En marcha una nova edición das bolsas de posgrado da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario
As becas teñen como finalidade promover a excelencia académica, impulsar a especialización en áreas estratéxicas e contribuír ao desenvolvemento profesional do talento novo, poñendo especial atención no compromiso con Galicia

A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas mantén aberta a V Edición das Bolsas de Posgrao, unha convocatoria destinada a apoiar a formación especializada de mozos e mozas titulados universitarios que desexen ampliar a súa preparación académica, tanto en España como no estranxeiro.
Estas bolsas teñen como finalidade promover a excelencia académica, impulsar a especialización en áreas estratéxicas e contribuír ao desenvolvemento profesional do talento novo, poñendo especial atención no compromiso con Galicia, tal e como recollen as bases da convocatoria. As bolsas estarán dotadas cun máximo de 40.000 euros, destinados a cubrir estudos oficiais de máster ou tese doutoral en centros de recoñecido prestixio.
A convocatoria está dirixida a persoas tituladas universitarias que cumpran os requisitos detallados nas bases, entre os que se inclúen a vinculación con Galicia, a acreditación académica e a admisión no centro de destino.
Entre os obxectivos da V Edición de Bolsas de Posgrao está promover o desenvolvemento do talento con capacidade de impacto no tecido profesional galego, así como impulsar oportunidades de formación avanzada en diversas áreas disciplinares e reforzar o compromiso coa excelencia, a educación e o crecemento social e económico de Galicia.
Con esta quinta edición, a Fundación renova o seu compromiso co talento, a formación continua e o impulso de oportunidades que permitan ás persoas novas acceder a estudos de alta cualificación, favorecendo o seu futuro profesional e contribuíndo ao progreso colectivo.
A inscrición debe realizarse exclusivamente a través do apartado “Convocatorias” da web da Fundación.



