O proxecto Rebaños de Custodia impulsa no Courel un pastoreo estratéxico para previr incendios e conservar a biodiversidade
A iniciativa, liderada pola Fundación Juana de Vega xunto coa Fundación Pau Costa e OVICA, traballará durante os próximos tres anos con gandeiros, comunidades de montes e entidades do territorio.
O Grupo Operativo Supraautonómico Rebaños de Custodia deu comezo á súa actividade cunha primeira visita de campo no Courel, zona piloto deste proxecto que busca reforzar a gandería extensiva como ferramenta para previr incendios forestais e conservar a biodiversidade.
A xornada serviu para presentar as actuacións previstas para os vindeiros tres anos, ata abril de 2029, e abrir un proceso de traballo participativo coas persoas e entidades do territorio. O Courel é unha das tres áreas piloto do proxecto, xunto co Macizo do Garraf (Barcelona) e a Serra do Montsec (Lleida), que permitirán probar solucións en distintos contextos e extraer aprendizaxes aplicables a outras zonas.
No encontro participaron o persoal técnico da Fundación Juana de Vega, entidade coordinadora; a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA), entidade socia; e Xan Pouliquen, integrante do equipo técnico e especialista en pastoreo e manexo agroecolóxico.
Asistiron tamén gandeiros e comunidades de montes, xunto con representantes da Asociación Galega de Custodia do Territorio, a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, o GDR Ribeira Sacra-Courel, o Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel e o Concello de Folgoso do Courel.
Un proxecto para recuperar a xestión do territorio
Rebaños de Custodia xorde a partir do traballo desenvolvido pola Fundación Juana de Vega tras os grandes incendios que afectaron o Courel en 2022, que puxeron de manifesto a necesidade de recuperar a actividade gandeira e a xestión activa do territorio para reducir o risco de lumes.
O proxecto dá continuidade á iniciativa CAPRIF-CC e traballará para facer máis viable a gandería extensiva en espazos estratéxicos para a prevención de incendios e a conservación da biodiversidade.
Ademais de xerar actividade económica e contribuír a fixar poboación no rural, a gandería extensiva proporciona servizos ecosistémicos que benefician o conxunto da sociedade, como a redución da vexetación combustible e o mantemento da paisaxe. Para reforzar a súa viabilidade,
Rebaños de Custodia impulsará a creación de zonas de pastoreo adaptadas á realidade do Courel e dotadas das infraestruturas necesarias para facilitar o manexo do gando. Así mesmo, o proxecto deseñará fórmulas para recoñecer e remunerar os beneficios que esta actividade xera, como son os pagamentos por servizos ecosistémicos.
Próximos pasos
Esta primeira visita abre un proceso que continuará durante os vindeiros tres anos mediante encontros, entrevistas, traballos técnicos, visitas de campo e sesións de traballo colectivo. Entre
as primeiras actuacións atópase a identificación das áreas nas que o pastoreo poida achegar un maior beneficio, tanto para reducir a acumulación de vexetación como para crear paisaxes máis
resilientes fronte aos incendios.
Nun territorio de alto valor ecolóxico como o Courel, o proxecto estudará como compatibilizar a actividade gandeira coa conservación dos hábitats e das especies presentes, adaptando as prácticas de pastoreo ás características de cada zona.
Durante o encontro abordáronse cuestións relacionadas co abandono dos pastos, o acceso á terra, a falta de infraestruturas e as dificultades administrativas que afrontan as explotacións. As
persoas participantes coincidiron na importancia de reforzar a colaboración entre comunidades de montes, gandeiros, asociacións e administracións públicas para garantir unha xestión activa
do territorio e recoñecer o papel que desempeña a gandería extensiva na prevención de incendios, na conservación da paisaxe e no desenvolvemento rural.
Sobre Rebaños de Custodia
O Grupo Operativo Rebaños de Custodia está liderado pola Fundación Juana de Vega, xunto coa Fundación Pau Costa e OVICA como entidades socias, e Xan Pouliquen, a Universidade de Girona e Exurga como membros colaboradores. Está financiado mediante as axudas para proxectos de innovación de interese xeral por grupos operativos da AEI-Agri, no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, cofinanciadas nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).



