Unha empresa galega exporta a Europa as súas solucións intelixentes para o sector agropecuario

O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza” iniciábase en 2022 impulsado pola Consellería de Economía e Industria -a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-, entidade encargada da súa xestión e coordinación. Na cuarta edición do programa, que acaba de concluír, participaron 30 pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade.
Durante os dez meses de duración do programa, traballouse na saída ao exterior das empresas e tamén na consolidación internacional das que xa tiñan experiencia neste eido, abríndolles novos mercados ou accedendo a novos segmentos de clientes. Axudóuselles a mellorar a súa estratexia comercial internacional, avanzouse na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais, así como na detección de posibles colaboracións con outras empresas.
Entre as pemes participantes atópase a firma ourensá Gómez y Crespo, dedicada ao desenvolvemento de produtos innovadores para o sector agropecuario e para afeccionados á agricultura. Destacan pola súa integración tecnolóxica mediante sensores, monitorización e aplicacións para móbiles.
Uso de tecnoloxía avanzada e deseños propios
Para o sector agropecuario profesional comercializa bebedoiros automáticos, forraxeiras e sistemas de alimentación para avicultura, cunicultura e outras especies gandeiras. Os seus produtos caracterízanse pola resistencia dos materiais, o uso de tecnoloxía avanzada e un deseño enfocado na mellora da eficiencia produtiva das explotacións. Estas solucións, de deseño propio, xa se comercializan amplamente en España e Portugal.
Ademais, desenvolve produtos específicos para usuarios particulares con pequenas explotacións domésticas ou semiurbanas, motivados polo autoconsumo, afección ou benestar animal. É o caso de galiñeiros intelixentes, con paneis e sensores conectados a unha aplicación móbil; coelleiras tecnolóxicas con control ambiental dixital; forraxeiras de precisión, equipadas con sensores dixitais para monitorizar o consumo de alimento; ou aviarios ornamentais conectados, que permiten controlar parámetros como temperatura, humidade e alimentación.
A empresa ten o seu foco posto en Marrocos, Alxeria e Emiratos Árabes Unidos
Por outro lado, a firma ten unha liña orientada ao cultivo urbano e doméstico, en resposta á crecente demanda de solucións sustentables e eficientes, como mesas de cultivo con sistemas de hidroponía. E ofrece outra liña especializada en produtos para mascotas, con solucións innovadoras como bandexas sanitarias, hamacas, wc automáticos para coellos ou gatos, comedeiros e bebedoiros.
Xa consolidada no mercado nacional, o 45% da súa facturación global procede das exportacións. O plan de internacionalización de “Galicia Avanza” enfocouse nunha primeira fase a Italia, Reino Unido, Alemaña, Polonia e Francia. Ademais, de cara a unha futura internacionalización, realizáronse prospeccións de mercado en rexións de gran dinamismo comercial e potencial de crecemento como Marrocos, Alxeria e Emiratos Árabes Unidos.
Tecnópole
O Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole é unha sociedade participada pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía e Industria. Situado no Concello ourensán de San Cibrao das Viñas, leva máis de tres décadas impulsando o talento e a innovación a través do seu centenar de empresas tecnolóxicas e os seus centros de I+D. Está comprometido co desenvolvemento sustentable, a igualdade de xénero e a divulgación científica.



