O proxecto ReWoW extrae do dixestato compostos aromáticos, emendas e biosurfactantes

Deseñará e validará un sistema modular que integra pretratamentos avanzados, fermentacións secuenciais e vixilancia en tempo real para converter o dixestato en tres bioprodutos modelo

O dixestato é o subproduto que xorde da descomposición anaeróbica da materia orgánica, é dicir, do proceso biolóxico natural onde microorganismos degradan a devandita materia orgánica en ausencia de osíxeno. O Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) traballa, a través do proxecto ReWoW (Revolutionizing the Waste of Waste: A new Bioeconomy-based business for digestate), na transformación do dixestato nunha valiosa materia prima para unha nova bioeconomía.

ReWoW introduce unha nova vía de valorización mediante o desenvolvemento da Fermentación Adaptativa Modular (MAF), un bioproceso de última xeración que combina a bioconversión microbiana coa optimización impulsada por intelixencia artificial (IA). Así, deseñará e validará un sistema modular que integra pretratamentos avanzados, fermentacións secuenciais e vixilancia en tempo real para converter o dixestato en tres bioprodutos modelo: biosurfactantes, compostos aromáticos e emendas de solo melloradas. Unha ferramenta de IA de dobre capa dará soporte á plataforma MAF, permitindo o modelado, a toma de decisións e o control de procesos en tempo real.

O proxecto tamén incorpora un marco de Deseño Seguro e Sostible para garantir o desempeño ambiental, económico e social desde o principio. Este enfoque integra criterios de seguridade e sostibilidade desde as fases temperás de deseño e desenvolvemento das tecnoloxías, o que permite anticipar impactos potenciais e reducir riscos para a saúde humana e o medio ambiente. Ademais, facilita a comparación de opcións e a selección de alternativas tecnolóxicas máis seguras, eficientes e sostibles.

O proxecto, no que participa a USC a través do CRETUS —centro cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027—, está coordinado pola Universitat Autonoma de Barcelona (UAB) e integrado tamén pola Università Degli Studi di Milano (Italia), WINGS ICT Solutions (Grecia), Fundació ENT (España), Aeris Tecnologías Ambientales S.L. (España) e UAntwerpen (Bélxica).

Ademais, acaba de recibir financiamento ao abeiro da convocatoria HORIZON-EIC-2025-PATHFINDEROPEN á que concorreron un total de 2.087 propostas. De entre estes dous milleiros de solicitudes de 71 países, só recibiron apoio 44, dúas delas na USC e con mulleres como investigadoras principais. No caso do CRETUS, o proxecto esta encabezado pola catedrática de Enxeñaría Química, María Teresa Moreira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *