Seguimento da rata toupa desde o espazo: unha nova ferramenta para o control desta praga en Galicia
Satélites e intelixencia artificial permiten anticiparse aos danos en prados de montaña

A rata toupa (Arvicola scherman) é un dos principais problemas para a gandaría en zonas de media montaña, xa que provoca danos importantes nos prados e resulta difícil de controlar. O seguimento tradicional baséase en visitas ao campo, que levan moito tempo, custan cartos e adoitan cubrir só pequenas áreas. Ademais, esta especie desprázase e coloniza novos terreos con rapidez, o que complica aínda máis a aplicación de medidas eficaces. Por iso, nos últimos anos empezou a explorarse o uso da teledetección como unha ferramenta útil para mellorar a xestión do problema.
As imaxes de satélite permiten detectar cambios no estado da vexetación dos prados, cambios que moitas veces están relacionados coa actividade dos topiños. A partir desta idea, desde a Consellería do Medio Rural desenvolveuse un método que combina imaxes do satélite Sentinel-2 con técnicas de intelixencia artificial para dous obxectivos moi prácticos: identificar con detalle que zonas teñen máis risco de ser ocupadas pola rata toupa e estimar o nivel de dano nos prados en función da perda de vigor da herba.
O estudo realizouse no oriente da provincia de Lugo, nos concellos das Nogais, Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela, nunha superficie duns 1.285 km². É unha zona moi representativa da gandaría de montaña: parcelas pequenas, prados e pasteiros combinados con cultivos, monte e vexetación natural, explotacións extensivas e presenza de montes comunais. Para coñecer a abundancia da rata toupa fixéronse inspeccións directas nos prados, rexistrando a presenza de montículos de terra ao longo de transectos, tanto en primavera como en outono, entre os anos 2021 e 2024. Con estes datos calculouse un índice sinxelo que indica se a parcela non ten actividade ou se está pouco, medianamente ou moi afectada.
Paralelamente, analizáronse imaxes de Sentinel-2 xunto con datos meteorolóxicos (temperatura, chuvia e humidade). Estudáronse 26 variables relacionadas coa vexetación e o solo, que serviron para localizar os hábitats máis favorables á especie e para crear un Índice de Dano Optimizado (ODI). Este índice ten a vantaxe de ter en conta o clima de cada ano, o que permite diferenciar mellor se un prado está peor pola acción dos topiños ou por unha seca ou unha mala estación.
Para a predición de hábitats empregouse un modelo de intelixencia artificial que acadou unha precisión moi alta, arredor do 97 %. Aplicado a toda a zona de estudo, permitiu estimar que aproximadamente o 30 % do territorio presenta condicións favorables para a rata toupa. O índice de dano desenvolveuse a partir de máis de 16.700 observacións de campo e demostrou ser especialmente útil cando se analiza a escala anual e, sobre todo, nos meses de abril e agosto, que coinciden con momentos clave tanto para o crecemento da herba como para a actividade dos topiños.

Ortofoto da zona de proba de predición e dos resultados da clasificación, onde os píxeles de 10×10 metros asignados ao hábitat da rata toupa aparecen resaltados en amarelo claro.
Grazas á aplicación conxunta destes modelos puidéronse avaliar máis de 23.800 parcelas e seguir a evolución da especie entre 2021 e 2024. Os resultados indican que 2021 e, especialmente, 2022 foron anos de alta actividade e maior dano nos prados, mentres que en 2023 e 2024 se observa unha redución progresiva da presenza da rata toupa e unha recuperación da vexetación. Mesmo nos anos con menos datos directos de campo, o sistema foi capaz de detectar cambios coherentes na poboación, o que demostra a súa utilidade para o seguimento continuo.

Área afectada pola rata toupa, onde se aplicaron tanto o modelo de identificación de hábitats como o modelo do Índice de Dano para inferir a abundancia da especie en relación co dano á vexetación nos hábitats potenciais. A cor dos contornos representa o Índice de Abundancia (IA) inferido para cada parcela en cada ano, segundo o gradiente mostrado á dereita.
En conxunto, este traballo pon de manifesto que as imaxes do satélite Sentinel-2 son unha ferramenta moi valiosa para o seguimento e a predición das poboacións de rata toupa, unha especie escavadora que provoca perdas importantes nos sistemas agrarios. Fronte aos métodos tradicionais de mostraxe en campo, que requiren moito esforzo e adoitan cubrir áreas limitadas, a teledetección ofrece unha alternativa eficaz, de baixo custo e aplicable a grandes superficies, permitindo unha vixilancia máis continua, precisa e practicamente en tempo real.
Un dos aspectos máis relevantes é a capacidade do modelo para identificar tanto zonas xa ocupadas como áreas con alto risco de colonización, e mesmo para inferir a dinámica das poboacións en anos nos que non se dispón de datos directos de campo. Isto supón unha clara vantaxe estratéxica para a xestión, xa que permite anticiparse ao problema, localizar as zonas máis vulnerables e aplicar medidas de control de forma preventiva e focalizada. Este enfoque resulta especialmente útil en territorios con paisaxes moi fragmentadas e orografía complexa, como os da Cornixa Cantábrica, onde a dispersión xuvenil e a sobreexplotación local dos hábitats provocan fortes variacións na presenza da especie.
O estudo tamén abre a porta a melloras futuras, como a incorporación de datos climáticos máis detallados, a validación con series longas de seguimento en campo e o uso de novas tecnoloxías, por exemplo sensores térmicos ou drons, que permitan detectar madrigueiras e danos en vexetación máis densa. Así mesmo, o emprego de técnicas avanzadas de aprendizaxe automática pode axudar a entender mellor como o uso do solo inflúe na dispersión da rata toupa e a desenvolver modelos máis realistas da súa expansión.
En definitiva, esta investigación demostra que a combinación de teledetección e intelixencia artificial non só mellora a vixilancia e o control da rata toupa, senón que tamén contribúe a estratexias de manexo máis sostibles, económicas e adaptadas á realidade agraria a gran escala. Estes avances apoian unha transición cara a sistemas de control preventivo, mellor axustados ao contexto agrícola e ecolóxico da Cornixa Cantábrica e con beneficios directos para a xestión dos prados e das explotacións gandeiras.



