (CE) n.º 1234/2007. Diario Oficial da Unión Europea, L 347, 671–854.

Temme EHM, Mensink RP, Hornstra G(1997) Effects of medium chain fatty acids, myristic acid and oleic acid on serum lipoproteins in healthy subjects. J Lipid Res 38: 1746-1754.
Varela García A (2002) Estudio de las variables que afectan a la producción del tipo cebón. PhD thesis, Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, Spain.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *